Venres 10.09.2010
| Actualizado 21.55
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O reitor Senén Barro, esquerda, co conselleiro Jesús Vázquez e o alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo FOTO: Axencias |
O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, expuxo onte en Madrid o proxecto Campus Vida co que a institución compostelá compite con outras 14 públicas e tres privadas na segunda fase da convocatoria de Campus de Excelencia Internacional.
Arroupado polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o titular de Fonseca defendeu ante un comité de expertos internacionais un ambicioso proxecto que ten como obxectivo catapultar a USC como unha punteira universidade do século XXI en urbanismo e infraestruturas docentes e de investigación enfocado ás ciencias e tecnoloxías da vida.
Campus Vida, ademais dun proxecto que vai mudar a faciana do campus sur, "consolida a senda da excelencia internacional co obxectivo de situarse como un dos cen mellores biocampus do mundo, converténdose nun vector de crecemento económico e social para Galicia", apuntou Barro na presentación.
O proxecto, en execución desde hai varios anos, sostense en cinco grandes obxectivos estratéxicos, que atenden ao talento de excelencia; á definición dun marco de I+D+i traslacional; á comunicación entre emprego, empresas e emprendemento; ao asentamento dunha universidade sostible; e do proceso de internacionalización.
As institucións aspirantes a converterse en "Campus de Excelencia Internacional" (CEI), antes de 2015, expuxeron onte os seus proxectos.
A resolución da convocatoria e a valoración final dos expertos internacionais non se dará a coñecer ata hoxe. No entanto, as sensacións na USC son "moi positivas". "Non se sabe se todos os proxectos manterán a etiqueta de campus de excelencia, nin se todos terán financiamento... pero estou absolutamente convencido de que a USC vai ser campus de excelencia e vai ter financiamento", sinalaba Barro ó preguntarlle qué parte dos 150 millóns en xogo levará a USC. En setembro, o Ministerio de Ciencia e Innovación, xa lle concedeu 4 millóns no Subprograma de I+D+i e Transferencia, poñéndoa, xunto coa Politécnica de Madrid e Autónoma de Barcelona, como unha das tres mellor valoradas.
Actuación graduada co horizonte do ano 2015
O Campus Vida conta xa coa Aula Docente Roberto Novoa Santos (a carón do CHUS), o edificio Emprendia e o Centro de Investigacións Biolóxicas (CIBUS), aos que hai que lles sumar a primeira fase da reformada Facultade de Bioloxía e do Xardín Botánico e a reforma do Auditorio. De cara ó 2012, concluiranse os centross singulares de investigación cos de Química Biolóxica e Materiais Moleculares (Ciqus), de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (Cimus), de Tecnoloxías da Información (Citius), de Investigacións Físicas (Cifus) e de Ciencias e Tecnoloxías da Vida (Citev). Ademais, acometerase o Centro de Biomedicina Experimental (CeBEGa), a nova Facultade de Medicina, a reforma de Bioloxía e Química, das residencias universitarias e das instalacións deportivas, a a reurbanización do Campus e a conclusión novo Museo de Historia Natural Luis Iglesias. Xa en 2015 concluirán os traballos das Escolas de Enfermaeía, Odontoloxía e Técnica Superior, e das facultades de Farmacia e Ciencias da Educación e do Edificio UXA.
750 científicos e 14 millóns
A área de Ciencias e Tecnoloxías da Vida da USC, na que se integran xa máis de 750 investigadores, capta anualmente unha media de 14 millóns de euros e conta con 24 patentes e 7 spin-off creadas nos últimos tres anos.
Apoian á USC nesta propostao Concello de Santiago, o CSIC, o Ceimat, o CHUS, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Feuga, o Cesga, o Banco Santander, e as empresas Esteve, Advancell, Nanogap, Neoker, Keramat, Mestre Lab e Galchimia. O proxecto conta co aval da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e a colaboración de Inditex, Zeltia, Almirall e Faes.
Pilar Farjas
"Galicia debe potenciar a súa capacidade formativa e Medicina da USC debe ser reforzada coa colaboración na formación clínica da UDC e da UVigo".
"En catro anos o goberno bipartito do PSdeG e o BNG convocou unha vez a comisión mixta entre o Sergas e a USC e ningunha coas universidades de Vigo e a Coruña".