Mércores 08.09.2010  | Actualizado 04.09      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Política Galicia  |  RSS - Política Galicia RSS

presidente do PP provincial de Pontevedra e da Deputación

Rafael Louzán: "Queremos lograr un resultado histórico no 2011, gobernar en máis de 45 concellos"

26.11.2009 O que a partir do congreso deste sábado asumirá o seu cuarto mandato de líder dos populares asegura que non merca tránsfugas. "O PSOE di iso para xustificar a súa clarísima descomposición", defende, ó tempo que insinúa que podería haber novas mocións de censura locais nun futuro próximo

2.0/5 [1 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

R. CANDAL . SANTIAGO

Rafael Louzán, líder do PP pontevedrés desde hai case dez anos FOTO: Pablo Álvarez blanco
Rafael Louzán, líder do PP pontevedrés desde hai case dez anos
FOTO: Pablo Álvarez blanco

O PP celebra este sábado o seu XV congreso provincial de Pontevedra, baixo o lema "A forza dos concellos". A el concorrerá un único candidato a presidente da formación, o xa actual dirixente Rafael Louzán, que malia ter só 42 anos leva xa nove ocupando o posto de líder provincial dos populares, ademais de ser presidente da Deputación desde o 2003 e concelleiro en Ribadumia, a súa vila natal.

 

Afronta desde esta fin de semana o seu cuarto mandato como presidente provincial do PP. Como logra durante tanto tempo non ter rival interno nin moitas voces críticas?

A convivencia entre un núcleo moi importante de persoas no PP provincial levounos a esta situación que se reflicte tamén nos resultados que ten Pontevedra en cada convocatoria electoral. Antes que grandes políticos debemos de ser grandes persoas e estou encantado con todo o equipo, que traballamos xuntos en torno ó líder do PP en Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Aí é onde está o segredo desta magnífica unidade.

 

Gústalle que lle chamen barón do PP?

A min o que me gusta é que nos digan que en Pontevedra hai un equipo de persoas que traballan nunha mesma dirección e que, ás veces, como seres humanos, cometemos erros e intentamos aprender deles. Ante todo queremos ser unha correa de transmisión do que pasa na sociedade, onde hai moitos problemas, relacionados cunha crise económica e laboral importantísima que lle afecta a miles de familias e iso é o que nos debe de preocupar. Somos unha organización política que está atenta ó que pasa na rúa porque senón non teriamos os resultados que temos na provincia.

 

Como se sae desa crise?

Desde todas as administracións hai que intentar buscar solucións. Non se trata de culpar a ninguén, pero hai miles de familias con moitísimos problemas e miles de empresas na provincia que están pasando por serios problemas a diario. Desde o Goberno toca ter esa máxima responsabilidade de cambiar o modelo produtivo deste país, de buscar e poñer enriba da mesa alternativas, xa que somos o último país de Europa en saír dunha recesión e dunha cirse galopante. Ó goberno tócalle mover ficha e esperemos que o faga o antes posible porque todo o que ata o de agora puido facer fíxoo mal. Os datos están aí.

 

Vostede sobreviviu á transición entre Fraga e Feijóo. Quen é mellor presidente do PPdeG?

Eu traballei, cóbado con cóbado, cunha figura que, na miña traxectoria política, non vou esquecer nunca, porque para min foi unha etapa de aprendizaxe extraordinaria. Máis aló, esta provincia foi clave para que Feijóo sexa hoxe o presidente do PPdeG e tamén o da Xunta. De catro aspirantes a suceder no partido a Manuel Fraga, tres eran da provincia e Pontevedra amosouse totalmente unida en torno a quen era a mellor persoa posible para mellorar o partido.

Co congreso desta fin de semana haberá máis renovación?

Por suposto. Calquera partido debe de renovarse, incorporar persoas novas e manter as que xa teñen unha traxectoria e seguen achegando moito. Un partido que non se renova, que non demostra que se adapta ós cambios constantes desta sociedade, non pode ter os resutlados que ten o PP de Pontevedra. Se en algo se caracterizou este partido nestes case dez anos é por que en todo momento soubo que había que poñer en marcha unha cota de renovación moi importante e así o fixemos. Nas últimas eleccións municipais fíxose unha renovación dos cabezas de lista que superou o 40% e igual faremos co comité executivo que se elixirá este sábado.

Quen formará parte da nova directiva provincial?

