Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Conciliar a vida familiar e laboral será algo máis doado a partir do curso 2006-07 en Galicia. O ano que vén a nosa comunidade disporá de 99 novas escolas infantís, que suporán 5.490 prazas educativas públicas para nenos de cero a tres anos. Esta medida, que suporá un aumento do 63,8% das prazas para estes cativos foi anunciada onte polo vicepresidente da Xunta.
Durante a presentación de Galescola, Anxo Quintana subliñou que o seu departamento destinará máis de 29 millóns de euros para pór en marcha este proxecto que ten como obxectivo imprimir "calidade" ó sistema de escolas infantís de Galicia. "Hoxe enterramos o concepto de gardería e punto de atención para pór en marcha un sistema homologado en todas as escolas infantís do país", indicou.
Estes case 100 centros crearán emprego directo a "non menos de 990 persoas".
Desta forma, e no prazo de ano e medio, destacou que Galicia se situará no 23% da cobertura de escolas infantís, tras experimentar un incremento do 63,8% nas súas prazas. Non obstante, este proxecto non será suficiente para alcanzar o 33% de media que marcan os parámetros da UE, "aínda que nalgúns puntos superaremos esta media", apuntou.
Quintana reclamou a participación dos concellos nun consorcio no que xa está integrada a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Por iso, e ante numerosos alcaldes galegos, entre os que se encontraban o de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o de Allariz, Francisco García, realizou un chamamento á "cooperación" entre a Administración autonómica e a local.
Así mesmo, reclamou "socios" entre o mundo empresarial para pór en marcha escolas infantís naquelas factorías con máis de 400 persoas. "Para iso necesitamos a súa disposición e apoio", indicou. Tamén precisou que Vicepresidencia colaborará co Sergas para abrir escolas infantís en todos os centros hospitalarios.
Polo equilibrio territorial
A Xunta porá en marcha 32 escolas na provincia da Coruña, ás que destinará 10 millóns, e creará 1.917 prazas; 32 en Pontevedra, con 10 millóns e 1.872 prazas; 18 en Ourense, con 4,5 millóns e 949 prazas, e 17 en Lugo, con 4,4 millóns e 772 prazas. A Vicepresidencia "fixo un esforzo" para equiparar as provincias do interior coas atlánticas a prol do "reequilibrio territorial".
Compromiso co país e en galego
O vicepresidente da Xunta destacou que Galescola se converterá nun "marco de garantía" e educará os nenos seguindo os parámetros do Proxecto Xeral de Normalización da Língua Galega -PXNLG-. "Serán escolas galegas e en galego que educarán en tolerancia, respecto e imaxinación e cun claro compromiso coa xente do país".