Mércores 08.09.2010
| Actualizado 04.09
Hemeroteca web
|
RSS
A rede de dopaxe desmantelada pola Garda Civil e na que foi implicado o atleta Paquillo Fernández e detidos, entre outros, o ciclista Pedro Vera e o médico deportivo Walter Viru, controlaba varias farmacias nas que se elaboraban e distribuían as substancias ilegais entre deportistas. Na operación Graal, desenvolvida en Valencia, Barcelona, Murcia e Granada, foron detidas 11 persoas e practicáronse 15 rexistros nos que se interveu unha gran cantidade de substancias prohibidas no ámbito deportivo e diversa documentación.
Entre os detidos -9 homes e 2 mulleres- atópase o ciclista profesional Pedro Vera, que realizaba labores de distribución de substancias ilegais. Outro dos arrestados é o médico de orixe peruana Walter Viru, que xa estivo imputado no "caso Jesús Manzano" sobre unha trama de consumo e tráfico de substancias dopantes, que finalmente foi arquivado.
Pola súa banda, o atleta Paquillo Fernández, de 32 anos, non foi detido na operación, aínda que -segundo fontes da investigación- si estaba relacionado coa rede que distribuía EPO e diversas hormonas do crecemento. No entanto, Paquillo Fernández negou a súa relación con esta rede e asegurou nun comunicado remitido a Efe que "nunca" tivo "nada que ver coa dopaxe".
As investigacións da Garda Civil sobre as actividades ilegais desta organización comezaron o mes de agosto pasado, cando se descubriu que un grupo de persoas, na súa maioría residentes en Valencia, se dedicaban a fornecer substancias dopantes a deportistas de distintas disciplinas.
Un dos membros da rede era o médico Walter Viru, que rexenta unha consulta deportiva e dietética en Valencia, na que preparaba plans de adestramento, nutrición e suplementación para aumentar o rendemento dos deportistas, incluíndo o uso de substancias prohibidas.
Tras someter a unha estreita vixilancia este facultativo, os axentes identificaron os seus colaboradores e comprobaron que algúns deles rexentaban farmacias nas que se elaboraban e distribuían parte das substancias dopantes. Ademais de Viru, en Valencia foi detida tamén a esposa do médico, M.M.G., e os seus dous fillos -J.D.V.M., farmacéutico, e W.J.V.M.-, un adestrador deportivo, V.N.R., e o ciclista amateur J.O.R., que tamén distribuía as substancias, e outras tres persoas -S.A.B., E.R.M. e C.V.M. -que actuaban como distribuidores.
Manzano denunciou a dopaxe desde a súa experiencia
Jesús Manzano, ex ciclista do Kelme que en 2004 denunciou a dopaxe no ciclismo desde a súa experiencia propia, sinalou onte respecto da detención do médico Walter Viru na redada antidopaxe do martes en Valencia que "a cada porco lle chega o seu San Martiño" e mostrou a súa estrañeza polo feito de que "siga exercendo logo da operación Porto. Manzano, que no seu día explicou que na operación Porto "había xente importante" tamén doutros deportes, non dubidou en que se o nome de Paquillo "saíu é porque está". "Como sucedeu na operación Porto, había xente importante que noutros países tomaron en serio, como é o caso do Ullrich ou doutros corredores que foron sacrificados e á fin e ao cabo non pasa nada", engadiu Manzano.
O ex corredor do Kelme, que a piques estivo de atopar a morte tras unha transfusión de sangue, segundo contaba nos seus testemuños de denuncia da dopaxe, non se mostrou sorprendido pola detención de Viru. "A min non me sorprende, xa o tiñan que deter cando o tiñan que deter, e é unha soa cousa máis", manifestou.
MALAS PRÁCTICAS
O secretario de Estado para o Deporte, Jaime Lissavetzky, considerou onte que as persoas que desde a contorna do atleta facilitan as prácticas dopantes son "o auténtico cancro" do deporte.
"No código penal figura como delito e permítense penas de cárcere e inhabilitación para a contorna de deportista, que é o auténtico cancro deste problema", afirmou Lissavetzky un día logo de desarticularse unha rede de distribución de substancias dopantes, nunha operación da Garda Civil que segue aberta.
Lissavetzky fala de cancro no deporte
José Vera, en liberdade tras declarar
O ciclista Pedro José Vera quedou en liberdade tras declarar ante os axentes que investigan unha suposta rede de dopaxe, que operaba en Barcelona, Valencia, Murcia e Granada e que se saldou coa detención de once persoas. Fontes próximas á investigación informaron onte da posta en liberdade deste corredor, de 25 anos e que iniciou este ano a súa carreira como profesional no equipo Contentpolis Ampo Murcia.
Pedro José Vera, natural e veciño do municipio murciano de Torre Pacheco, foi detido onte pola tarde por orde do xulgado de instrución número 14 de Valencia como presunto distribuidor de substancias dopantes a deportistas. Nesta operación, denominada Graal, a Garda Civil rexistrou onte dúas vivendas relacionadas co ciclista murciano e interveu unha cantidade non precisada de fármacos prohibidos.
Vera ten que dedicar media xornada a recoller alcachofas para poder pagar a bicicleta na que corre, e a outra media dedícaa a adestrar, dixo onte un amigo "de toda a vida" do corredor murciano, Antonio A., que defende a súa inocencia.