Incorporaremos xente nova que van ser futuros alcaldes e alcaldesas. Seremos un equipo que vele polos intereses xerais dunha provincia dinámica desde o punto de vista empresarial, turístico e cultural. Farémolo razoablemente ben, co apoio da militancia e da sociedade para encarar as próximas eleccións municipais. Queremos lograr un resultado histórico e superar, por primeira vez, ese listón da lexislatura 2003-2007, na que o PP gobernaba en 45 das 62 alcaldías.

 

O das eleccións é o grande obxectivo que se marca a partir deste congreso?

Por suposto. Queremos facer que cada día este partido sexa máis grande, gobernar en máis de dous terzos dos concellos de Pontevedra, o cal nos leva a un liderado claro e único. Tense dito que o PP se manexaba e recibía apoios claros e contundentes no ámbito rural, pero tamén agora se está vendo que temos apoio maioritario nas grandes cidades, e por parte de moitísima xente nova.

 

Será posible volver gobernar en Pontevedra e en Vigo?

Ese é outro dos grandes obxectivos. Temos que recuperar a alcaldía de Pontevedra porque despois de doce anos hai un goberno claramente acabado. O alcalde ten 7 concelleiros e o PP ten 12, a 1 da maioría absoluta. En Vigo, estamos a menos de 2.000 votos para obter unha maioría absoluta e co labor que se está facendo, este partido está en condicións de logralo.

 

Que tal se leva co seu homólogo do PSdeG Modesto Pose?

Intento ter unha relación cordial con todos os adversarios políticos, pero o PP vai celebrar o congreso número 15 en Pontevedra e o PSdeG hai un mes que tivo o seu primeiro na provincia, co fin de xubilar o presidente do PP. Nós imos facer un congreso para debater sobre os problemas que lles preocupan ós cidadáns. O secretario xeral do PPdeG é de Pontevedra, o presidente do PPdeG e da Xunta tamén encabezou a lista das eleccións autonómicas por Pontevedra, e o presidente nacional do PP é un pontevedrés destacado que foi presidente provincial do partido e presidente da Deputación. Esta é unha provincia de relevancia e notoriedade clara nas persoas que compoñen o PP a nivel autonómico e nacional.

 

Pose asegura que vostede merca vontades políticas e tránsfugas na provincia...

(Risas). Ó que non sabe, non se dá conta ou non sabe ler o que está acontecendo pásanlle este tipo de circunstancias. O PSOE ten unha falta de coherencia importante e está sufrindo unha clarísima descomposición. No ámbito galego non ten un líder claro. Pachi Vázquez é un señor posto a dedo por don José Blanco, e por mor diso en distintas localidades, o partido non ten nada que ver co que significa no ámbito provincial ou galego. En Gondomar, os 4 concelleiros do PSOE votaron en contra do acordo que estableceran en Santiago o PSOE e o BNG despois de que os cidadáns decidiran quen debía de gobernar. En Silleda, o PSOE sae con 6 edís das municipais, pasa ano e medio e quedan só con 3 pola súa descomposición. Esa é a realidade, o PSOE necesita xustificarse e para iso di que o PP compra vontades. O PP é maioritario en 45 dos 62 concellos da provincia e debería de estar gobernando neses 45 se houbera outra definición clara dos que deben de gobernar e dos que deben estar na oposición. Respectamos as fórmulas que hai, pero somos un partido de goberno e temos claro que o PP está para asumir a responsabilidade que debe de asumir onde non existe a posibilidade de ter un goberno estable.

 

Haberá máis mocións de censura proximamente nos municipios da provincia?

Desas circunstancias ninguén está libre. Por enriba dos intereses do partido están os dos cidadáns e nos sitios onde a situación sexa de ingobernabilidade haberá que darlle solución. Ademais, o PSOE acaba de facer unha moción de censura nun municipio no que a nai da número 3 asinou cun tránsfuga do PP. Logo, o PSOE non é quen de darlle leccións a ninguén e o PP debe de tomar as decisións que correspondan cando toque.

 

O deste sábado será o terceiro congreso provincial do PPdeG neste ano e falta o de Ourense, que está a acaparar toda a atención pola posible sucesión de Xosé Luis Baltar.

Baltar é un referente deste partido polo traballo que fixo e que nos levou a que Ourense tivera uns magníficos resultados. Ademais, Baltar é un excepcional amigo e pouco máis podo dicir porque teño bastante coa provincia de Pontevedra. Aquí hai 62 realidades distintas e o PP ten representación en todos os municipios da provincia. Niso é no que estou ocupado.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS