Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] A Contra  |  RSS - A Contra RSS

CALIDOSCOPIO DE CORES

Oriana Méndez: “A vida é unha aventura’’

17.06.2007 Poeta e estudante de Filoloxía galega. Naceu en Vigo, en 1984. Acaba de publicar o seu primeiro libro 'Derradeiras conversas co capitán Draft'. É unha moza culta e diferente

1.0/5 [1 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

POR LUPE GÓMEZ

Que cores che gustan?

A negra, a gris, a vermella. Gústannos as cores porque nos resultan agradables e cómodas estando con elas. Aínda que non me visto con moitas cores porque me dá moita vergoña. Uso moito a vermella, que é sincera. A negra non se sabe o que di. A gris pode ser moitas cousas.

 

De que cor é Vigo?

Podía dicir que é multicor como Londres. Pero non é certo. É gris pero iso para min non é negativo. É gris porque chove e hai industria, pero ao mesmo tempo está cheo de vida. Pola xente, polas praias. Pola cidade en si, porque se move, e por iso é unha cidade. É gris pero non é triste.

 

De que cor é Compostela?

Levo aquí cinco anos, dos que un ano o botei en París. Compostela é marrón porque está chea de pedra. Lévome mellor con Vigo que con Santiago. Vigo compréndeme mellor. Ao principio Compostela non me gustaba. Agora penso que non nos entendemos. Non hai comunicación, non me sinto cómoda no seu ritmo e tamaño.

 

Gustaríache vivir en París?

Soa non. Non volvería ir soa a París. París é un mundo, que non remata máis. É unha cidade enorme, poboadísima. A cidade de Europa con máis habitantes. É anónima e iso está moi ben. Podes facer o que queiras pola rúa e ninguén te mira. Berlín é hoxe o que foi París no século XIX. Pero París non desapareceu.

 

Galicia é a túa patria?

Si. A palabra patria non me incomoda. É onde están os meus, os que me gustan e os que non me gustan. É onde me sinto máis cómoda. É o que máis coñeces, o que máis comprendes, o que máis te quere. Non sei de que cor é Galicia. Para min non é verde.

 

Que e escribir para ti?

É un hábito primario do que xa non podo escapar, que ademais supón un método de coñecemento. É un hábito enriquecedor, no que aprendo continuamente. Escribo poesía dende os catorce ou quince anos. Empecei porque tiven o apetecemento, as ganas de facelo. Foi unha
pequena necesidade.

Que significa para ti o teu primeiro libro?

A boa acollida que está tendo é para min moi desconcertante. Que hou-bese tanta xente na presentación é para min unha sensación abrumadora, que me enche de felicidade. Chus Pato díxome que, fronte á normalidade coa que eu vivía o feito de publicar, "nunca se volve publicar un primeiro libro".

 

Chus Pato inflúe na túa poesía?

Si, moito. Chus foi a primeira poeta que lin. Os primeiros libros de poesía que lin eran de Chus Pato. Dende o principio ata hoxe quedei fascinada. Fascíname a violencia da súa escrita. Con todo o que significa a violencia en poesía, que é algo veloz, rápido, eficaz. Algo así é Chus. É rápida e indubidable.

 

Que é para ti a beleza?

É o que non nos deixa indiferentes, o que nos engancha. O que é belo e o que non é belo non é algo exactamente individual. Un porco despois da matanza "belo, belo, belo" non é. Son nocións grupais.

Para min é belo o que para a maioría da xente occidental de esquerdas é belo.

 

Cres na política?

Si. Todo é política. Todo o que facemos, todos os nosos actos son actos políticos.Todo implica unha posición no mundo. Creo que a nosa posición no mundo é o único determinante para cambialo.

 

Por que formas parte das Redes Escarlata?

Porque me ensinan moitas cousas, puntos de vista que non coñecía, unha visión sobre a poesía e sobre a política na que o fundamental é a liberdade de facer un pouco o que nos dea a gana sen esquecer que todo posicionamento é determinante. Que eu concibise o meu libro como o concibín é unha débeda co que vin nalgúns poetas das Redes.

 

A poesía debe ser suave?

Dicía eu que "hai que demoler o suave". Porque creo que é máis interesante o que agocha actitudes por descubrir. Non comprendo a calma falsa na que se instala a poesía suave porque non estamos calmados, nin o mundo é calmado, nin as nosas relacións son calmadas. Prefiro tentar ir un pouco máis alá e que saia a forza, a crueldade que
existe en todas as cousas.

 

Por que Filoloxía Galega está desvalorizada?

As Humanidades en xeral están un pouco desvalorizadas. Os traballos que hai despois dos estudos non nos prestixian. As Humanidades están valoradas porque son antigas, non son empresariais. Crearon o seu prestixio. Pero as saídas profesionais son escasas. A carreira perde interese, valor. Eu creo que fago o que me gusta.

 

Cal é a estación do ano que máis che gusta?

Antes era o inverno, e agora é a primavera dende que estiven en París e vin que era moi acolledora. É máis cálida. A xente na primavera decide empezar a saudarse. No inverno parece que están decaídos. Prefiro a primavera e o outono.

 

Vivimos na posmodernidade?

O momento agora é outro e achégase máis a chamarse transmodernidade. Trátase de vivir nesa nova etapa que veu despois de derrubar os principios da Ilustración. Iso é o que tentamos, desconcertados.

As cousas cambiaron pero seguen igual. Parece que xa non hai folgas nas fábricas pero chega a folga do metal de Vigo. Seguen existindo traballos precarios.

 

Que é a vida?

Eu que sei! É o único que temos. É un regalo, pero non sempre é un regalo. É unha aventura que nos veu dada e que debemos tratar de vivila coherentemente. A vida é
agradable e fascinante.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS