Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.02.2020
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

formación

Abre un novo centro de estudos galegos en Alemaña

Os estudantes da Universidade de Leipzig poderán coñecer a nosa cultura, e os alumnos de Tradución graduarse no noso idioma

REDACCIÓN   | 20.10.2010 
A- A+

Ramón Lorenzo, á esquerda, e Anxo Lorenzo foron á apertura do Centro

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e mais o catedrático de Filoloxía Galega e membro da Real Academia Galega Ramón Lorenzo participaron na inauguraron do Centro de Estudos Galegos da Universidade alemá de Leipzig e do correspondente lectorado, que tivo lugar onte na Biblioteca Albertina da universidade.

Anxo Lorenzo salientou que o galego é unha lingua que "segue sendo o medio de comunicación habitual da maioría da poboación de Galicia, xa que preto do 60% utiliza diariamente só o galego ou máis galego que castelán".

A apertura do Centro de Estudos Galegos de Leipzig, xunto co seu correspondente lectorado de galego, "fará posible que, por vez primeira, se desenvolva nesta universidade un amplo e variado programa de actividades académicas a prol do coñecemento e a difusión da lingua e da cultura galegas entre o público universitario e, dun xeito máis amplo, tamén entre a cidadanía en xeral", salientou, por outra banda, Anxo Lorenzo.

Ademais, o ensino do galego en Leipzig promoverase no marco académico dun grao de tradución.

Co galego e mais co de catalán, dixo, será posible, por primeira vez en Alemaña, estudar todas as linguas ibero-románicas no cadro da carreira de Tradución e Interpretación, así como "graduarse oficialmente en calquera dos catro idiomas", subliñou.

Na actualidade existen máis de 40 centros de estudos galegos localizados en diversos países de Europa e de América.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS