Mércores 08.09.2010
| Actualizado 04.09
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Pachi Vázquez, esquerda, estréitalle a man a Guillerme Vázquez con Feijóo de testemuña FOTO: Ramón Escuredo |
A Xunta aposta pola fusión entre Caixa Galicia e Caixanova e aumentou a presión cara a esta última para lograr que ceda e a comunidade conte cunha única entidade financeira que garanta tanto a súa galeguidade como a súa solvencia. O presidente do Executivo deslizou entre liñas unha mensaxe á oposición para lograr entre todos a que entende como mellor solución posible ante a reforma do sistema: a unión. E aínda hai tempo para convencer a entidade do sur. "O importante é que hai caixas que queren unirse, e se todos convencemos a todos probablemente sexa o que ocorra", dixo no Parlamento.
Non foi o único xesto de Feijóo antes de reunirse cos líderes de PSdeG e BNG. Á calma pregoada desde o inicio do debate sobre a posible fusión, seguiulle o martes unha rápida manobra parlamentaria para sumarse á iniciativa do BNG que pedía a reforma da Lei de caixas. Feijóo deu un paso máis onte e anunciou que lle pedirían ó Parlamento que habilitase o mes de xaneiro para aprobar canto antes a nova Lei de caixas. O obxectivo, dixo, é aumentar a "independencia e democratización" das entidades financeiras.
Fontes socialistas interpretan esta celeridade como unha "ameaza" ó presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, para impor unha fusión á que a caixa do sur se nega. A súa aprobación nesa data, con todo, chegaría demasiado xusta para poder incidir na decisión para o futuro das dúas caixas galegas.
Feijóo deixou claro que co actual marco normativo bota en falta maior capacidade de decisión e, a pesar de sumarse á iniciativa do BNG, culpou a este de ter desaproveitado catro anos sen reformala. "Se o fixese, o presidente da Xunta podería non só exercer o seu liderado, senón tomar decisións necesarias para reforzar a galeguidade das caixas", argumentou.
Feijóo marcou territorio antes de reunirse cos líderes de PSdeG e BNG, que no pleno mostraron perfís diferentes. Carlos Aymerich, do Bloque, ofreceu apoio, pero pediulle que non participe na "operación de construción dun grupo afín ó PP comandado por Caja Madrid".
Máis duro se mostrou o líder socialista. Pachi Vázquez, que acusou a Feijóo de "estar xogando o partido no minuto 91 cando todos sabemos que as caixas teñen escritas follas de ruta diferentes".
Na xuntanza posterior que mantivo con Feijóo e co líder do BNG, Guillerme Vázquez, quedou claro que "galeguidade e solvencia" son os criterios innegociables a partir dos que se decidirá o futuro das caixas. O presidente da Xunta informou de que convocará as forzas vinte e catro horas despois de que finalicen os traballos das caixas con Facenda para "pechar definitivamente a postura do Goberno e os partidos". O segundo en intervir foi o líder nacionalista, quen insistiu na postura do BNG de "ter unha posición de país" baseada en "manter os centros de decisión en Galicia, porque aí arriscamos moito".
Seguiulle o líder socialista para subliñar a importancia de marcar este itinerario común para as caixas e incidiu en que o "resultante" da proposta "será clave".
Os encontros entre técnicos e Facenda serán continuos
A primeira toma de contacto entre os técnicos de alta dirección de Caixa Galicia e Caixanova coa arbitraxe da Consellería de Facenda finalizou onte ó mediodía, pero os contactos serán "continuos" ata que se analicen todos os datos técnicos e se poida chegar a unha "estratexia común", como demandou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen deu unha semana de prazo, ata o vindeiro martes. Varias fontes indicaron que o labor de "árbitro" de Facenda implica que vai "sen apriorismos" ós encontros e co mandato de Feijóo de "intentar aproximar as posturas na medida do posible" para buscar alternativas que permitan garantir a solvencia das dúas entidades e preservar que os seus centros de decisión permanezan en Galicia.
Na axenda de hoxe, representantes da patronal galega e as catro confederacións de empresarios provinciais reuniranse con Feijóo, ó que lle exporán a súa preferencia por manter as dúas caixas galegas.
A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), polo seu lado, manifestou abertamente o seu rexeitamento a unha posible fusión entre Caixanova e Caixa Galicia e xustificou a súa postura cun informe que afirma que a fusión non achega nada.
Louro pide unión e Fontenla cala
O delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, considerou onte "moi relevante" e "moi importante" que as forzas políticas con representación no arco parlamentario galego decidiran impulsar a reforma da Lei de caixas, unha iniciativa que vinculou á necesidade de que exista unha "estratexia común" para que "Galicia siga sendo Galicia" e manteña "poder financeiro propio". Pola súa banda, o presidente da CEG, Antonio Fontenla, evitou posicionarse sobre o escenario no que se atopan as dúas caixas porque hoxe se reunirá co presidente galego e terá por fin datos.
Os alcaldes queren opinar
O alcalde da Coruña, o socialista Javier Losada, criticou onte a exclusión dos rexedores na rolda de encontros que mantén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. "Gustaríame que tivese a oportunidade de coñecer a nosa opinión", afirmou o alcalde herculino ó incidir en que os alcaldes "elixidos democraticamente" representan a maioría dos cidadáns, que son "impositores". O rexedor reiterou que a súa postura é a de manter a "potencia" e a "galeguidade" das caixas de aforro.
Aznar avoga pola privatización
O ex presidente do Goberno José María Aznar pediulle onte ó poder político que "quite as súas mans do sistema financeiro, en particular, das caixas aforros", unhas entidades que, na súa opinión, deben ir a un "proceso de privatización progresiva, en lugar de converterse en bancos públicos autonómicos". "Cando se fala de despolitización eu o que pido é que se sexa coherente", insistiu onte en Santander.
Alberto Núñez Feijóo
"Hai caixas que queren unirse e se todos convencemos a todos, probablemente sexa o que ocorra. A Xunta ten que autorizar calquera SIP das caixas coas foráneas"
Manuel Vázquez
"O socialismo galego vai apostar claramente porque os centros de decisión se manteñan en Galicia. Debemos marcar un itinerario común para as caixas do país"
Guillerme Vázquez
"O Bloque Nacionalista Galego defende ter unha posición de país que pase pola fusión baseada en manter os centros de decisión porque aí arriscamos moito"