Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Isaac Díaz Pardo FOTO: GH |
"O culpa téñoa eu", asegura Isaac Díaz Pardo desde a súa atalia do Instituto Galego da Información (IGI), en Compostela, poucas horas antes de que comece a xunta de accionistas desta empresa, onde el podía quedar desposuído do cargo de conselleiro delegado que ocupa desde a súa creación. E na antesala dunha situación que cualificaba de "terrible", Díaz Pardo botaba enriba súa as responsabilidades, porque -fala a borbollóns- "eu fun quen foi facendo esa xente e dándolle as participacións", "porque ninguén puxo un can polas accións", "porque todo se lle deu gratuitamente", "porque a empresa medrou con gran xenerosidade", pero "as condicións humanas están feitas destas miserias".
Des que a primeiros do pasado maio se produciu a xunta de accionistas de Cerámicas do Castro e Díaz Pardo se autoexcluíu "para que non me explusasen", a vida deste home de 85 anos -"teño un ano menos do que eles din, que até nisto me queren facer aínda máis vello"- vive nun continuo sobresalto, acelerado a pasada semana cando os accionistas tamén o afastaron do consello de administración das Cerámicas de Sargadelos, algo que el -asegura- non esperaba.
Sobre Santiago Sineiro -avogado de Sargadelos e outrora home da súa total confianza- bota Díaz Pardo as responsabilidades desta "estratexia de gánsters". A el atribúelle as responsabilidades de "falsificar" unha sociedade -o Grupo Técnico e Organizativo de Cerámicas de Sargadelos S.L.- para darlle entrada a un accionariado alleo ao grupo que, finalmente, sería -di- "o que me botou a min e aos meus fillos do consello de administración de Sargadelos".
Amparándose nesa "falsificación", Díaz Pardo pretende agora impugnar nos xulgados esa xunta e lograr que "cautelarmente" sexan suspendidas as decisións nela tomadas. E "pouco máis podo facer", conclúe o empresario, que se define como "un home pragmático dentro dunha empresa idealista". O resto pasa por "esperar", porque "van caer polo seu propio peso".
Nesa última apreciación inclúese o agoiro de que Cerámicas do Castro "non vai pasar de xaneiro", porque a xuízo de Díaz Pardo o novo consello de administración está formado "por xente que nunca colleu un libro e incapaz de xestionar unha empresa".
Gustaríalle desfacerse das accións que ten do Castro -é o socio maioritario- e, de feito, confesa que tratou de vendelas pero os interesados en adquirilas volvéronse atrás porque nos lles aceptou a súa condición: que se mantivese como unha figura referencial na empresa. "Eu", apresúrase a puntualizar, "non estou disposto a seguir traballando con esa xente". Tampouco aceptaría formar parte do consello de Sargadelos, malia que -suxire- esa foi unha cuestión que os novos accionistas maioritarios trataron de negociar.
Fronte a esta augación de feitos, Díaz Pardo recoñece que nunca sospeitou nada até hai "cinco ou seis meses, e cando o sospeitei, xa era tarde". De novo carga tintas contra Sineiro e cavila: "El era o encargado de converter Sargadelos nunha fundación, que deía protexer o nome de Sargadelos. Durante cinco anos, eu pensei que me estaba axudando. Estaba equivocado. Xa debín desconfiar entón de que, e eses cinco anos, fose incapaz de conseguir o número da fundación: sempre nos devolvían os papeis. Un profesor mercantil foi o que avisou de que estabamos facendo mal as cousas e, daquela, rectificamos. E en canto nos deron o número e a fundación parecía xa alcanzable, vai el e arma toda esta falcutrada. Ao resto, engatusounos el, estou seguro. El e Segismundo García, que ten pouco máis do oito por cento das accións".
Poderá quedar no IGI
Finalmente, Isaac Díaz Pardo poderá seguir como conselleiro delegado do IGI. Así o informou onte o propio Díaz Pardo -con verdadeira emoción- despois da reunión da xunta da accionistas que concluíu sen outro asunto que aprobar as contas do exericio.
"Despois de botarme de todas parte, aínda me deixaron quedar aquí", subliñaba o empresario e artista nunha conversa telefónica nun ton moito máis distendido que pola maña, cando mantivo unha entrevista con GALICIA HOXE para explicar a situación que rexistran desde hai uns meses as empresas de Sargadelos.
E é que Díaz Pardo xa daba por descontado que o ían "exiliar" do seu IGI, un enorme edificio ás aforas de Compostela que, no seu día, xurdiu para converterse na sede dun xornal até agora frustrado. "Se eu tivese que marchar do IGI, podía levar o oitenta por cento das cousas que hai dentro, porque todo o que ves é meu, que non lle pertence á empresa".