Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Xoves 17.05.2012  | Actualizado 02.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Maré

crónica

A ambición dos votos

30.06.2010  O PP admite que Galicia Bilingüe e UPyD foron o motivo da promesa de derrogar o decreto do galego do bipartito e consultar os pais

5.0/5 [12 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MONTSE DOPICO . SANTIAGO

Pola esquerda, Agustín Baamonde, Manuel Bragado e Bieito Lobeira, onte no Consello da Cultura  FOTO: Antonio Hernández
Pola esquerda, Agustín Baamonde, Manuel Bragado e Bieito Lobeira, onte no Consello da Cultura
FOTO: Antonio Hernández

A previsible incidencia de Galicia Bilingüe e UPyD na bolsa de votos que podía decidir a cor do último e decisivo escano nas eleccións de marzo do 2009, foi o factor que levou os "estrategas" do PP a incorporar o tema da lingua na campaña "de xeito claro" coas promesas de derrogar o decreto do galego do bipartito e consultar os pais. Así o admitiu onte, nunha mesa redonda no Consello da Cultura Galega (CCG), o deputado popular Agustín Baamonde. Diversos analistas xa o advertiran, pero onte o parlamentario do PP confirmouno, nun debate co deputado do BNG Bieito Lobeira na cuarta e última sesión do Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia, organizado polo CCG.

"O tema da lingua non era nun principio un obxectivo fundamental. Pero a aparición de colectivos como Galicia Bilingüe, de clases urbanas que expresaban a súa frustración co decreto do bipartito, xerou un caldo de cultivo que preocupou ós estrategas do PP. Feijoo contaba con gañar, pero por unha marxe axustada. E a aparición de Galicia Bilingüe, e de UPyD, fixo temer que podía haber aí unha bolsa de votos que podía afectar ó último deputado que resolvería o mapa electoral. Por iso o PP introduciu o tema da lingua dun xeito claro, e formulou dúas promesas: derrogar o decreto e consultar os pais. Tras gañar as eleccións, tivo que cumprir as promesas", explicou Baamonde.

"O PP vendeu o idioma do país por un puñado de votos", retrucoulle Lobeira. Durante a mesa redonda, á que non puido acudir o deputado do PSdeG Francisco Cerviño e na que Baamonde respondeu a numerosas críticas que se lle formularon desde o público, o parlamentario popular non deixou de apelar á lectura do seu partido da "realidade social".

"Na sociedade galega producíronse cambios importantes" desde a transición política, -apuntou-, e Feijóo "non pode facer o que lle dea a gana" no seu partido, que "se debe ós seus votantes". Existen tensións dentro do PP, -recoñeceu-, pois a súa base social é "ampla", e inclúe non só o sector "galeguista" co que se identifica o votante "do medio rural", senón tamén o sector das "contornas urbanas" que non está pola defensa do galego. "Feijóo defende o galego, e ten que nadar e gardar a roupa, pero eu creo que está a ser moi sensato", afirmou.

É certo -engadiu en resposta ás alusións de Lobeira a El Mundo-, que hai medios que tentan "crear opinión" cun enfoque "centralista", e iso pode ter "transcendencia en parte do electorado do PP", pero ao seu ver "iso é o menos relevante". Na súa opinión, a cuestión é que "o futuro da lingua non se decide por decreto", e pouco se avanzará se "os medios, os empresarios" non falan galego, e se a maioría dos pais queren que se eduque os fillos en castelán. Para solucionar isto, sinalou, cómpre "intelixencia" e "autoridade moral", e un modelo baseado no "equilibrio e a liberdade".

Bieito Lobeira denunciou, pola súa banda, as trampas deste discurso da "liberdade", ademais dos incumprimentos por parte do Goberno da "cativa" lexislación vixente sobre a lingua, que evidencian a contradicción coas declaracións de "amor" do PP cara ó idioma. O deputado do BNG salientou a "estigmatización" do galego na que afondará o "mal chamado decreto do plurilingüismo" ó excluír este idioma das aulas de matemáticas, física e tecnoloxía. Subliñou que o principio do 50% non se cumprirá na práctica, por exemplo no itinerario tecnolóxico de 4º da ESO, que reserva 3 horas para o galego fronte ás 9 do castelán.

Lembrou a "pregunta trampa sobre a lingua materna" en infantil, as webs dependentes da Xunta en castelán, a negativa de conselleiros do PP a usar o galego, a sinaléctica ou a publicidade institucional en castelán, a supresión da obrigatoriedade nas oposicións de facer unha das probas en galego, a documentación interna de consellarías en castelán, a exclusión dos concellos de menos de 3.000 habitantes das axudas á normalización, a marxinación do galego no ámbito xudicial, ou as posibles "represalias" aos profesores que se neguen a deixar de dar aulas en galego.

Lobeira propuxo como alicerce do pacto lingüístico o cumprimento da lei vixente e do Plan de normalización lingüística. "Podemos debater sobre os ritmos, os métodos, os prazos, pero non sobre os obxectivos do plan", dixo. Baamonde, despois de eludir responder e centrarse en acusar o BNG de tentar "facerse dono" da lingua ou consolidar a súa posición central no seu concepto de nación, pediu "flexibilidade" para aplicar un plan que é para o seu partido só "un marco que se pode interpretar de moitos xeitos".

O filósofo Antón Baamonde propuxo a celebración dun referendo sobre o tema da lingua entre toda a poboación, cunha "pregunta consensuada". O sociólogo Fermín Bouza pediulle a Agustín Baamonde que faga de mediador co seu partido, "que necesitamos, porque representa a metade da xente", para deter o camiño do galego cara á desaparición, e insistiu, como Lobeira, en que a política contraria ó galego vén "importada" desde o PP de Madrid. O profesor Juan Carlos Moreno denunciou tamén o nacionalismo lingüístico español, que segundo sinalou rexeita o intento de situar outras linguas ao mesmo nivel que o castelán como un "ataque" á unidade da nación española e a unha "lingua común" que considera superior e Ángel López propuxo estender o "plurilingüismo" a todo o territorio do Estado español. Georg Kremnitz avogou por unha reforma constitucional que facilite unha simetría maior entre as diferentes linguas.

CONCLUSIÓNS

A necesidade de revisar discursos e impulsar accións positivas

A cuarta e derradeira sesión do Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia constatou, na práctica, a imposibilidade de recuperar a curto prazo os consensos lingüísticos básicos en Galicia e salientou os atrancos que para o futuro do galego supoñen as recentes decisións da Xunta en materia educativa. Fixo tamén fincapé na necesidade de revisar os vellos discursos e impulsar accións positivas dirixidas especialmente aos sectores sociais máis dinámicos. Na perspectiva internacional do galego, onte Xoán Carlos Lagares, da Universidade Federal Fluminense e Margarita Ledo subliñaron a importancia da presenza do galego na diversidade da lusofonía, como un espazo activo, plural e multicéntrico, na mundialización. Por outra banda, tanto a profesora Alba Nogueira como o profesor Juan Carlos Moreno entenden que a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut non supón grandes cambios respecto do tema da lingua, pois, aínda que a sentenza rexeitou o termo de uso "preferente" na administración, acepta outras expresións como uso "normal". Ademais, tampouco anula o "deber de coñecer" para o catalán, ao contrario do que decidara respecto do galego noutra sentenza.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS