Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
A Federación Ecoloxista Galega (FEG) denunciou a destrución da única poboación da herba de agulla Erodium maritimun que existía no Parque das Illas Atlánticas, que era unha das tres con que contaba España.
Esta poboación encontrábase nas inmediacións do faro das Illas Cíes, nunha chaira que se cubriu con baldosas, segundo constataron membros da asociación nunha visita á zona a fin de semana pasada, segundo informaron onte nun comunicado.
No Atlas e Libro Vermello da Flora Vascular Ameazada de España, do ano 2004, a Erodium maritimum, que está catalogada "en perigo crítico de extinción", encóntrase tamén en Santo André de Teixidio, na Coruña, e na illa Dragoneda, en Mallorca.
Para a FEG, "a desaparición da especie deixa claramente en dúbida o papel de conservación sobre a biodiversidade que se está a levar a cabo nun espazo para o que se presume o maior rango de protección". "Se esta é a situación do Parque Nacional", engade a asociación, "para o resto dos espazos naturais galegos estase a comprobar que a cousa pinta aínda peor en materia de conservación da flora e fauna máis en perigo de desaparición".
No caso da poboación destruída, o atlas citado polos ecoloxistas xa sinalaba que "nas Illas Cíes, a especie se sitúa no contorno dun faro moi visitado, cuxo acceso se somete anualmente a labores de roza que afectan á poboación".
O texto, publicado polo propio Ministerio do Medio Ambiente, agrega que "o grao de conservación das poboacións galegas, pese a estar incluídas nun P. Nacional e nun LIC (Costa Artabra), é moito máis deficiente".
Os ecoloxistas galegos sinalan que, "dos 32 exemplares que veñen censados na mentada publicación, agora non foi detectado ningún, e presúmese que, como as obras de adecuación do contorno do faro da illa foron anteriores ó período de floración e frutificación, a viabilidade da poboación queda practicamente anulada".
Unha situación de descontrol
Mentres as grandes campañas publicitarias tratan de concienciar os cidadáns do valor patrimonial da natureza, a realidade sobre o respecto do medio cuspe, con frecuencia, as evidencias dunha indecorosa falta de atención por parte das administracións. O caso das Illas Cíes, lamentablemente, non é o único e seguro que, ademais, tampouco é o último.