Mércores 08.09.2010
| Actualizado 04.09
Hemeroteca web
|
RSS
A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, reiterou onte na Cámara galega que a titulación de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela debe ser "reforzada" coa colaboración na formación clínica coas universidades da Coruña e de Vigo. Así mesmo, incidiu en que Galicia debe "potenciar a súa capacidade formativa" e recordou que existe un protocolo "sen desenvolver" asinado en maio de 2008 polos tres reitores e as consellerías de Sanidade e Educación. Neste sentido culpa o anterior goberno bipartito do conflito que hoxe mantén a UDC pola convocatoria que fixo a USC para contratar profesores para o ciclo clínico no hospital da Coruña.
En resposta a unha pregunta do deputado socialista Modesto Pose, Farjas resaltou a "grande e acreditada capacidade docente" da comunidade galega, así como a gran demanda de formación existente, e avogou por dar "máis contido práctico ao ciclo clínico", que deberá ser coordinado polas tres universidades, indicou.
Respecto do aumento de demanda, a responsable autonómica de sanidade destacou que dos preto de 380 novos alumnos que se incorporaron este ano á Facultade de Medicina de Santiago, máis dun centenar proceden de Portugal.
A conselleira non contestou á pregunta de Pose na que este se interesaba por coñecer o número de alumnos que deberían acceder anualmente ós estudos de Medicina, e que o PSdeG cifra nuns 500. Fronte a isto, Farjas limitouse dicir que cre necesario aumentar o número pero lembrou que a Consellería de Sanidade non ten competencias para fixar a cota de acceso e defendeu que os lugares para debater estas cuestións son as comisións mixtas entre as universidades e o Sergas. A este respecto, criticou que, en catro anos, o bipartito non convocase nin unha soa vez a comisión mixta coas universidades de Vigo e A Coruña, e que só o fixo unha vez coa USC.
Farjas sinalou que Galicia conta con oito escolas de enfermería, unha de Odontoloxía e dúas de Fisioterapia, que contan con formación clínica ademais da Facultade de Medicina. Tamén realizan prácticas nos hospitais galegos alumnos de Farmacia e Bioloxía.
A nova facultade, eixe do Campus Vida no 2012
A nova Facultade de Medicina será a peza fundamental do Campus Vida da USC a ela irá destinada a maior parte dos fondos que Fonseca poida captar hoxe do programa Campus de Excelencia Internacional. O obxectivo é que o novo edificio que custará 21,4 millóns e estará situado ó carón do Hospital Clínico, CHUS, estea listo no 2012.