Venres 10.09.2010
| Actualizado 21.55
Hemeroteca web
|
RSS
O Parlamento galego expresou onte o seu "firme apoio" á causa saharauí e demandou o respecto aos dereitos humanos nos territorios ocupados, así como a liberación de todos os "presos políticos", mentres reclamou a restitución de todos os dereitos da activista Aminattou Haidar, coñecida como a Gandhi saharauí.
Así se pronunciou a Cámara galega nunha declaración institucional acordada polos tres grupos, lida en pleno polo vicepresidente do Parlamento, José Manuel Baltar.
"Ante a repunta da represión por parte de Marrocos contra a poboación civil saharauí nos territorios ocupados do Sáhara", o Parlamento galego considera "urxente" que se garanta a legalidade internacional e se poñan en marcha as diferentes resolucións do Consello de Seguridade de Nacións Unidas, relativas ao "dereito inalienábel do pobo saharauí á súa autodeterminación, á súa liberdade e á paz".
A declaración apunta, tamén, que o pasado 8 de outubro, sete "defensores pacíficos" dos dereitos humanos saharauís foron detidos no aeroporto marroquí de Casabranca cando regresaban de visitar as súas familias nos campamentos de refuxiados, e están agora á espera de ser xulgados por un tribunal militar de Marrocos. "O Parlamento de Galicia expresa a súa firme condena e rexeitamento á detención e esixe a súa inmediata liberación", di a declaración.
Ademais, o Parlamento recorda que o 13 de novembro, a Policía marroquí detivo no aeroporto do Aiún a Haidar, quen, desprovista de pasaporte, foi enviada ao aeroporto de Lanzarote, "involucrando o Estado español na expulsión" da muller por parte do Reino de Marrocos. Por iso, o Parlamento de Galicia invita a todas as institucións do Estado, especialmente ao Goberno central, a "seguir traballando para reclamar xustiza e paz, respecto dos dereitos humanos e apoio internacional para o pobo saharauí, empezando por Aminattou Haidar, esixindo a restitución de todos os seus dereitos".
Polo seu lado, delegacións de todas as comunidades autónomas de España (a de Galicia, o martes, 1 de decembro) viaxan a Lanzarote para acompañar e apoiar a folga de fame de Haidar e como denuncia ante o que consideran "o vergoñoso papel do Goberno español, convertido en funcionario de fronteiras marroquí".
denuncia o "silencio cómplice" do goberno
O coordinador xeral de IU, Cayo Lara (na foto, o domingo con Haidar), denunciou onte en Córdoba a "ilegalidade flagrante" que na súa opinión cometeu o Goberno marroquí no caso de Aminatu Haidar, así como o "silencio cómplice incomprensíbel" do Executivo español. En declaracións aos xornalistas, Lara reivindicou que o Goberno "devolva" a Haidar ao aeroporto do Aiún, aínda que denunciou que o Executivo marroquí "non a quere" alí porque é "unha persoa molesta", aínda que Lara a definiu como "unha muller plenamente pacifista".
Lara, que recordou que Aminatu Haidar leva once días en folga de fame e que "está disposta a chegar ata o final", esixiulle ao Executivo que "tome a decisión de devolvela ao Sáhara con todas as garantías".
Toledo: "Disposto a asumir a morte?"
O actor e voceiro da Plataforma de Apoio a Aminattou Haidar, Willy Toledo, volveu onte mostrarse moi crítico coa actitude do Goberno español no conflito coa activista saharauí, cuxa saúde se agrava no seu décimo primeiro día de folga de fame, polo que o artista se pregunta "cando vai actuar o Executivo" de Zapatero. "Non sei se o Goberno español está disposto a asumir a morte dunha cidadá secuestrada por eles no noso territorio", asegurou.
A Avogacía fala de vulneración
O Consello Xeral da Avogacía Española afirmou onte que a prohibición de saída de España de Aminattou Haidar "contravén o seu dereito fundamental á liberdade de circulación". Nun comunicado, a Subcomisión de Estranxeiría do CXAE di que Haidar "es atopa en España en contra da súa vontade" e que quere regresar ao seu país, "feito que lle é impedido polo Goberno español (...) sen que exista ningunha causa explicitada que puidese legalmente impedirlle a saída de España".
A Fronte Polisario denuncia "presións"
A Fronte Polisario denunciou onte "presións" do Goberno español para que convenzan a Aminettou Haida de que solicite un novo pasaporte marroquí ou o estatuto de refuxiada en España para poder regresar á súa casa. O delegado en funcións da Fronte Polisario en España, Mhamed Jadad, declarou que representantes de Exteriores españois os "chantaxearon" con "cambiar" a súa política de apoio ao pobo saharauí se convencen a Haidar.