Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

teatro

A cita da temporada

O CDG completa "por unanimidade" o elenco de "A ópera dos tres reás" tras un concurso público ao que se presentaron 90 profesionais

MARÉ . SANTIAGO   | 08.03.2011 
A- A+

AXENCIAS
Quico Cadaval é o director da montaxe e o encargado de elixir o elenco xunto a Carlos Ariel
FOTO: AXENCIAS

Luís Tosar xa ten compañeiros de elenco para A ópera dos tres reás, a montaxe que protagonizará o actor para o Centro Dramático Galego (CDG). Un tribunal presidido por Quico Cadaval, director escénico do espectáculo, e Carlos Ariel Gracia, director musical, foi o encargado de valorar os 90 candidatos e candidatas, preseleccionados/as dun total de 209 solicitudes recibidas, entre os que se atopaban tanto recoñecidas figuras como novos valores da escena galega.

Os seleccionados foron Begoña Santalices, Muriel Sánchez, Alba Mesa, Mónica Iglesias e Marta Pazos; e nos masculinos Marcos Orsi, César Martínez Goldi, Francisco Pérez Narf, Sergio Zearreta e Víctor L. Mosqueira. Todos eles actuarán e cantarán neste musical de gran formato sobre a obra de Bertolt Brecht e Kurt Weill que se estreará o vindeiro mes de xuño en Santiago de Compostela.

Na resolución, dada a coñecer onte, sinálase que a selección foi acordada por unanimidade e baseada na posesión dos requirimentos de cada personaxe segundo a proposta da dirección artística e musical, así como polas condicións técnicas, actorais e vogais dos aspirantes e a avaliación da interpretación dos roles encomendados.

Deste xeito, o repartimento dos catro papeis protagonistas quedará integrado por Luis Tosar no personaxe de Mackie Navalla, Begoña Santalices no da señora. Celia Peachum, Marcos Orsi no do señor Ionatan Peachum e Muriel Sánchez no de Polly Peachum. O resto dos participantes asumirán papeis principais.

O elenco comezará os ensaios o vindeiro mes de abril, xunto co resto do equipo artístico e técnico involucrado neste espectáculo musical, a través do que o Centro Dramático Galego contribúe así mesmo á celebración en 2011 do Ano da Música de Galicia. Despois da estrea, prevista para finais de xuño en Santiago de Compostela, seguirá unha xira que se prolongará inicialmente ata finais de setembro por distintos escenarios e festivais dentro e fóra de Galicia.

ANTECEDENTES

Os ensaios, para abril

O CDG, segundo un comunicado remitido onte, actualizará a coñecida ópera, que na súa versión orixinal constituíu o éxito escénico máis relevante do dramaturgo alemán Bertolt Brecht, quen asinou a obra xunto ao seu compatriota Kurt Weill, autor dunha partitura que incorpora cabaré, jazz e música culta, aínda que satirizada.

A montaxe xa foi acometida en Galicia pola compañía Teatro do Aquí, nunha adaptación realizada por Roberto Vidal Bolaño que se repuxo tras a morte do dramaturgo a cargo da mesma compañía. O espectáculo, protagonizado por Pepa Yáñez, estreouse a primeiros do ano 2006 e significou a despedida dos escenarios da compañía, fundada tamén polo dramaturgo.

Catro actores da Estrada levaron tamén a escena a montaxe baixo a dirección de Lino Braxe, estreada no ano 2008 e tomando como base tamén a versión de Vidal Bolaño, co título A ópera de a patacón.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS