Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O home orquestra Manuel Outeda, chamado ‘John Balan’ nos escenarios FOTO: G.H. |
Manuel Outeda, alias John Balan foi, na súa faceta artística, un home orquestra que alcanzou a popularidade participando en numerosos programas da pequena pantalla e facéndolles pasar momentos de diversión a varias xeracións, aínda que para as máis recentes se cadra sexa un descoñecido.
Está actualmente retirado do mundo do espectáculo por motivos de saúde, xa que hai varios meses sufriu unha trombose que o apartou dunha profesión á que dedicou máis de 40 anos da súa vida e coa que confesou que non se fixera millonario. "No meu traballo o diñeiro só daba para vestir e comer" afirmou, á vez que lembraba os seus comezos. "Os 27 anos comecei a cantar polos bares de Marín e Pontevedra, tamén estiven un tempo na Coruña cunha orquestra, aínda que aquilo só funcionaba en verán".
Agora con 71 cumpridos, desde o xeriátrico onde reside, fala con morriña das súas actuacións por toda España. "Estiven xunto a Fernando Esteso na Praza de Touros de Valencia e compartín escenario con grandes compañeiros como Manolo de Vega ou Juanito Navarro en Madrid".
Pero este galego da parroquia de Seixo, en Marín, tamén paseou a súa arte másis alá das nosas fronteiras e da man do espazo televisivo Vivir cada día visitou o seu país favorito, o que sempre soñou con pisar e que admira profundamente, os Estados Unidos de América -onde rodou diversas secuencias en Nova York e Wáshington "ó lado da Casa Blanca e do Capitolio" segundo relata- e que culminou o gran anhelo da súa vida.
John Balan é, ademais de artista, un home agradecido e por iso lembra con especial agarimo o seu amigo, o coñecido presentador José María Íñigo, co que colaborou nun episodio de Estudio abierto, onde realizou un dos seus números máis característicos, que consistía en interpretar unha canción, imitando coa súa boca todos os sons propios que realiza unha orquestra e empregando como percusión unha porta que golpeaba cos cotenos.
A ausencia de John Balan nos paseos e nas cafeterías de Pontevedra non pasou inadvertida e moita xente se preguntaba polo seu paradoiro e estado de saúde, estendéndose a preocupación entre quen acostumaba coincidir con el nos seus lugares de habitual concorrencia e desde hai algún tempo non o encontraban. A este respecto, é importante destacar que a pesar de que actualmente non está a pasar polo seu mellor momento, John Balan segue mantendo intacto o humor que sempre lle caracterizou.
Agora, como punto culminante ó labor deste personaxe, a agrupación folclórica Os Chichisos de Pontevedra prepáralle unha homenaxe que servirá para rescatar da memoria colectiva un showman e músico atípico do que non se tiñan noticias recentes e que reunirá varios coñecidos do espectáculo e achegados; el ademais, participará no acto dirixíndose ó público para contar experiencias e anécdotas da súa carreira, tentando unha vez máis pór un punto de humor.
Con Rivas, "El Brujo" ou Vladimir
Mañá o Teatro Principal de Pontevedra acollerá, a partir das 20.00 horas e promovido pola asociación local Os Chichisos, a presenza de artistas e de personaxes populares do mundo do espectáculo e da televisión para homenaxear a John Balan. Entre os convidados que se espera que acodan ó acto destacan o escritor Manuel Rivas, o presentador da Televisión de Galicia Xosé Ramón Gayoso, o curandeiro Jose Luis Torrado "El Brujo" ou o vampiro Vladimir entre outros.