Venres 10.09.2010
| Actualizado 21.55
Hemeroteca web
|
RSS
Unha das voces máis respectadas a escala internacional no mundo da economía e, seguramente, o maior gurú de Romanía, Mugur Isarescu, visita hoxe Galicia dando unha "mostra evidente" da importancia que este país lles dá ás relacións económicas coa comunidade.
Actual gobernador do Banco Central romanés, cargo que desempeña desde hai 19 anos, e ex primeiro ministro desde finais de 1999 ata decembro de 2000, Isarescu chega a Santiago como invitado estrela dun novo foro organizado polo Grupo Correo Gallego (desde as 10,00 horas no Hostal dos Reis Católicos) nunha cita que o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, que clausurará o encontro, valoraba onte como unha "operación de suma para poder traballar unidos en potenciar o noso desenvolvemento económico, social, tecnolóxico e comercial".
Para o representante da Xunta, a presenza de Isarescu "traerá considerables melloras das nosas relacións comerciais e económicas", porque o mercado romanés "ten moito que lle ofrecer a Galicia, segundo o Instituto de Comercio Exterior (Icex), as cifras de exportacións superan os 45 millóns antes do peche deste exercicio, e o ano pasado situáronse por enriba dos 74, nunha balanza comercial que está bastante equilibrada, aínda que é necesario seguir fomentando iniciativas para potenciar os nosos fluxos comerciais".
Os empresarios galegos non ocultan o seu interese polo mercado estratéxico e, segundo recoñece Guerra, "son varias as empresas que manteñen relacións comerciais directas con Romanía, en concreto no sector da moda galega é un dos que máis exportan a este país; seguidos pescados e mariscos; tecnoloxía industrial..., unha lista na que podemos incluír moitos outros sectores que manteñen intercambios comerciais nun mercado interesante". Dúas son as razóns para afirmar isto: porque está en pleno crecemento e porque "pode actuar como nexo de unión cos seus veciños balcánicos ou Rusia".
Desde a Consellería, polo tanto, "non se entende a internacionalización como unha opción senón como unha realidade, por iso os emprendedores contan con todo o apoio da Xunta", con axudas de 1,7 millóns no Plan de Fomento das Exportacións.