Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 23.07.2019 Actualizado 20:44
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Entrevista

"A vida é moi literaria"

Ánxel Vázquez de la Cruz recrea no seu primeiro libro de relatos, editado por Xerais, as historias das persoas que foi coñecendo na súa andaina como médico

MONTSE DOPICO . SANTIAGO   | 03.08.2010 
A- A+

AXENCIAS
O autor, nunha homenaxe a Uxío Novoneyra celebrada este ano
FOTO: AXENCIAS

A memoria e a ficción. A "patria da infancia" e a lingua. Os lugares. Ou, máis que os espazos, as persoas que os habitan: perdedores, xentes que sufriron a represión, a carencia. A vida. Son alicerces de Luz de Tebra, (Xerais), o primeiro libro de relatos de Ánxel Vázquez de la Cruz, médico e contador de historias. Escritor. "A vida é moi literaria, se ollamos máis alá do inmediato. O mundo está cheo de xente interesante", asegura.

A Feira do Libro da Coruña acollerá hoxe a presentación desta obra, ás 20:00 horas. Xunto ao autor, participarán no acto o escritor Manolo Rivas, -que escribiu un texto no libro a xeito de prólogo-, Manuel Salorio e Manuel Bragado, director de Xerais.

 

Xa escribira en "La Noche", e noutros xornais e revistas. Pero este é o seu primeiro libro...

Si, había xente que me animaba, como Manolo Rivas ou Eduardo Galeano. O que ocorre é que hai tanto que ler que me parecía case unha perda de tempo poñerme a escribir eu un libro. Pero pouco a pouco decateime de que chegara o momento. Para esa forma de escribir, relacionada coa vida, coa infancia, cos sitios nos que vivín. Son relatos de ficción feitos sobre personaxes auténticos... Agora ando traballando nuns relatos da época na que vivín en Barcelona, do 1969 ó 1975.

O libro semella unha homenaxe ós lugares. Pero é máis ben unha homenaxe ás persoas, non si?

Si, é máis unha homenaxe ós personaxes. Hai moita xente no libro. Polo oficio de médico coñeces moita xente, e as súas historias. Xa di Manolo Rivas que son un rescatador...

A realidade mestúrase coa ficción dun xeito que lembra a literatura latinoamericana ou a Cunqueiro... No libro hai referencias a escritores, pintores: Novoneyra, Lugrís...

Sen dúbida Cunqueiro ten influencia, pois lino moito. Ademais, a miña familia é moi contadora de historias, moi amiga de falar... Cando era neno, había unha muller que traballaba na casa, que me contaba historias... E gústame a literatura, si...

Luz de Tebra era unha expresión que se utilizaba onde vostede se criou, Tui, e que escolleu tamén por ser metáfora dos anos da posguerra. Nos seus relatos fala da represión, da fame, da pobreza. De situacións moi duras, que quedan entretecidas no relato. Só pinceladas que nos deixan, porén, ben claro o que quería contar...

Coñecín moita xente que viviu a represión, o terror, e as súas historias foron postergadas ata un punto moi dificilmente explicable. Persoas que mesmo sentían vergoña de ter sido represaliadas. Hai xente á que lle chama máis a atención a parte humorística do libro... Pero si, quería falar desa época, que mesmo docifico, que non é doado. O ser humano é capaz de facer animaladas, pero tamén hai moita xente moi interesante e tan simpática...

Os mariñeiros son uns personaxes por vostede moi queridos...

Sempre me fascinaron. O seu nomadismo, esa especie de universalidade, a vulnerabilidade, o xeito de afrontar a fatalidade, a capacidade de loitar...

Escolle vostede como personaxes xente sinxela, que tivo unha vida dura... Os xitanos, o contrabandista que desexaba ser un importante gánster, persoas enfermas de desamor, o galego de familia represaliada que emigra e desexa ser outra persoa, o chinés falecido no accidente do Casón e esquecido...

Son perdedores na súa maior parte, si. Xente que coñecín, ou personaxes que constrúo a partir da suma de varias persoas que coñecín...

Escribe en primeira e en terceira persoa... Hai partes máis autobiográficas, como na que conta a súa época de estudante: os profesores, a bohemia "humilde" de Santiago, a confluencia do rural e o urbano na feira na carballeira, o 68...

Si, hai partes máis reais, e anécdotas reais, como a do parto. Pero ao escribir sempre te acabas deixando levar tamén pola fantasía... Ademais, a realidade é moi complexa...

En varias partes do libro fala da convivencia entre a maxia e a ciencia: a patroa que é quen de explicar por que andan por aí os defuntos...

Hai cousas que xurdiron na miña infancia. Aquela señora da que falaba, que me trouxo o galego á casa, -aínda que meu pai tamén o falaba, e os veciños...-, e que ten que ver con que puidese imaxinar aquel cadáver como un defunto que era unha alma en pena... Todo iso está presente no libro. O galego é para min unha especie de patria, mesmo sen ser eu unha persoa moi activista. Síntoo como algo moi íntimo, unha parte de min que quixen reflectir no libro, que me vén da infancia, a patria da infancia, como dicía Rilke...

DATOS

A "relación especial" coa xente

O oficio de médico pode ser un xeito de vivir achegado ás persoas, ás súas historias...

O médico ten unha relación especial coa xente. Eu traballo con nenos, e os seus pais, e xenérase unha comunicación comprensiva, no sentido nobre da palabra. O médico vai coñecendo as historias da xente... O certo é que a vida é moi literaria, se ollamos máis alá do inmediato. O mundo está cheo de xente moi interesante. E velo ou non tamén depende do traballo, de ter a sorte desa coincidencia...

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS