Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.11.2019 Actualizado 23:31
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

o xesto do escritor

Agustín Fernández Paz: "Non buscaba este papel"

Asegura que non quere entrar "en polémica ningunha" tras rexeitar o Premio da Cultura Galega no apartado de Literatura

A.R. LÓPEZ . SANTIAGO   | 18.11.2010 
A- A+

Agustín Fernández Paz asegura que as súas pretensións non son crear polémica, pero cre que por coherencia debía rexeitar o galardón

Agustín Fernández Paz non quere facer entrevistas "nin entrar en polémicas de ningún tipo". O único que quere é que "isto pase canto antes" e co canto antes refírese á revolta que armou o martes pasado cando rexeitou o Premio da Cultura Galega, nunha acción de protesta pola política lingüística desenvolvida na Xunta polo goberno de Alberto Núñez Feijóo.

Onte, nun breve diálogo telefónica, o escritor queixábase da súa mala saúde e de interpretar "un papel que non buscaba". Porén, nesa posición de "silencio por coherencia", non puido evitar que o seu nome se convertese nunha das entradas máis buscadas de internet e a súa figura na máis celebrada dunha Cultura, a galega, que desde hai meses se sobrepón ás adversidades con xestos como os deste autor, un dos máis lidos e premiados en Europa dentro do xénero da Literatura infantil e xuvenil.

El trata de restarlle importancia ás adhesións -que lle chegaron mesmo desde militantes do Partido Popular (PP)- e, en calquera caso, asegura que el non é "responsable" dos apoios que lle chegan a favor "nin dos que me chegan en contra".

No comunicado que difundiu o mesmo martes, nada máis coñecer a noticia do galardón, Fernández Paz agradecíalle ao xurado a concesión dun premio que el considera, ao mesmo tempo, un recoñecemento ao colectivo de escritores que "desde hai ben anos, vén esforzándose en crear desde Galicia unha literatura infantil e xuvenil de calidade".

Distinguido con diferentes premios, entre eles o Nacional de Literatura do Goberno españo, Fernández Paz é un dos máis activos integrantes de Prolingua, creada para contrarrestar as medidas adoptadas polo Goberno de Núñez Feijóo na política lingüística, concretamente a aprobación do polémico decreto do plurilingüismo. A plataforma fixo público a primeiros de outubro un chamamento ao mundo da cultura para que rexeitase os Premios da Cultura Galega, creados pola Consellería de Cultura tras anular os anteriores Premios Nacionais da Cultura Galega e, recentemente, desprovistos de dotación económica, ao contrario do que ocorre con outros galardóns de igual rango en España, Cataluña e Euscadi.

 

 

REACCIÓNS

Adhesión da AELG

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) deulle onte os parabéns a Fernández Paz polo premio e fixo público un "inequívoco apoio á súa decisión· de renunciar ao galardón. Paz, engade, "arrombou a diglosia errática á que a historia sociolingüística diacrónica nos conduciu, e aceptou, sen prexuízos, a lingua propia e oficial, o galego, para guiarnos por multitude de viaxes reais e imaxinarias".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS