Domingo 13.07.2008
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| CHOVE NO MES DE XULLO. Polo de agora non damos aparcado a roupiña de inverno FOTO: CHICO MIRÁS |
V.04 ALMIBRE CON RETROGUSTO
Se adoro viaxar, apenas preciso ás veces de facer unha viaxe para gozar dese saboriño. Os momentos previos, e mesmo os posteriores a unha viaxe gorentan case tanto coma ela mesma. A experiencia do desprazamento alóngase na preparación do mesmo, saboréase na estela de lembranzas das que gozar coma un retrogusto. Recompilo información para as miñas vacacións en agosto, reservo hotel por internet tras da galería de imaxes que poden adiantarme como podería ser o meu descanso, e á vez coloco nun álbum fotografías da viaxe que fixen hai algúns meses, eses resortes da memoria que hoxe clasifico e pulso coma teclas.
S.05 ATA O ROCÍO
Vou á festa de aniversario dunha escritora e dramaturga amiga que se celebra na súa finca da próxima vila de Cambre. O portalón permanece tan aberto coma os seus brazos, e a longa escalinata convídanos á parte alta da mesma, onde unha mesa no xardín nos agarda para cear ao aire libre. Está morna a tarde e é fermoso facer cousas así; agasállanlle con libros, con panos floridos para envolver o pescozo. E falamos de viaxes, do azar que xunta ás persoas, e falamos do novo homenaxeado para o Día das Letras 2009: a figura de Ramón Piñeiro parece contentar especialmente algúns sectores. Aledámonos no entanto, a pesar de que teñan que seguir agardando algúns dos nosos favoritos: non, a forza do noso amor non pode ser inútil. Metémonos á caloriña do lar cando a noite baixa e semella que refresca. Novas caras, novas voces, xunta a aqueles que xa son amigos. Unha velada tranquila e divertida ao abeiro desta casona de conto. É hora de marchar, xa quere brillar o rocío.
L.07 CÓCTEL MUSICAL
Teño noticia da presentación en sociedade -mañá e na Coruña- do novo grupo "ViSons", formado polos músicos Pulpiño Viascón e Pepe Doré xunto ás imaxes do fantástico fotógrafo Gabriel Tizón. Unha boa forma de fusión que terei que coñecer nalgunha oportunidade vindeira. Varios eventos á vez cando non se pode estar en dous lugares a un tempo.
M.08 TINTA CON PERSONALIDADE
Fágolle unha visita a unha amiga que me vai prestar un libro, e ela aproveita para me contar os seus problemas cun veciño. É incrible o que a xente ociosa pode chegar a facer para se entreter coa molestia do próximo: danos innecesarios, incomodidades sen fundamento, comportamentos paranoides, manía persecutoria. Ás veces a alma humana non sabe en qué enredar para pasar o anaco, o peor de todo é cando nese novelo se enguedella a outros.
Máis tarde, aproveito para pasar pola Galería Sargadelos, hoxe celébrase un novo "Martes Literario", o ciclo de lecturas que o director da sala -Claudio Pato- está continuando. E teño a sorte de poder escoitar dunha soa vez ao director de Estaleiro Editora, ese novo proxecto editorial que se sitúa á marxe das subvencións institucionais tanto coma das preitesías do mercado, ao poeta convidado e a María do Cebreiro, autora do prólogo de Plan de fuga e chegada dende Santiago para presentar o poemario. O autor, Alberto Lema, é un dos nomes honestos do panorama último en galego. Unha pluma coa suficiente personalidade e sobria elegancia como para facer unha aposta particular que non se asente na contraposición a outras. Un estilo que achega o que ten e non se define naquilo que lle falta. Iso e humanidade, tenrura crítica, conciencia, é o que trae o poemario do escritor de Unha puta percorre Europa.
M.09 cuspe de máis
Segue crispado o ambiente coa cuestión do manifesto en defensa do coitado idioma castelán, ese mesmo que fillos de pais galegofalantes non deixan de abrazar -polo menos- cando son educados en contornas urbanas. Se non se protexen ámbitos para o uso do galego en Galicia, onde se protexerán? Dirano en serio cando falan dun idioma "marxinado nos plans educativos"? Iso debe ser que nunca se meteron nunha aula dunha cidade galega. De veras pensan que os nenos/as non están aprendendo castelán, que carecen de competencias neste idioma, que lles faltarán capacidades para expresárense na devandita lingua? A min paréceme un chiste, a pouco que un se deixe de teorías e pense na práctica, no contexto real, na verdade da nosa situación sociolingüística do día a día. Preguemos polo sentido común, hoxe que abafamos de medidas ás veces amaneiradas en si mesmas e pouco adaptadas ás realidades. E dende logo non perdamos nunca o ollo crítico, pois con isto non quero dicir que as políticas lingüísticas estean a ser como para bater palmas, nin sequera -quen lles dera!- para considerar real que o castelán se sinta ameazado. Talvez unha reconsideración de estratexias consiga facer de veras prender nos corazóns o xermolo do galego.
X.10 CHUVIA
Chove en xullo e non damos aparcado a roupiña de inverno. É imposible concentrarse nunha estación e vivila como tal. O quentamento global non chega aos nosos veráns de 17 graos. Cada vez compensa máis marchar de vacacións en outubro, e ata en febreiro! Abúrrome destas pingas de chuvia mentres os meus vestidiños de tiras se aburren no armario.