Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.09.2018 Actualizado 20:39
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

PASAmento

A pioneira incansable

Ourense despide hoxe nun funeral a arquiveira e bibliotecaria Olga Gallego, académica da RAG, falecida este sábado cando estaba a piques de cumprir os 87 anos

MARÉ . SANTIAGO   | 06.09.2010 
A- A+

rosa veiga/efe
Olga Gallego, nunha imaxe de arquivo de 2008, cando presentou o libro sobre as mulleres ourensás
FOTO: rosa veiga/efe

A arquiveira e bibliotecaria ourensá Olga Gallego faleceu este sábado na súa cidade natal cando estaba a piques de cumprir 87 anos. A que foi a primeira muller en ingresar na Real Academia Galega (en 1985) e membro tamén da Real Academia da Historia até a súa xubilación, foi despedida onte por amigos e familiares no cemiterio municipal de San Francisco, logo dun acto litúrxico na igrexa de Santa Eufemia. Neste templo celebrarase hoxe ás oito da tarde o funeral que lembrará á que foi directora do Arquivo Histórico Provincial de Ourense até a súa xubilación.

Gallego, vencellada á recuperación da cultura galeguista durante a posguerra, naceu en 1923 na cidade de Auria. Licenciada en Filosofía e Letras, dirixiu o Arquivo da Delegación de Facenda en Vigo, a finais dos anos 50, e foi bibliotecaria da Fundación Penzol.

A finais dos anos sesenta, accedeu aos cargos de directora do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e do Arquivo da Delegación de Facenda da mesma cidade. Membro do Grupo Marcelo Macías do Museo Arqueolóxico Provincial, adicou boa parte do seu traballo a investigar os fondos documentais do mosteiro de Celanova, o Arquivo Histórico Provincial ou a Fundación Penzol. O seu labor abrangue dende a historia á arquivística, o que se traduciu en máis dun cento de publicacións e na pertenza a grupos como ANABAD-Galicia, entidade da que foi presidenta.

En 2008, publicou Historia das Mulleres: mulleres ourensás dos séculos XIV ó XVIII, no que destacaba o papel das donas na subsistencia das súas familias. Ese mesmo ano recibía o Premio Trasalba que adicaba ao traballo "silencioso" de bibliotecarios e arquiveiros. Era un recoñecemento da Fundación Otero Pedrayo, figura coa que mantiña uns estreitos lazos e a cuxa institución pertencía como padroeira.

O seu traballo foi recoñecido coa concesión do Lazo da Orde de Alfonso X en 1969, a Medalla de Prata de Galicia en 2000 e a Medalla Casatelao no 2006.

 

A primeira muller que ingresou na Academia

A Real Academia Galega -na que ingresou cun discurso sobre As barcas e as barcaxes da provincia de Ourense no Antigo Réxime- queda así sen a primeira muller que ingresou na institución, da que tamén forman parte Rosario Álvarez, Margarita Ledo, Luz Pozo Garza e Xohana Torres.

A concelleira de Cultura de Ourense, Isabel Pérez, lamentou a desaparición dunha "grande experta no estudo da cultura galega e ourensá, posto que foi unha grande arquiveira, cunha gran personalidade que sempre defendeu o ourensanismo". Dende o concello anunciouse que nos vindeiros meses se ía propoñer a Olga Gallega formar parte do Consello Municipal de Cultura.

Tamén o alcalde ourensán, Francisco Rodríguez, cualificou a arquiveira e bibliotecaria como "unha persoa ilustre cun alto nivel intelectual, ademais de ser entrañable e querida e sempre preocupada por rescatar a memoria da nosa cidade". Ademais, o cóengo arquiveiro da catedral ourensá, Miguel Ángel González destacou a colaboración de Gallego co Museo Diocesano xa que foi a responsable de ordenar e clasificar os seus fondos entre os anos 1951 e 1954.

OS ESTUDOS

Ultimaba unha nova investigación

Olga Gallego non cesou no seu labor investigador. Hai uns meses, un dos últimos traballos que publicou a bibliotecaria -que ingresou na RAG cun discurso sobre As barcas e as barcaxes da provincia de Ourense no Antigo Réxime- foi Os condes do castelo de Ribadavia. O director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Francisco Fariña, destacou o seu traballo incansable, xa que a arquiveira acudía a diario ao centro para seguir recollendo información para os seus traballos. De feito, o seu pasamento chegoulle cando estaba a piques de rematar o seu seguinte libro xa que estaba a ultimar, co grupo Marcelo Macías, un estudo sobre acontecementos históricos na comarca da Limia.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS