Mércores 08.09.2010
| Actualizado 04.09
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Greenpeace fixo onte en Copenhaguen unha protesta para reclamar que os líderes do mundo cheguen a un acordo FOTO: EFE |
Unha pinga de optimismo sentiuse onte sobre o próximo Cumio de Copenhague cando o presidente dos Estados Unidos (EEUU), Barack Obama, anunciou que asistirá persoalmente á conferencia onde se debaterá un tema crucial para o futuro do planeta: a diminución, e progresiva erradicación, das emisións de gases de efecto invernadoiro. Menos agradou as cifras que Obama se pon como límite para recortar o CO2: un 17 por cento para 2020 respecto dos niveis do 2005.
O presidente da Comisión Europea (CE), José Manuel Durão Barroso, amosou a súa satisfacción pola presencia de Obama, aínda que fontes diplomáticas europeas destacaron a súa estrañeza polo feito de que a Casa Branca anuncie a visita para o 9 de decembro, en lugar do 17 e 18, que é cando estarán a maioría dos líderes mundiais para intentar buscar un acordo, entre eles o presidente español, José Luis Rodríguez Zapatero.
O que non quixo Barroso foi comentar a rebaixa do 17 por cento ata coñecer "que significa na práctica". Desde o seu gabinete coméntase que Obama non falou "de financiamento para paliar as consecuencias do cambio climático nos países en desenvolvemento, nin de transferencia de tecnoloxía. Queremos detalles máis específicos".
A UE comprometeuse a recortar en 2020 as súas emisións de CO2 un 20 por cento respecto dos niveis de 1990, e ofreceuse a alcanzar ata o 30 por cento se outros países realizan "esforzos comparables".
Obama, segundo a Casa Branca, explicará en Copenhaguen o camiño a seguir para alcanzar o seu obxectivo de reducir as emisións nun 83 por cento para o ano 2050. Á espera de que o Congreso aprobe lexislación petinente, a Casa Branca sinalou as seguintes cifras: redución do 17% para o 2020, do 30% para o 2025 e do 42% para o ano 2030, nun proceso que culminaría co 83% no 2050.
A Casa Branca sinalou que eses obxectivos provisionais están en liña coa actual lexislación en ambas as cámaras do Congreso e demostran "unha contribución significativa a un problema que EEUU de-satendeu durante moito tempo".
Representantes de organizacións ecoloxistas aplaudiron tamén a presenza de Obama pero cualificaron de insuficiente o compromiso de reducir as emisións de CO2.
O Atlántico vólvese máis cálido
O cambio da traxectoria dos ventos de poñente nas augas do Atlántico Sur está provocando a chegada de auga cada vez máis cálida e salgada ás súas augas, unha tendencia que afecta directamente as correntes mariñas do Atlántico Norte e ó futuro do cambio climático. Así o asegura un artigo publicado onte pola revista británica The Lancet, no que se explica que ese cambio na traxectoria dos ventos do oeste no Atlántico Sur aumentou as fugas de auga a ese océano desde a corrente de Agulhas (que vai do Océano Índico tropical cara ó extremo sur de África), o que supón a entrada de auga máis cálida e máis salgada.
Axudados dun modelo de recreación de alta resolución, un equipo de científicos do Instituto Leibniz de Kiel (Alemaña) descubriu que esa entrada de auga cálida no Atlántico Norte serve para frear, en certo xeito, a baixada significativa de temperatura experimentada nos últimos anos nas augas profundas dese océano. Esa zona de augas profundas require para a súa formación e mantemento augas frías, densas e salgadas, e viuse desbordada nos últimos anos polo desxeo dos polos, que provocou o aumento do fluxo de auga fría nesa zona. A entrada de auga salgada e algo máis cálida desde o sur permite agora compensar este desequilibrio.
Zapatero tamén acode á cita
A secretaria de Estado de Cambio Climático, Teresa Ribeira, asegurou onte que o presidente español, José Luis Rodríguez Zapatero, estará en Copenhaguen, xunto a outros líderes mundiais.
Alteracións irreversibles
Inundacións, secas e suba do nivel do mar son as consecuencias dun quecemento causado por século e medio de industrialización, que segundo os científicos será irremediable sen un acordo en Copenhaguen para reducir a emisión de CO2.
Sen compromisos claros en Europa
Os vinte e sete países da UE acoden a Copenhaguen co convencemento de que liderarán os esforzos contra o cambio climático, pero sen adiantar cifras de axuda ós países en desenvolvemento e sen compromisos claros.