Xoves 02.09.2010  | Actualizado 18.54      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Portada  |  RSS - Portada RSS

estrea

Berrogüetto rompe o silencio dun lustro coa edición de "10.0"

25.05.2006 A banda procura unha relación directa co mercado a través da autoedición dun volume máis acústico

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

FRAN P. LORENZO. SANTIAGO

Os compoñentes de Berrogüeto momentos antes da presentación á prensa do seu último disco FOTO: Mon
Os compoñentes de Berrogüeto momentos antes da presentación á prensa do seu último disco
FOTO: Mon

Vén atrás dun demorado silencio, o que lle seguiu á publicación de Hepta, en 2001. Por iso 10.0 -un título que recende a futuro e a tecnoloxía-, é algo máis có novo e agardado disco de Berrogüetto ou a celebración de dez anos de experiencias musicais. En 10.0 hai unha sorte de estado de graza colectivo que permitiu a factura deste traballo que Anxo Pintos, voceiro da banda, definía onte como un "disco íntimo, sen artificios, case sen colaboracións"; máis eles ca nunca e debedores dun esencialismo que se filtra nos sons e nas letras deste regreso.

A materia prima fundamental da gravación -recoñecíano onte os integrantes do grupo-, é "a música tradicional". Malia iso non hai temas tradicionais neste CD e si once cancións propias, composicións de Guadi Galego,Guillermo Fernández, Anxo Pintos, Quim Farinha e Quico Comesaña.

Froito dun "consenso absoluto" entre os membros de Berrogüetto, 10.0 é tamén o seu disco máis coral. "Somos compañeiros e tamén amigos, e iso facilita as cousas", sinalaba onte Anxo Pintos, quen defendeu a autoedición deste volume como unha mostra de madurez. "Berrogüetto pode afrontar unha relación directa co mercado, sen intermediarios, facendo un seguimento exacto de todo o que acontece ao redor do grupo".

A crise do mercado discográfico conduce tamén a fórmulas innovadoras que se concretan, desta volta, no nacemento dun produto integral, que non se reduce só á música e que estende a súa influencia a todas as disciplinas e manifestacións artísticas que o arroupan. O deseñador galego Fernando Lema é o autor da imaxe do disco (unha aposta tamén pola pureza expresiva) e Karlos Abal asina as fotografías. Imaxes e formas que amparan a cerna deste 10.0, un disco de "música fresca, luminosa, vivaz, cálida; un disco moi acústico...", pródigo en viaxes evocadoras: Bretaña, Cracovia e o interior mesmo de Berrogüetto.

Seis temas instrumentais e cinco temas con voz fican neste disco. As letras chegan da man de Guadi Galego e os arranxos asínaos o propio grupo, así como a produción artística. O disco foi gravado nos meses de marzo e abril de 2006, e mesturado nos estudios Edisco da Estrada por Suso Ramallo.

DATOS

Un proxecto musical en vídeo

Durante o vindeiro mes de xuño, Televisión de Galicia emitirá un spot realizado pola Productora Faro, onde Carme Nogueira, Virxinia Rodríguez, Antoni Ros Marbá e Arsenio Iglesias lle poñen palabras ao concepto Berrogüetto. O vídeo foi presentado onte na rolda de prensa celebrada no Club Internacional de Prensa

Doutra banda, o director xeral de Creación e Difusión Cultura da Xunta de Galicia, Luis Bará, comprometeu onte o apoio da consellería de Cultura e Deporte na proxección exterior da cultura galega por medio de "selos de identidade" como o de Berrogüetto. Bará incidiu, ademais, na importancia da música na produción cultural de Galiza.

O voceiro do grupo, Anxo Pintos laiouse onte de que lles sexa máis doado conseguir concertos en Europa que nas cidades españolas, onde "quizais non está moi avanzado o recoñecemento da diversidade cultural". Nesta liña, apuntou que a "falta de normalización" das culturas periféricas "ten que cambiar" por unha "filosofía da convivencia".

DATOS

Unha xira intensa desde Vigo

A xira de presentación de 10.0 conta co patrocinio de Caixanova e ca colaboración da consellería de Cultura e Deporte e Innovación e Industria, por mediación do Xacobeo. O primeiro concerto terá lugar en Vigo (2 de xuño, Centro Cultural Caixanova) e segue en Lugo (3 de xuño, praza de Santa María), Barcelona (10 de xuño, Sala Bikini), Ourense (12 de xuño, Praza Maior), Santiago (22 de xuño, Auditorio de Galiza) e Pontevedra (30 de xuño, Pazo da Cultura). O concerto de Vigo abrirá unha xira "que se prevé intensa", na que visitarán as prinicpais vilas galegas, ademais de tocar polo resto do Estado e en Europa.

Sete son os integrantes de Berrogüetto: Quico Comesaña (bouzouki, mandolina e harpa céltica); Santiago Cribeiro (acordeón); Quim Farinha (violín); Guillermo Fernández (guitarra acústica e eléctrica); Guadi Galego (voz e gaita); Isaac Palacín (batería e percusións); e Anxo Pintos (zanfona, saxo, frauta, teclado, duduk, gaita e violín). Rodrigo Romaní asina o texto introdutorio deste 10.0 e nel sinala: "Berrogüetto vive nun perpetuum mobile, sempre cuestinonándose a si mesmos, sempre inquedos no seu papel de grupo emblemático da música galega, agasallando os seus seguidores (entre os que me atopo) con xoias musicais tan valiosas como pouco frecuentes".

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS