Os dous menores da localidade coruñesa de Ordes que permanecían desaparecidos desde o pasado venres apareceron na tarde de onte sans e salvos na estación de autobuses de Sevilla.
Así, segundo informaron fontes da Garda Civil, os dous menores, de 15 e 16 anos, foron atopados pola Policía na estación de autobuses de Santa Justa sobre as 17.30 horas da tarde de onte e en perfecto estado de saúde.
Con isto confírmase que a desaparición dos dous menores foi voluntaria e que marcharon xuntos despois de que o pasado venres chamasen as súas familias para dicirlles que perderan o autobús para regresar desde Santiago ó seu domicilio en Ordes.
En concreto, o pai da moza, José Calvo Santos, explicou que a súa filla saíu de casa o venres cunha mochila con roupa, segundo lles dixo para recoller a roupa sucia da academia de perruquería na que estuda na capital galega, e con diñeiro.
Ademais, comentou que a menor chamou o venres a súa nai para avisar de que perdera o autobús de volta a casa das 14.00 horas tras as clases e que collería o das 16.00 horas. Con todo, a moza non volveu a casa.
Previamente á denuncia presentada polo pai da moza, a nai do mozo de 15 anos, de nacionalidade colombiana, acudiu á Garda Civil para denunciar a desaparición do seu fillo. As súas familias atópanse agora na capital andaluza para atoparse cos mozos.