Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

novela

Alén da inmediatez

Silvia Bardelás: "Vivimos descontentos coas nosas vidas porque non as decidimos. Non nos vemos capaces de cambialas porque estamos paralizados"

MONTSE DOPICO . SANTIAGO   | 10.08.2010 
A- A+

AXENCIAS
A autora escribiu outras dúas novelas, pero ‘As Médulas’ é a primeira que se publica
FOTO: AXENCIAS

Juan marcha a unha aldea perdida para esquecerse dun mundo que se constrúe alleo á súa decisión. Para afastarse dos compromisos absurdos. Para fuxir dunha eternidade sempre igual a si mesma. Este é o punto de partida de As médulas, a primeira novela publicada de Silvia Bardelás, que tira do prelo Barbantesa, un novo proxecto editorial centrado na chamada literatura de muller, as letras africanas e outras literaturas menos visibles no mercado. Onte, a autora presentou esta obra na Feira do Libro da Coruña.

 

Unha dos aspectos que primeiro chaman a atención do libro é o xeito no que está escrito, que lembra unha peza de teatro na súa estrutura. O narrador sitúa os personaxes no seu contexto...

Foi a miña primeira intención. Mesmo o libro ía chamarse As Médulas, os escenarios. Quería poñer moita distancia entre o narrador e os personaxes. O narrador fai unha descrición da paisaxe, e despois entra no pensamento dos personaxes. Non hai un tempo entre o pensamento e a acción, senón que esta é inmediata. O tempo é presente, e hai cortes para dar paso dun personaxe a outro.

 

Juan non soporta que o mundo rode sen que el poida decidir nada. Flora foise deixando levar pola vida. É unha das ideas principais do libro: a maneira na que vivimos, como autómatas...

Si, é unha das ideas fundamentais. Vivimos descontentos coas nosas vidas, porque non as decidimos. Non nos vemos capaces de cambialas porque estamos paralizados. É o pensamento o que pode abrir un camiño para mudar as cousas. No caso de Juan, é a paisaxe a que o axuda a saír de si mesmo. Estamos metidos no eu... Pero ó final cada personaxe toma unha decisión, para tentar comezar unha nova vida.

 

Hai unha evolución en cada personaxe, tras tomar conciencia do que lle pasa. O achegamento entre Juan e Flora é moi importante. Ela aceptou mesmo que lle mudasen o nome, vive unha vida forzada pero é capaz de manterse case invisible, afastada, mesmo do seu home, José. É unha supervivente, pensa Juan...

O que facemos na nosa vida repercute na vida dos demais. Cando un dá un paso, os outros teñen que dar o seu. Os dous personaxes, Juan e Flora, séntense atraídos polo que non teñen. Flora non ten esa capacidade de Juan para case pasar de todo. A Juan gústalle a dignidade que ten ela.

 

Sara, a muller de Juan, vive sen dicir o que opina de verdade. Ten medo de perder a Juan, e evita o enfrontamento con seu pai...

Sara tamén é unha supervivente, pois criouse sen a nai. Ela non pode desapegarse da seguridade do pai, porque quedaría orfa. Pero chega un momento no que é capaz de enfrontarse á súa figura. Comeza unha viaxe, vai a Vigo para non perder a Juan. Ó chegar alí, ao mar, ao pasado da nai, atopa forzas para mudar a súa vida, ve o que está ben e está mal, sen agardar pola opinión dos demais.

 

Todos deciden, pero a decisión de Flora é aceptar o que lle tocou...

Flora é unha muller que naceu nun mundo moi difícil. A novela ten tamén esa dimensión, de clases sociais. Ela non ten moitas posibilidades, porque naceu na clase que naceu. E esa é a súa realidade. Aínda que se abre a posibilidade de que estea en estado, e pensa que o seu fillo terá un pai, que é José, de xeito que ela tamén pode comezar de novo.

OPINIÓNS

"A literatura leva moito tempo. Este non é un libro para entreter"

A vida é unha imitación, reflexiona o narrador. A Juan inquiétao a falsidade, a falta de autenticidade. A infinitude repetitiva. Afastouse da realidade de neno, no medio dunha familia ó seu ver sen ledicia, sen sensibilidade... Pensa, faise preguntas, pero afastado dos demais, do mundo.... E ata que non sente algo fóra del, que é o medo á enfermidade, á morte, non hai solución para o amor...

Juan non acepta o que entende como debilidade da súa familia. Non acepta a submisión da nai respecto do pai, e sente culpa. Ten que liberarse desa culpa. E é cando vai ás Médulas con Flora, e fala diso, cando trae todo iso ás palabras, cando consegue liberarse.

 

É un libro de personaxes, non de trama. Cada personaxe por separado podería dar un libro. O narrador condúceo todo, mergúllanos nas reflexións de cada un... O ritmo é moi pausado, a redacción inclúe parágrafos moi longos con moitas comas, hai pouco diálogo... Non é un libro doado, nin o tipo de novela que máis se le...

A literatura leva moito tempo, escribila e lela. Este non é un libro para entreter. Interésame que o lector poña algo da súa parte. A literatura non está, eu creo, no campo da inmediatez... é de tempo.

 

Es licenciada en Filosofía, colaboras en editoras, fas tradución, coordinas premios literarios, ensinas creación literaria... Dirixes unha revista dixital sobre literatura, pero creo que fóra da rede non tiñas publicado nada antes...

Escribín outras dúas novelas, esta é a terceira. É moi difícil que ás editoras lles interese a literatura deste tipo. Eu tiven a sorte de atopar a Barbantesa, que si aposta por este tipo de literatura. Para min é importante que a literatura nos faga reflexionar un pouco, e xa se pode ser que axude a mudar a vida.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS