Venres 10.09.2010
| Actualizado 21.55
Hemeroteca web
|
RSS
O patrón do Alakrana, Ricardo Blach, declarou onte que sabía que os tres mariñeiros do barco que foron desembarcados o 5 de novembro permanecían no buque, pero dixo que o ocultou por seguridade para salvar as súas vidas. "Sabíao, non ao 100 por cento pero si ao 90%, que estaban a bordo, pero non podía dicilo porque se os piratas se decataban de que o sabiamos corrían perigo as nosas vidas e por iso tratei de ocultalo", sostivo Blach.
Nunha conferencia de prensa nos xulgados de Vigo, tras prestar declaración ante o xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz o patrón do atuneiro vasco mostrouse partidario de "pasar páxina" e pediulles aos medios de comunicación que deixen "tranquilos" os tripulantes do buque. Pola contra, pregoulles aos periodistas que "presionen un pouquiño" para resolver a situación na que se atopan outros secuestrados como o buque grego Ariana ou unha parella de ingleses que permanecen retidos en Somalia desde hai sete meses.
O patrón do Alakrana manifestou que descoñecían "a que se armou aquí apoiándonos", motivo polo que quixo darlles grazas a todo o mundo".
"Estamos libres desa situación e agora é o momento de preocuparse doutras persoas que permanecen na mesma tesitura", apuntou Ricardo Blach, quen fixo especial fincapé no papel das familias nesta liberación e mostrou a súa sorpresa pola "fortaleza" que demostrou a súa filla.
"Non pensaba que tiña unha filla tan forte, sorprendeume moito", destacou Blach, quen afirmou sentirse "aliviado" tras declarar ante o xuíz.
Referíronse ademais, ás súas familias, como "auténticos sufridores deste cativerio" e destacaron o "labor fundamental" que realizaron, durante o secuestro, á hora de "reivindicar" que se tratase de resolver o secuestro.
Así mesmo, déronlles as grazas á empresa armadora, aos seus concellos de orixe, ao Goberno, á Xunta, ao Goberno vasco e a todas as institucións que "loitaron e se sensibilizaron coa nosa causa", relatou.
Os oito mariñeiros galegos do Alakrana indicaron que, en principio, non se van presentar como acusación particular na causa contra os dous piratas presos en España, aínda que engadiron que o están "pensando".
Respecto destes dous piratas, aclararon que "non saben" se os chegaron a ver a bordo, porque "todos son iguais".
Na roda de prensa ofrecida por sete dos oito mariñeiros, algún deles non puido evitar romper a chorar ao recordar as situacións que viviron durante o cativerio.
A toma de declaracións do xuíz Pedraz comezou pasadas as 11.00 horas, media hora máis tarde do previsto, na planta terceira dos novos Xulgados de Vigo e non finalizou ata as dúas da tarde.
"Volverei ao Índico. Teño hipoteca"
Joaquín Fernández, un dos tripulantes galegos do Alakrana, manifestou onte que volverá pescar ao Índico, porque esa é a súa profesión e "porque teño hipoteca, familia e teño que traballar". Este mariñeiro de Nigrán, un dos que os piratas desembarcaron, recoñeceu que os 47 días de secuestro pasou moito medo e confirmou que os piratas o achegaron a el e a dous compañeiros á costa, permanecendo na embarcación por espazo de 5-10 minutos, pero que en ningún momento chegaron a pisar terra. Fernández mostroulles o seu agradecemento ás tripulacións das fragatas, que cando subiron ao barco, "choraron connosco e nós con eles", sinalou.
Non quixo entrar, con todo, a valorar a posición do Goberno español, e limitouse a manifestar: "xa llo agradecerán co tempo". Sobre o que viran no barco Ariana sinalou que "esa imaxe retereina para sempre" pola situación da muller que fora violada e a nena, "que nos pediron que as levásemos ao Alakrana", indicou.