Venres 10.09.2010
| Actualizado 21.55
Hemeroteca web
|
RSS
O BNG reclámalle ao Ministerio de Fomento que mellore a seguridade viaria na estrada N-525 entre Ourense e Cambeo, ó tratarse dun tramo no que se produciron "múltiples" accidentes, algúns con vítimas mortais. Así o sinalou onte en rolda de prensa o senador do BNG por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, quen informou de que presentou unha batería de iniciativas na Cámara alta para esixirlle a Fomento que mellore a seguridade viaria no citado tramo, coñecido como as curvas de Cudeiro, da estrada que une Ourense con Santiago, entre o barrio da Ponte e o municipio de Coles. O senador nacionalista advertiu de que "este tramo é un dos máis perigosos da rede viaria de Ourense", ó xuntarse o trazado sinuoso da estrada, unha alta densidade de tráfico e un importante número de naves industriais situadas a ambos os dous lados da estrada. Con todo, "e a pesar do evidente perigo" do tramo, Pérez Bouza subliñou que o ministerio "non fixo nada para mellorar a seguridade viaria". Ante esta situación demanda que se sinalice ese trazado como "tramo de concentración de accidentes", xa que "ata o de agora, e de modo inexplicable, non se instalou ningún tipo de sinalización que advirta os condutores do perigo". Ademais, pídelle ó ministerio que constrúa algún paso, ben soterrado ou elevado, que facilite a conexión dos veciños de Coles que quedan a un e a outro lado da estrada e que teñen que atravesala.