Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

audiovisual

A opresión do individuo

A curta "Fatum!", do galego Pablo Millán, foi seleccionada para cinco festivais de cinema americanos, entre eles o Houston International Film

MONTSE DOPICO. MADRID   | 13.03.2011 
A- A+

ANDY RAIN
Fatum! foi proxectada no Festival de Ourense e en Cineuropa
FOTO: ANDY RAIN

A curtametraxe Fatum!, dirixida polo galego Pablo Millán, foi seleccionada en cinco citas do circuíto americano de festivais. Entre marzo e abril vai participar na competición oficial do 42 Nashville Film Festival e no 20 Florida Film Festival, no 12 Newport Beach Film Festival en California, no 13 Boston Underground Film Festival e no 44 WorldFest Houston International Film Festival, o festival de cine independente máis antigo do mundo.

A estas cinco citas engádese a participación de Fatum no tour do 30 Black Maria Film Festival, con máis de 65 proxeccións por toda Norteamérica, unha das mostras de cine experimental e vangardista máis importantes de EEUU, festival onde ademáis Fatum! foi galardoado co Premio Director"s Choice. Fatum!, que contou cunha axuda da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), competiu xa en numerosos certames internacionais, tras pasar polo 15 Festival de Cine Internacional de Ourense ou por Cineuropa. Pablo Millán fálanos desta curtametraxe.

Son moitos festivais en moi pouco tempo, non si? Xa estiverades no 29 Uppsala Int. Film Festival ou no 16 Lund International Fantastic Film Festival en Suecia, ou outros coma o 18 Raindance Film Festival, o festival de cine independente máis importante do Reino Unido, ou o 30 Festival International du Films d"Amiens, en Francia.

Si, a verdade é que estamos moi contentos. Non esperabamos que tivese este éxito a curta.

A curta mestura o debuxo coa imaxe real gravada. Como a concibistes?

Utilizamos efectos, buscando que a imaxe tivese sempre un valor artístico. Que tivese unha calidade, unha textura... Máis que debuxos son colaxes, fotos... A curta supuxo un traballo de posprodución bastante complexo.

En canto á historia, un individuo é suxestionado, vítima do bombardeo masivo de noticias tráxicas e macabras por parte dos medios de comunicación. É unha crítica da cultura do medo, que leva ao individuo a un estado de paranoia constante...

Si, e tamén da superstición. Nietzsche falaba do fatum como forza infinita da resistencia contra a libre vontade. Nós queriamos falar, desde a ficción, da opresión do individuo, de todo o que se opón á súa liberdade. Así, é unha idea máis ampla que a que se presenta na curta sobre o bombardeo de imaxes morbosas ó que nos someten os medios de comunicación. Tamén quixemos falar desa atracción morbosa que sentimos ante o macabro.

O personaxe está na súa casa, sae e acaba meténdose dentro dun xornal. Unha historia curiosa...

A curta comeza cun personaxe que ve no tellado un gato negro. Despois vaise afeitar e rompe o espello. Está lendo o xornal, escoita música clásica na radio, e na televisión ve imaxes reais dun incendio. O vento apaga o fogón da cociña e hai unha explosión. Pero iso está na súa imaxinación. Sae da casa, e entra no xornal. Despois vai de paseo por todas as noticias macabras...

A estética parece inspirada no cómic, o cine mudo... Xoga co humor negro...

Do cómic pode haber algo desde o punto de vista estético, polos recadros, as viñetas, pero non foi a principal fonte de inspiración. Si me puido influír Buster Keaton, programas como Dead zone ou La dimensión desconocida...

A frase de Nietzsche é moi acaída. Partiu a idea dela?

Pois realmente non sabería explicarche moi concretamente de onde partiu a idea. A frase de Nietsche atopámola despois, non foi o punto de inicio. O que tiñamos claro é que queriamos ir a ese concepto de opresión do individuo, máis alá da simple anécdota. Un concepto máis metafísico, filosófico, moi psicolóxico tamén...

Como encadras este traballo na túa traxectoria? Xa antes foras premiado en Houston por "Longo sendeiro de pedra"... Tamén fixeras con Ana Lombao a curtametraxe "A meiga chuchona", sobre unha lenda galega, co seu carácter intimista, xogando cos conceptos de daguerrotipo e de ilustración de conto, a través da animación 2D, do clarooscuro e das viradas. As vosas principais referencias foron daquela as animacións de Starewicz, Jiri Trinka, Jan Svankmajer, a película italiana "Allegro ma non tropo"; o expresionismo alemán de Murnau, Fritz Lang e das fotografías de Ksado, Acuña...

Pois se cadra ten que ver cos traballos que fixen ó principio, cando estudaba Belas Artes. Hai probablemente conexións na temática, a estética...

O guión e a música son teus, na dirección e na posprodución axudouche Ana Lombao. Como foi o traballo co actor, Luis Iglesias?

Pois moi ben. Xa nos atoparamos antes, hai tempo. Todo foi sobre rodas, realmente.

2010.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS