Venres 10.09.2010
| Actualizado 21.55
Hemeroteca web
|
RSS
Máis de douscentos tripulantes permanecen secuestrados nos doce barcos procedentes de oito países que reteñen os piratas do Índico, segundo fontes dos servizos de intelixencia.
O secuestro máis longo é o do pesqueiro chinés Wynfar 161 que, baixo bandeira de Taiwán e con 30 mariñeiros, foi apresado polos piratas o 6 de abril. Outro dos buques, o cargueiro grego Ariana,con 24 persoas, e o neozelandés Charelle, con dez, foron secuestrados o 2 de maio e o 12 de xuño, respectivamente.
Un dos buques, o somalí de bandeira panameña Al Mezaan é sospeitoso de contrabando de armas e os servizos de intelixencia dubidan de se foi secuestrado ou está colaborando coa piratería.
Ademais, permanece en mans dos piratas o matrimonio que constituía a tripulación do iate británico Lynn Rival, secuestrado o 10 de outubro. Aínda que os servizos de intelixencia manexan a cifra de 200 secuestrados, o número de persoas retidas polos piratas pode ser moito maior, pois descoñécese cantas integran a tripulación do petroleiro Theresa 8, que navega baixo bandeira das illas Kiribati, e a do cargueiro das Illas Marshall Delvina.
Gran Bretaña, China e as Illas Marshall teñen cadanseus dous barcos en mans dos piratas, mentres que cinco proceden de Nova Zelandia, Senegal, Indonesia, Taiwán, e Somalia, xa que a procedencia do petroleiro se descoñece.