Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 26.06.2019 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

maré hoxe

Adeus a un pioneiro

Tradutor, docente, escritor, impulsor da galeguización no ensino... A literatura e a lingua galegas perderon onte a Valentín Arias (Sarria, 1934), que faleceu a mediodía na súa vila. As mostras de pesar non se fixeron agardar nas redes sociais. A el debémoslle a versión en galego de ‘As aventuras de Tintín’, ‘A volta ó mundo en oitenta días’ ou ‘O estranxeiro’

MARÉ   | 26.03.2011 
A- A+

AXENCIAS
Valentín Arias traduciu ó galego clásicos da literatura contemporánea como varias novelas de Verne, e impulsou a galeguización do ensino
FOTO: AXENCIAS

Valentín Arias recibiu, entre outros recoñecementos, unha homenaxe con motivo do Día Internacional de Tradución. Foi un dos tradutores pioneiros tanto de Xerais como de Galaxia, ademais de fundador e presidente da Asociación de Tradutores Galegos.

Recibiu o premio Ramón Cabanillas de Tradución e o Premio de Tradución Xuvenil do Ministerio de Cultura. Entre as súas moitas obras atópanse as obras de Jules Verne A volta ao mundo en oitenta días, Viaxe ao centro da terra e Da Terra á Lúa; Voo de noite de Antoine de Saint-Exupéry, O estranxeiro de Albert Camus. Tamén traballou no equipo que traduciu O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha. Ademais é autor numerosos estudos sobre a tradución.

Arias estudou na Escola Primaria de Orientación Agrícola da Granxa de Barreiros, con Avelino Pousa Antelo. Foi profesor e director desta escola e despois docente nun colexio de Vigo. Traballou na Fundación Penzol e foi xerente da editorial Galaxia. Como escritor, asinou obras como A lingua galega na escola ou A escola rural en Galicia.

O director de Xerais e presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, salientou onte o labor de Arias na galeguización educativa, así como o seu traballo en Galaxia e despois en Xerais, e en xeral, o seu activismo cultural: foi un dos impulsores, por exemplo, da Biblioteca Virtual Galega. No franquismo, Arias loitou por defender a lingua e a cultura galegas desde o galeguismo de esquerdas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS