Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

galiza co idioma

3.000 sinaturas apoian as escolas infantís en galego a partir de 2012

O proxecto para ter ensino monolingüe consolidarase nunha asemblea o día 17

A.R. LÓPEZ . ANTONIO   | 14.05.2011 
A- A+

AXENCIAS
Manifestación reivindicativa promovida por Galiza co Galego o 26 de xaneiro pasado
FOTO: AXENCIAS

O próximo 17 de maio, en Compostela, Galiza co Galego (GcG) celebrará unha asemblea extraordinaria de socios que servirá para impuslar definitivamente a rede popular de escolas infantís, centros monolingües en galego que entrarían en funcionamento o próximo ano. Estes días, a asociación acadou os 3.000 apoios que se fixara, unha cifra que consideraban mínima para consolidar este proxecto.

O presidente da comisión promotora, Francisco López, amosaba onte a súa satisfación pero tamén a "responsabilidade" e o "compromiso ético" de enfrontarse ao novo banzo que subirán na asemblea do 17 de maio. Ese día a asociación debía disolverse segundo os seus estatutos se non acadaban o apoio suficiente, de xeito que agora deberán reformar os estatutos e elixir unha nova reitora. Tamén abre a posibilidade de cambiar o nome da entidade. Están convocados os setenta socios iniciais da asociación, pero tamén fixeron un chamamento para que se adheriran máis persoas das que deron o seu apoio e afrontar xuntos a parte máis complexa do proxecto: a súa materialización.

"Hai un mundo por facer", subliña Francisco López, "e o que nós pretendemos é traballar dunha maneira horizontal: que as decisións sexan produto do debate interno de todos. Nós non copiamos nada: todo parte das experiencias, da vontade de saber e de querer facer da xente".

Francisco López valora moi positivamente o apoio de Nova Escola Galega, dos sindicatos galegos, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG), das cooperativas, da Mesa e dos movementos de normalización lingüística... Eles, engade, axudáronlle a elaborar "un proxecto educativo, que é o que nos está abrindo portas nas escolas".

Nestas escolas, ademais, "están moi interesadas nas nosas propostas: os centros infantís, e as persoas que dirixen eses centros ou os pais dos rapaces, están desexosos de que haxa este tipo de alternativa". Este interese, subliña, débese especialmente ao feito de que "as persoas do ensino consideran que o uso vehicular do galego é un signo de riqueza para os nenos".

Cabía a posibilidade de que a rede popular entrase en funcionamento o próximo curso, pero "vai ser en certa maneira dificil", a pesar de que algunhas escolas están dispostas a participar no proxecto. Porén, indica Francisco López, "non temos a capacidade de organizalo e quedará para o 2012. Somos unha asociación popular e van ser as propias persoas as que realicen todas as tarefas organizativas: crear ferramentas adecuadas para que a xente, dunha maneira normal, reciba o ensino galego sen limitacións: somos un movemento inclusivo, democrático e laico, no sentido fundamental da pluralidade".

PERSPECTIVAS

Máis alá das galescolas

Francisco López desbota que os centros da rede popular se denominen "galescolas", termo que utilizou o bipartito para denominar uns centros públicos de características semellantes: "Nós chamámolas escolas populares infantís. O termo galescola reflicte a educación infantil en galego pero non temos porque recuperar ese nome: pretendemos aproveitar o bo feito nas galescolas, pero sobre todo pretendemos avanzar nese proceso".

A asemblea do día 17 de maio terá lugar en Compostela, na sede de Nova Escola Galega.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS