Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

"A TERRA QUE PISAMOS É NOSA" ·· óbito

O amor galicián

Morre Avelino Abuín de Tembra, o home que converteu o galeguismo no eixe da súa vida e personalidade fundamental na creación e actividades da Fundación do Pedrón de Ouro

MARÉ . SANTIAGO   | 03.03.2009 
A- A+

Avelino Abuín de Tembra durante unha lectura nas festas de Padrón

Avelino Abuín de Tembra andaba nos últimos meses entusiasmado cun proxecto de aparición inminente: a historia do Pazo de Liaño, un proxecto ao que lle dedicara varios anos de investigación e que, en certo modo, culminaba a inquietude dunha xeración que, como a súa, tivera que reconstruír o pasado do país desde as barricadas da ditadura. Agora, xa non verá nunca: o mesmo día no que o Goberno bipartito caeu -a defensa desa aposta que lideraron Pérez Touriño e Anxo Quintana foi tenaz ao longo dos últimos anos nos seus artigos periodísticos-, Avelino Abuín de Tembra morría nunha clínica de Compostela.

Nacido na parroquia de San Xoán de Liaño, en Dodro, no 1931, Abuín de Tembra foi un home incansable no seu compromiso coa Cultura galega. Poeta, investigador que devolveu á luz a obra e a vida de Luís Aguirre, -adoitaba dicir que era o mellor poeta romántico en castelán que tivo Galicia-, difusor do traballo das bandas de música -semanalmante realizaba un programa en Radio Obradoiro- e axitador no seu Dodro natal, a súa figura estivo estreitamente ligada ao Fundación do Pedrón de Ouro -da que foi presidente nos últimos quince anos-, a Fundación Rosalía de Castro e á Castelao, as tres símbolos dunha resistencia cultural que comezou a afianzarse nos anos sesenta, en pleno franquismo.

 

Creación da ruta pola xeografía rosaliana

De feito, Abuín de Tembra foi un dos fundadores, no 1964, do Pedrón de Ouro, que outorga anualmente un galardón que recoñece personalidade ou entidade viva, residente en Galicia, que destaque na defensa ou promoción da cultura galega. Tamén estivo na xestación do máis antigo premio de narracións en galego, o Modesto Rodríguez Figueiredo, no que concursaron e se deron a coñecer boa parte dos escritores galegos das últimas décadas.

A súa outra paixón foi a figura e a obra de Rosalía de Castro, que consideraba o eixe do universo do galeguismo e da identidade do país. Froito desta paixón son as antoloxías que realizou da escritora. Porén, foi máis alá e creou para ela unha rurta literaria, que percorre as paisaxes que evocaron os seus escritos.

Desenvolveu unha continuada -e prolífica- produción periodística, como o testemuña o artigo que semanalmente publicaba en GALICIA HOXE. Onte, precisamente, os lectores tiveron oportunidade de ler o seu derradeiro artigo, dedicado a Dodro, onde desenvolvía a historia deste concello e as desavinzas co de Padrón polas súas delimitacións. "Asombra a situación de Dodro", escribía. "Que non haxa ningunha institución da democracia que vele por este concello humilde e pobre. Un municipio que foi antro de ignomias, obxecto de traizóns e perfidias impensables que terxiversan a democracia, convertida agora en vituperio e baldón. ¡Así non é amigos!".

Con estes artigos, Abuín de Tembra cobre practicamente a metade do século XX e esta primeira década do XXI, xa que en La Noche -o xornal vespertino que editou EL CORREO GALLEGO até 1965- o seu nome aparece xa entre os colaboradores, a carón de Celso Emilio Ferreiro, Fernández del Riego, Méndez Ferrín, Blanco Amor ou Bouza Brey.

 

Un poeta de marcada preocupación social

Tamén tivo tempo para a poesía, un xénero que el admiraba e cultivou con constancia e entrega. "Abuín", escribiu Benito Varela Jácome sobre a súa poesía, "emprega o verso libre, pero este, endebén, non deixa de ser versus; a cadea fónica, liñal de cada un é unha volta rítmica, enfiada co nivel de significado". Varela Jácome descubría espellos "nidios dunha emoción, dun compromiso, dun vinculo coas estruturas sociais da terra. Fronte a tanta poesía desleigada, Abuín enliña, ennovela, as funcións suxetivas -dor, anguria, inquedanzas, soidades, canseiras, coas funcións indicativas, obxectivas en e sobre Galicia, cos shifters que vinculan o tempo a unha historia vivente, a un estatus social".

A súa obra poética, pola que obtivo galardóns como o Celso Emilio Ferreiro no 1981, abrangue diferentes estilos e temáticas a través de obras como Camiños (1961), Home ao pairo (1974) e Roldas de Compostela (1983).

Abuín de Tembra, catedrático en ensino medio, exerceu tamén a docencia como profesor de Literatura Española no colexio Manuel Peleteiro, en Compostela, onde fundou a revista xuvenil Imos e creou os xogos florais de ensino medio de Galicia. Entre 1954 e 1958 trasladouse a Lisboa para exercer como correspondente da prensa galega en Portugal.

REACCIÓNS

Hoxe será incinerado en Boisaca

A desaparición de Abuín de Tembra causou fondas reaccións en toda a cultura galega. O secretario do Pedrón de Ouro, David Otero falaba do enorme baleiro que deixaba no seo da cultura do noso país.

Neste sentido, sinalou que o próximo día 14 se celebrará unha reunión para elixir un novo presidente e "seguindo as súas directrices" continuar traballando no Pedrón de Ouro, de Honradez e no premio literario Modesto Rodríguez Figueiredo, dúas das actividades ás que o poeta de Dodro lles dedicou boa parte do seu tempo nos últimos anos

Helena Villar Janeiro, presidenta da Fundación Rosalía de Castro moi vinculada ó intelectual falecido, sinalou que "foi un dos grandes alicerces da fundación".

A tamén escritora, destacou o seu labor na promoción de numerosos escritores galegos, máis que pola súa obra mesma, e fixo fincapé no seu amor pola obra de Rosalía. Neste sentido, apuntou que o volume Poetas con Rosalía, editado pola propia fundación, contén posiblemente o que é o derradeiro poema de Abuín.

Helena Villar Janeiro resumiu a traxectoria de Abuín de Tembra dicindo que estivo marcada continuamente pola súa "absoluta e insobornable fidelidade a Galicia, á súa lingua e á súa cultura"

Pola súa banda, o secretario do Pedrón de Ouro, David Otero sinalaba onte que o desaparecido Avelino Abuín de Tembra era o "amigo, o profesor e o militante de Galicia, desde o poeta ata o literato".

O autor falecido será inciderado hoxe no cemiterio compostelán de Boisaca, nunha cerimonia que terá lugar ás 12.00 do mediodía.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS