Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] A Contra  |  RSS - A Contra RSS

vAI DE BLOG

Aduaneiros sen Yolanda, Castaño sen fronteiras

17.10.2007 A lei de servizos da sociedade da información é un enxendro represor, nado no ventre do aznarismo

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

POR FRAN P. LORENZO

 FOTO: Pedro Castro
FOTO: Pedro Castro

Hai unha lei moi chunga, a Lei de servizos da sociedade da información (LSSI), que cumpriu, este pasado outubro, cinco anos en vigor. O tal enxendro represor naceu no ventre do aznarismo pero ningúen, no goberno socialista, ousou, nin creo que ouse xa, facer nada para mudala. Pois ben, a LSSI é, basicamente, un ataque contra a liberdade de expresión e unha sorte de medida cautelar que se aplica alí onde non hai un delito. Por se ascaso. A lei vulnera o dereito básico ao anonimato e obriga a todos os webmasters a expor os seus datos reais de contacto perante todos os usuarios de internet do mundo. De feito hai un portal bastante aterrador, whois.net, onde fica o rexistro de titulares de todos os dominios existentes, unha especie de patio de veciños universal onde calquera pode cheirar nas intimidades da rede. Con todo, iso non é o máis grave. Segundo esta Lei de fasquía popular, o titular dun dominio pode ser condenado polos comentarios vertidos por calquera nese dominio. O que significa apandar legalmente cos insultos, inxurias ou descualificacións que calquera descerebrado/a ou lúcido/a analista da realidade deite, onde poida, no seo da súa páxina. En principio, a LSSI afecta, como o seu nome indica, á categoría de Servizos da Sociedade da Información (SSI), pero ocorre que a concepción dun SSI, para os redactores do texto, é tan ampla que un simple banner nunha páxina persoal ou blog xa converte o titular do dominio nunha sorte de empresario ciberespacial. É flipante, pero é así. En resumo, a LSSI converte Internet nun inmenso zoco electrónico no que a información é mercadoría perfectamente taxada.

Esta triste circunstancia da LSSI aproveitouna o inefábel Ramoncín, outrora Rei do Polo Fritido, para meter nun preito unha web antiglobalización, www.alasbarricadas.org, que publicou nun foro comentarios lesivos para a honra do cantante (na sentenza todo o tempo lle chaman actor!) do tipo payaso, pedante, creído, tocapelotas ou chupacámaras. O incumprimento dos preceptos da LSSI foi o argumento esgrimido por unha acusación que conseguiu riparlles aos anarcos 6.000 eurazos que restituíronlle a integridade a Ramoncín. Flipo.

A poeta Yolanda Castaño man-doulles un recado estes días aos responsábeis da web humorística Aduaneiros sem fronteiras a través do seu avogado. A caricatura que os Aduaneiros realizaron da escritora deu pé a unha serie de comentarios que, de seguro, eran inxuriosos. E calquera comprende a indignación dun inxuriado, mesmo a de Ramoncín... Máis aínda neste caso, no que eses insultos, estou certo, destilaban un noxento e rancio machismo. Só que culpabilizar os mantedores dunha páxina dos contidos vertidos nela –e exonerar os que se escudan nese anonimato para insultar– é perigoso polo feito de que impón a censura e o control como praxe cotiá dun medio, Internet, que, para ben e para mal, é aberto, universal e anónimo, libre.

Ocorre que a reacción de Aduaneiros –fechar o seu portal alegando as presións da poeta e a imposibilidade de facer humor neste país– é vitimista e mesmo incríbel polo feito de que, aquí, non mediou denuncia nin querela nin acción legal efectiva por parte da poeta; si houbo unha petición, para min equivocada ou mal vehiculada, de que se retiraran os comentarios insultantes. Pero iso, acho, non xustifica a clausura, ou polo menos non a argumenta suficientemente. O que quere dicir que os Aduaneiros –aos que admiro polo seu enxeño poderoso e retranca en estado puro–, non deberían inmolarse na ara sacrificial de Yolanda; nin Yolanda –á que admiro pola construción consciente e desprexuízada, honesta, do seu mito poético–, debería reparar no que calquera rexoube no patio de veciños global. A non ser, claro, que as dúas partes, así, fiquen satisfeitas. Daquela, mellor calo.
franpl@galicia-hoxe.com

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS