Xoves 02.09.2010
| Actualizado 18.54
Hemeroteca web
|
RSS
Leo nun artigo que na cidade onde vivo había hai arredor de vinte anos máis de 15 librerías de segunda man, desas que nós chamamos de vello, un refuxio a onde ían parar os libros de profesores que a piques de retirarse non tiñan espazo na nova casa para tanto material acumulado durante a vida, os manuais xa non necesarios utilizados polos estudantes durante os anos de carreira, as novelas que nunca chegaron a convencer? é, á fin e ó cabo, a mellor forma de preservar unha obra cando un xa non ten necesidade ou ansia dela. Hoxe, na rúa principal da miña cidade só hai unha desas librerías de vello, e os seus donos teñen que buscar imaxinativos modos de manter unha boa colección, chea de materiais raros e difíciles de conseguir. Un labor calado e minucioso.
Na miña vila natal, á beira do Atlántico, nunca houbo unha librería de vello, eu non entrei nunha destas tendas ata que cheguei á Universidade, o que parece un pouco triste sobre todo pensando en que os mozos sen demasiados cartos poden ter nestas librerías solucións baratas á súa avidez lectora.
Manter unha librería de vello nun tempo no que as grandes superficies enchen o peto cada Nadal vendendo as novidades e os premios máis destacados na literatura nacional e internacional debe ser desmoralizador. É a presión de ter que entrar unha loi- ta perdida de antemán. Pero hai quen soubo ver o potencial de internet para este sector económico, para vantaxe dos amantes dos libros. En España chámase Iberlibro, en Inglaterra chámase Abebooks, pero a filosofía é a mesma, poñer a disposición dos libreiros de vello e dos seus clientes unha plataforma en internet para a venda dos seus fondos.
Un dos atractivos de Iberlibro é que, nun minuto, un pode acceder a librerías de todo o país, librerías que nos enviarán o libro á casa, gastos de envío por medio, claro. Un pode pensar que estes gastos de envío son un extra-cargo, pero os libros de segunda man poden estar moi ben de prezo, polo que a un non lle importa tanto pagar ese extra. Sobre todo cando un ten acceso a unha obra xa descatalogada e que nunca atoparía nas súas librerías habituais. O que máis me gusta desta iniciativa é que lles dá unha oportunidade a estes pequenos negocios. É un uso intelixente da rede e debe ser aplaudido. Aquí vou outra vez, xa estou entrando na páxina web?