Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Máis de 200 persoas concentráronse ante o Parlamento para amosaren o seu rexeitamento do texto aprobado FOTO: Lavandeira jr. |
Pouco a pouco, os ánimos vanse caldeando cada vez máis e a aprobación onte, no Parlamento, da reforma da Lei Función Pública podería ser a chispa definitiva que activase un aparatoso incendio. Amosárono os deputados da opisición, socialistas e BNG, nunhas intervencións que amosan até que punto a política lingüística de Alberto Núñez Feijóo lles está dando cohesión a dous partidos que non sempre converxeron na mesma dirección.
A reforma, que suprime o exame obrigatorio en galego das oposicións a funcionarios, contou soamente co apoio do Partido Popular (PP), nunha imaxe moi distinta á que se viviu na cámara hai cinco anos cando todos os grupos, unanimemente, apoiaron unha iniciativa para impulsar o Plan de Normalización Lingüística que agora, de feito, o propio PP rebenta polos aires. O novo texto non só conta co rexeitamento da oposición -que o cualificaron de "atentado" contra o galego- senón que tamén ten en contra os sindicatos maioritarios na función pública.
A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, defendeu o articulado da reforma, tramitada polo procedemento de lectura única, porque "garantirá os dereitos lingüísticos dos opositores", de forma que "elimina barreiras" e favorece que Galicia "conte cos mellores profesionais na Administración". Pola contra, para o nacionalista galego Bieito Lobeira, ábrese a porta a un "desembarco" de persoas de fóra que "non coñecen a lingua e a cultura" da comunidade galega, o que irá en detrimento dos administrados, agoirou.
"Non haberá menoscabo dos galegofalantes"
Fernández Currás, quen afirmou que a normativa conta co respaldo dos principios legais do marco normativo de Galicia, recalcou que "non parece razoable prescindir dun bo médico" polo feito de que "teña un deficiente manexo do galego". Con todo, certificou que non se menoscabarán os dereitos dos galegofalantes" e aseverou que "as barreiras non son boas, incluídas as idiomáticas".
Así mesmo, apelou á "liberdade" de poder traballar en calquera ámbito da Unión Europea e á "mobilidade" laboral para xustificar a normativa. Neste sentido, asegurou que a reforma "garante o uso dos dous idiomas e uns bos servizos", tras o que entendeu que o labor da Administración é de "formación e non de selección". Bieito Lobeira, como o socialista José Manuel Lage Tuñas, mostráronse moi críticos coa reforma. En palabras do deputado do PSdeG, a nova lei "ataca o corazón de Galicia". O deputado contrapuxo os "principios legais, que defendeu a conselleira, cos dereitos humanos" e avisou de que un deles é "poder expresarse na lingua do seu país". "Todos os territorios teñen lingua propia, a non ser que sexan mudos", exhortou na súa quenda de réplica nunha intervención na que recibiu aplausos de deputados socialistas como María José Caride ou Francisco Cerviño. O parlamentario do BNG cualificou de "exterminio e atentado" galego a normativa aprobada e preguntouse "canto lles pagan" aos deputados do PP por defender esta normativa, ós que chamou "mercenarios do idioma".
Tamén foi duro Lage Tuñas, quen cualificou a xornada de onte como "o 18 de xullo contra o galego" e considerou que lles debería caer a cara de vergonza" ao PP con esta normativa, que "falsea a realidade". "Non imos participar desta farsa", corroborou.
Ademais, Lage Tuñas alertou de que deputados do PP van ser "cómplices" da desfeita e pesaralles sobre a súa conciencia" a votación, "primeira vez que un goberno aproba unha medida en contra do galego" na historia de Galicia. En concreto, referiuse ó deputado do PPdeG Román Rodríguez, que participou na elaboración do Plan de normalización lingüística. "Para vivir en Galicia haberá que entender os galegos", expuxo e lamentou que da intervención de Fernández Currás se deduza de que "os servizos de calidade só se poden ofrecer en castelán". Polo seu lado, Lobeira pediu que "non pasen por parvos os galegos e acusou o PP de "renegar da súa terra".
Tras concluír que a dereita está convertendo a Cámara autonómica no "local social da FAES", Lobeira citou a Castelao para argumentar a "vixencia" das súas palabras, cando dicía, hai 70 anos, que os que "intentaron castelanizar a toponimia", fomentar o "complexo de inferioridade" dos galegos ou dicir que usar a lingua propia é "falar mal son imperialistas fracasados".
Pola súa banda, o deputado do PPdeG Antonio Rodríguez Miranda afirmou que se vai "garantir que os opositores saiban galego" e asegurou que esta normativa se basea nos "principios para garantir o uso das dúas linguas". Negou que tiveran "fobia ós que falan galego", aseverou o deputado, quen deduciu que "socialistas e nacionalistas están fusionados plenamente en materia de lingua". Rodríguez Miranda subliñou que se garantirá a "liberdade", ante o que o deputado nacionalista acusou de "prostituír" este concepto.
Concentración de protesta
Mentres os deputados debatían no interior do Parlamento a reforma da Lei da Función Pública, fóra concentráronse máis de 200 persoas, nun acto convocado pola Mesa pola Normalización e os sindicatos CIG, CCOO e UXT para amosar a súa repulsa ó "golpe de morte" que en opinión dos convocantes quere dar o PP desde o Goberno coa reforma.
Pancartas, carteis e camisetas recollían lemas como "Lingua galega: dereito dous cidadáns, obriga do goberno", "Polo dereito a vivirmos en galego" ou "Contra o ataque do PP ao galego". Segundo Anxo Louzao, secretario de CIG Ensino, os asistentes a esta mobilización "rexeitan" a modificación da Lei de Función Pública porque limita que os cidadáns "poidan esixir ser atendidos na lingua galega" na Administración, dado que "non se obriga a coñecer o idioma".
Interpretan este feito como "un retroceso" que se suma a "outras medidas contra o idioma" que o PP está realizando amparándose "na súa maioría absoluta". "Desprestixia a lingua do país, o noso sinal de identidade". De feito, opina que estas medidas denotan que Galicia ten agora "un goberno cunha única obsesión", que é "lexislar contra o galego".
Outra medida contra o idioma, explicou, é a adoptada onte, pois suprímese" que a alumnos de terceiro de infantil dunha contorna "españolfalante" teñan polo menos un 50% do ensino en galego. É, afirmou, unha "política de ataque ao idioma" recriminou.
En termos similares pronunciouse o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, quen recoñeceu a convocatoria efectuada polas tres forza sindicais maioritarias e recriminou que o PP queira "escribir unha páxina na historia negra, de ataque á nosa lingua". Falou de "racismo lingüístico" e opina que con medidas deste tipo o que se fai é converter en "cidadáns de segunda" os que reclaman unha normalidade do galego na Administración. De feito, detecta no Goberno o afán de defender "só unha lingua, o castelán".
