Mércores 08.09.2010  | Actualizado 04.09      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

estratexias

"Son outros tempos"

26.11.2009 Roberto Varela pide un gran consenso para "rematar" nesta lexislatura coas subvencións ás industrias culturais

2.0/5 [1 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MARÉ . SANTIAGO

Roberto Varela (á dereita) xunto a Francisco López durante a presentación da súa estratexia en política cultural FOTO: Axencias
Roberto Varela (á dereita) xunto a Francisco López durante a presentación da súa estratexia en política cultural
FOTO: Axencias

"Rematar coas subvencións ás industrias culturais" é un dos obxectivos do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, para esta lexislatura dentro da súa estratexia de difusión e promoción cultural do país. A xuízo de Varela, só erradicando as subvencións permitirá "falar con propiedade de industrias culturais", algo ao que se procederá mediante un "criterio de calidade, rendibilidade e excelencia artística o que se produce e edita"

Varela presentou onte en Ourense, xunto ao secretario de Promoción Cultural, Francisco López, as liñas que lle servirán de marco de actuación para os próximos anos, articulada sobre tres eixes primordiais: a promoción exterior dos signos de identidade de Galicia, a lectura e o aumento do consumo interno. No próximo anos, serán 17 millóns de euros os que a consellería pretende vehiculizar nos seus obxectivos, especialmente, a través do Ano do Libro e da Lectura, celebración que coincidirá co Xacobeo nas súas prioiridades para o 2010.

O conselleiro estableceu un estreito vínculo entre a erradicación das subvencións e a consecución dunha Marca de Galicia no exterior a partir da cultura galega . Trátase de que esa marca dote os produtos "dun valor intanxible que lle confira a simpatía do público potencial".

Para logralo, estima o conselleiro, é necesario un "redeseño da estratexia xerencial e de mercado" e a posta en marcha de "economías de escala e a adaptación e emprego estratéxico das novas tecnoloxías". Pero tamén cómpre diálogo e a cooperación entre "axentes culturais, institucións, administracións e industrias" para achegar consensos. Estes consensos son "indispensable para rematar coas subvencións ás industrias culturais".

As primeiras medidas irán encamiñadas para "adecuar" a política cultural aos "tempos que corren" e "sobre todo á situación de Galicia". e co fin de "consolidar unha estrutura loxística apropiada para cada sector produtivo das industrias culturais" o conselleiro mentou un Plan de ensinanzas artísticas e profesionalización destas industrias, en colaboración coa Consellería de Educación máis unha análise da presenza cultural de Galicia por zonas de influencia e a proposta de medidas de fomento para a difusión exterior da produción cultural galega en asociación con IGAPE.

Ao ver do conselleiro, as industrias culturais galegas non teñen futuro "sen un aumento dos índices de consumo cultural". Para iso, avogou por "cambiar os hábitos culturais" e sinalou que un dos obxectivos do departamento que dirixe será incidir máis no "consumo de cultura que na produción de cultura". Neste sentido, cualificou de "erro" considerar que o investimento en cultura resulta "improdutiva" porque os recursos empregados na súa difusión "son sempre un investimento que ofrece rendibilidade social" e, polo tanto, "non é un gasto".

Varela tamén sinalou que tamén traballarán na "promoción dos acenos de identidade" de Galicia, como o idioma, que debe "salvagardarse e promocionarse". É unha "necesidade", engadiu, que Galicia se abra ó exterior "nun mundo globalizado", así como de "redeseñar a estratexia de xerencia e de mercado" e de fomentar a "expansión e internacionalización das industrias culturais galegas".

Tamén indicou que o "problema" en Galicia "segue sendo" un consumo cultural "moi baixo" respecto de Europa, aínda que "non falta nin creatividade nin produción". Edítanse "moitos libros cun nivel moi alto" que despois non se traduce en que os libreiros vendan máis nin que os índices de lectura sexan maiores. Iso para min é unha obsesión, porque non podemos producir películas se non hai salas de cine", sentenciou o conselleiro.

FRANCISCO LÓPEZ

O Ano do Libro, obxectivo principal

No vindeiro ano, ademais de potenciar as accións que xa se veñen realizando a prol do libro e da animación a lectura, Cultura de-señou, ao abeiro do Ano do Libro e da Lectura, unha programación concibida para conseguir maior visibilidade do libro. Aínda aberta a novas iniciativas e cun orzamento previsto de 2.850.000 euros, a programación inclúe proxectos de animación cultural, congresos e conmemoracións, actividades de promoción e difusión do libro, fomento da lectura e a escrita, así como iniciativas para a mellora da xestión pública do libro e as bibliotecas. Este importante capítulo da acción do departamento de Varela foi explicada polo director xeral de Promoción e Difusión dá Cultura, Francisco López, que debullou tamén as seis liñas estratéxicas da consellería, encadradas na cooperación cultural, o fomento da lectura a través das bibliotecas, a promoción da nova creación, a difusión da cultura galega, o apoio ó sector cultural e a planificación e a xestión.

 

 

Todas as áreas estratéxicas presentadas, cobren algún punto do que será o evento estrela da dirección xeral para 2010. Nembargante, o cuarto principio de acción, "Difusión da cultura", engloba a práctica totalidade da celebración do Ano do Libro e da Lectura ao seres un espazo destinado a "espallar a nosa cultura, darlle visibilidade aos nosos creadores e prestixiar o seu exemplo", segundo o conselleiro.

 

Este principio constrúese a partir de tres programas de actuacións: o Programa de actividades da celebración do Ano do Libro e da Lectura -organizado en cinco apartados: Animación cultural, Congresos e conmemoracións, Promoción e difusión do libro, Fomento da lectura e da escrita e Xestión do libro e bibliotecas-, o Programa de difusión da cultura galega -encargado de promover celebracións como o Día das Letras Galegas, Día Internacional do Libro e Día de Rosalía- e o Programa cultural da Dirección Xeral -cunha dimensión especial nos actos organizados polo Xacobeo e na programación do CGAC-.

 

O conselleiro de Cultura e Turismo, finalizou asentindo que as "liñas estratéxicas sobre as que imos traballar nos permitirán abordar o noso labor desde unha perspectiva máis integral que incide sobre as áreas de promoción e difusión dunha cultura que queremos que sexa o reflexo dunha sociedade orgullosa da súa identidade e rica en diversidade".

 

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS