Venres 10.09.2010
| Actualizado 21.55
Hemeroteca web
|
RSS
Conta o filósofo compostelán Carlos Baliñas Fernández na presentación do libro A potencia do entendemento e da imaxinación en Spinoza que o seu autor, o profesor da Facultade de Filosofía da USC Luís Rodríguez Camarero, amosa unha gran semellanza co autor que estuda. Xulguen vostedes mesmos.
Baruch Spinoza naceu en Ámsterdan no ano 1632, no seo dunha familia acomodada de xudeus españois, que atopara en Holanda o acougo necesario para vivir con plena liberdade a súa fe hebraica. Estudou primeiro a Biblia e o Talmud na escola da comunidade xudía de Ámsterdan e despois ingresou na escola dun sabio católico e librepensador, Franciscus van den Enden, co que estudou latín e ciencias.
Luís Rodríguez Camarero naceu en Vigo, tamén no seo dunha familia acomodada, e pasou boa parte da súa infancia entrando e saíndo da rebotica da farmacia familiar, aprendendo con admiración todas as posibilidades da ciencia para mellorar a vida dos homes.
Spinoza estudou con fruición os filósofos renacentistas e modernos, en particular a Descartes, Bacon e Hobbes. Deles aprendeu que só o emprego dunha razón disciplinada, sensible ós avances científico-técnicos, podía conducir o home a coñecerse un pouco máis a si mesmo e ó seu mundo.
O profesor Rodríguez Camarero estudou primeiro os dous cursos comúns da carreira de Filosofía e Letras en Santiago de Compostela, imprescindibles para poder cursar despois a especialidade. No seu caso, optou por Filosofía pura. Consonte o seu espírito analítico e disciplinado, elixiu a Universidade Pontificia de Salamanca para facer os tres anos da especialidade. Despois de sopesar varias posibilidades, triunfou o sentido común: era a que cadraba máis preto.
O espírito crítico de Spinoza fixo que se afastara da ortodoxia hebraica e de calquera outra imposición teolóxico-relixiosa. Se ben, por respecto ó seu pai, agachou ata a morte deste, no ano 1654, a súa actitude descrida e o seu espírito de librepensador no tocante ás cousas deste mundo e do outro. Como resultado, foi expulsado da comunidade xudía de Ámsterdan e trasladou a súa residencia a un lugar discreto e non definitivo.
Luís R. Camarero abandonou o seu Vigo natal respondendo a unha vocación filosófica moi afastada, de certo, da licenciatura en Farmacia ou en calquera outra da rama médico-sanitaria coa que soñarían seus pais para el. Santiago de Compostela e Salamanca forneceríano da distancia e acougo necesarios para ir formando unha personalidade filosófica de seu, sen que o seu corazón puidera esquecer as ondas do mar de Vigo que cantaran Mendinho e Martín Codax ou de pertencer afectivamente ó real Club Celta.
Para gañar a vida, Spinoza traballou como tallador de lentes para instrumentos ópticos, atendendo encargas entre outros de Christiaan Huygens, astrónomo, matemático e físico holandés co que trabou unha grande amizade. Coa paciencia e meticulosidade propia do óptico-tallador de lentes, que foi Spinoza, tentou puír o home na súa obra filosófica.
Luís R. Camarero incorpórase á Universidade de Santiago como profesor axudante no curso 1973-74, cando estaba a piques de nacer a Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación e dá mostras abondosas da súa meticulosidade e rigor ó tratar os temas filosóficos dos que se ocupa, como sinala o filósofo Carlos Baliñas na Presentación do seu libro sobre Spinoza (Santiago, 1986). Un libro froito da tese de doutoramento sobre A crítica da imaxinación en Spinoza, que defende no ano 1978.
Pouca xente sabe que Luís é tamén un fino pintor de mariñas e paisaxes, o que daría pé para continuar ese exercicio de imposible paralelismo entre Bieito Espinosa e o do noso profesor. Os dous debían ter moito pulso. Ata aquí os feitos. Vostedes, segundo o acordado, teñen agora a palabra.