Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| A praia de Carnota, na costa da Morte, con máis de sete quilómetros de lonxitude é a de maior tamaño da comunidade e unha das máis fermosas FOTO: GH |
A fermosa media lúa que forma a praia de Carnota, no corazón da Costa da Morte, apenas rota pola canle mareal que une as marismas co océano, transformábase terra a dentro nunha sucesión de dunas fixadas pola vexetación onde progresan todo tipo de aves, réptiles e anfibios. As lapas que durante días arrasaron a comunidade devolven aos ollos unha paisaxe ben distinta que pon en grave perigo a biodiversidade e a riqueza paisaxística dun dos areais máis valorados dentro e fóra da comunidade.
Cos seus máis de sete quilómetros de lonxitude, está considerada como a máis grande de Galiza. Con baixamar supera os 500 metros de longo nalgúns tramos e a zona de marismas e dunas dálle acubillo a unha grande variedade de aves migratorias, o que fai especialmente perigoso o deterioro ecolóxico á que vén sendo sometida os últimos anos -foi unha das afectadas pola marea negra do Prestige-.
A revista alemá Traum Strände seleccionouna entre as cen mellores praias do mundo. Un total de vinte e un países e máis de 300.000 Km de ruta necesitaron os xornalistas Kiki Baron e Paul Spierenburg para levar a termo o traballo de valoración e a inxente reportaxe que inclúe o apartado de seis páxinas co título Galicia: xardín do edén en España con fotografías da praia de Carnota e as Illas Cíes, ademais doutros lugares como Baiona, Santiago ou as dunas de Corrubedo. Os areais galegos son os únicos de España que aparecen na selección alemá.
Tamén a revista española Viajar, do Grupo Z, situada en Barcelona, a destaca este mes dentro das cincuenta máis singulares do Estado. O magacín destaca a ausencia de construcións ao seu redor e a fineza da súa area e só esgrime un único defecto "a auga está, literalmente, conxelada". E é que as augas galegas son prohibitivas para quen se adoita bañar no caldo Mediterráneo. Non por casualidade, a publicación selecciona a Praia da Barceloneta entre as mellores. O barrio da Cidade Condal fixo nos últimos anos un grande esforzo de renovación e é un dos lugares máis agradábeis para tomar unhas tapas os domingos do inverno á calor da permanente luz e a ausencia de chuvia, pero a elección da praia parécenos a todas luces excesiva.
A vexetación das dunas de Carnota destaca pola súa variedade e importante función como fixadoras do complexo dunar. É chamativa a ausencia de formacións arbóreas cunha importante excepción, no Monte Pindo, perto do cumio, onde existe un pequeno bosque de carballo anano, especie única en Galiza.
En Carnota, ademais de encontrarse a praia máis extensa de Galiza, están tamén os hórreos de maior tamaño: un xunto á casa reitoral, de 34,85 metros de longo, e o outro en Lira.
Máis para o norte levántase o Monte Pindo -de 641 metros- que constitúe un enclave paisaxístico de notábel beleza. O Pindo é un particular Olimpo Celta, igual que os gregos clásicos consagraban o seu Pindhos ás musas e á poesía.
Carnota é aínda un territorio virxe de indudábel beleza mentres ducias de ollos se cernen sobre o seu territorio co brillo da especulación inmobiliaria.