Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] A Contra  |  RSS - A Contra RSS

dias (des)contados

Moitas grazas

13.01.2007

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

YOLANDA CASTAÑO

GRazas polo agasallo

A xente anda coma tola rematando as últimas compras de Reis. Confírmase que boa parte dos galegos/as, e españois en xeral, dan en deixalo todo para última hora. Así chegamos ao ridículo de que as tendas permanezan abertas, nun día coma hoxe, ata alén das 10 da noite. Que triste que o caso sexa comprar algo e entregalo mañá, case sexa o que sexa, e non que o agasallo saia da nosa cabeza, dunha súpeta idea brillante e necesaria, pase polo noso corazón e non precise de datas.

Unha sempre pensa que os seus agasallos saen dun aceno de espontáneo agarimo. E non me trabuco esta noite: uns marabillosos zapatos branqui-pretos ao estilo dos gángsters dos anos 40 pero con tacón e un enorme e requintado libro do meu adorado fotógrafo David LaChapelle aparecen coma por arte de maxia sobre a alfombra mentres durmo. Entusiásmome coa sorpresa. Talvez fun unha nena boa?

 

Agradezo o convite

Onte pola mañá unha chamada telefónica sacoume a última pequena desilusión: a fervente resposta ante a estrea do primeiro espectáculo do Centro Coreográfico Galego deixaba sen sitio –recibidas unha a unha, por orde, as confirmacións dos convites– a moitos dos que tivemos a sorte e honra de ter sido previamente convidados. Só a posibilidade dalgúns desbloqueos de reservas de última hora, deixarían un oco aos que xa engrosabamos as listas de espera. A tal anulación produciuse, chamáronme pois e devolvéronme o asento e a ledicia.

E así é que esta noite chegou a arelada hora da estrea do Vacuo de Maruxa Salas. Un Teatro Rosalía ansioso e completamente a rebordar entrégase con emoción e sobre todo con gana, moita gana. Os elementos da posta en escena (escenografía, iluminación) limpos: depurados, parcos pero exactos. O vestiario, orixinal pero contido. A música de Berrogüetto ía esvarando máis docemente nas instrumentais, nas de parte vocal faise máis complicado non gozar da presenza de Guadi Galego en favor dos movementos non demasiado sincronizados (nin falta que fai) de quince bailaríns de danza contemporánea. A progresión do espectáculo lixeiramente irregular, pero o resultado global un aprobado mesmo con nota, intres de sobresaliente e primeiro paso para só ir cara a arriba. Audiovisuais perfectamente integrados, movementos que recollen do clásico, cínguense coa modernidade e mesmo coquetean cun mínimo toque de ecos tradicionais galegos. Esperemos recuperar a débeda histórica, esta si, que o Goberno de Galicia tiña coa danza contemporánea.

Non, grazas
Penso que xa é o segundo ano consecutivo: as rebaixas comezan nin máis nin menos que un domingo, un domingo en que as tendas abren, énchense de xente que en vez de madrugar para traballar aproveita para acadar ‘as gangas que lle van cambiar a vida’ e no que os patróns gañan outro agosto e os empregados perden outro domingo. A min este ano as rebaixas xa me aburren. Non precisamos de nada diso e a tranquilidade case nunca está de saldo.

Pero o tema do día é a portada de Ana María Ríos, que saltou de ‘lercheo’ de perruquería a case un debate social. Todo o mundo ten algo que dicir, sexa a favor ou sexa en contra.

Eu por hoxe voume abster, pois motívame bastante menos. De calquera xeito se quedase a cousa neste simple aceno, pouco habería ao que lle dar voltas. Porén, non sei por onde, dáme que o temiña non fixo máis que comezar.

 

Agradezamos que alcen a voz

Recibo un libro que axiña me entusiasma. É unha coedición da Consellería de Cultura coa Difusora de Letras, Artes e Ideas, unha homenaxe colectiva de escritores e escritoras galegos/as a todos os homes e mulleres que foron represaliados pola ditadura franquista. Pezas en prosa, en verso e pezas plásticas ateigadas de emoción, de lembranza e sentido da xustiza. Isto si é memoria viva, nas plumas daqueles que aínda os aman. O título, inmellorable, sinxelamente: Volverlles a palabra.

1Grazas/’gra-cias’ por vir

Chego a Madrid para presentar a edición bilingüe galego-castelán do meu último libriño. Chea de ilusión pola boa acollida que está a ter este traballiño que tantos malos momentos me deu durante o proceso de escrita pero que tan ben comigo agora, o pobre, se está portando. Xúntome coa amiga Elena Medel –‘de Córdoba ao mundo hispanoparlante’– e marchamos cara á Televisión para sermos entrevistadas por Rioyo no seu Estravagario.

De alí saímos directas para a librería do Reina Sofía, a fantástica La Central, sita no novo engadido construído ao complexo do Museo Nacional e Centro de Arte. Alí agardan xa Luis Muñoz e Luísa Castro, con Elenita tres presentadores dos que lle fan caer a unha a baba pero tamén tres grandes bos lectores, tres sabias visións e sobre todo tres amigos.

Unha velada emocionada de encontro cun outro público, distinto e se cadra menos de perto pero desde logo cunha óptica á que lle rendo admiración, respecto e GRAZAS.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS