Xoves 29.07.2010
| Actualizado 18.52
Hemeroteca web
|
RSS
Montse Irago, de Agolada (Pontevedra) asegura que se foi a Pontevedra a traballar hai uns meses. Non quixo dicir o nome da asesoría na que foi contratada, "porque xa bastante me fixeron pasar" e teme ademáis que este asunto lle "pase factura" á hora de buscar outro traballo.
Esta muller denunciou que foi contratada en probas por unha asesoría na que lle recomendaron que falase en castelán. Como ela se dirixía en galego ós clientes que tamén lle falaban a ela neste idioma, a xefa "chamouna ó despacho e díxolle que non tiña que falar en galego. Ademais, lembroume que tiña que vestir con traxe, tacón e, se podía, perruquería. Evidentemente eu dixenlle que non tiña suficiente diñeiro, porque aínda non cobrara, para mercar un traxe, e que tacón non podía usar polo lombo. En canto ó do idioma, díxenlle que o tentaría. Comecei a falar en castelán, aínda que non todo o tempo. Estou demasiado acostumada a usar o galego", explicou a moza.
Finalmente foi despedida unha semana despois. "Segundo a xefa, porque non superara a semana de probas. Como non o cría, entrei no seu despacho e ela só me dixo: "Xa che comentei que tiñas que falar en castelán". Agora teño algo moi claro, cando vou ás entrevistas de traballo sei en que idioma debo presentarme", concluíu Irago.
Pola súa parte, os responsables da Mesa aseguraron na roda de prensa que estes casos son máis habituais do que parece, e que se deben a que Galicia necesita un novo estatuto que "non tolere discriminacións lingüísticas", afirmou Carlos Callón, presidente da asociación.
A empregada denunciou á asesoría por despedimento improcedente por discriminación lingüística, "é dicir, por vulnerar un dos dereitos fundamentais da Constitución", engadiu Callón. O xuízo será nos xulgados do Social de Pontevedra o próximo 28 de xuño.
Por outro lado, o Auditorio de Lalín acolleu onte o espectáculo multimedia ‘Descobre o teu Punto G’ en apoio ó galego na comarca do Deza. Músicos do conservatorio Folque, o grupo de Teatro Secundario, o contacontos Celsiño e alumnos do IES Pintor Colmeiro de Silleda participaron no acto de reflexión sobre a situación do galego, ese ‘punto G’ que significa buscar a identidade e recoñecer o galego como un elemento esencial da cultura.
Incúmprese o Plan en FerrolO voceiro do BNG no Concello de Ferrol, Xaime Bello, denunciou onte o incumprimento por parte do Goberno Local (PP e IF) do Plan de Normalización Lingüística e insta a que se respecte o uso do galego no Concello conforme a lexislación vixente. Estas peticións abordaranse na vindeira comisión informativa de Educación e no pleno ordinario.
Bello lembrou que durante o mandato anterior (BNG e PSOE) se impulsou a normalización lingüística a través de tres piares que agora non se están a respectar. Na actualidade, segundo analizou Bello, o gabinete “desapareceu fisicamente” e pasou a depender de Educación rebaixando o seu orzamento de 70.000 a 22.000 euros.