![]() Antía Otero (fotografada aquí por Sue Rainbow)
FOTO: Sue Rainbow |
Poetas de varias xeracións -entre os que figuran Lois Diéguez, Luís González Tosar ou Andrea Nunes Brións- lembran mañá en Compostela cun recital o 950 aniversario da primeira voda homosexual que se coñece en Galicia. O recital terá lugar a partir das sete da tarde na cafetería Airas Nunes, convocado pola Asociación Cultural O Galo e organizado por Carlos Callón.
Alicia Fernández, Antía Otero, Antón Fortes, Asunción Arias, Carlos Lixó, Fran Cortegoso, Gonzalo Hermo, Gonzalo Vázquez, María Rosendo, Marica Campo e Rosa Enríquez completan a nómina de poetas que lerán os seus versos no recital como contributo "para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria", subliñaba onte Callón, autor dun ensaio co que gañou o Premio Risco, A configuración da homosexualidade na Idade Media, onde subliña a existencia do documento de vodas, achado a primeiros do séxulo XX por Eduardo Hinojosa e difundido, posteriormente, por John Boswell na súa célebre As vodas da semellanza: as unións homosexuais na Europa premoderna, auténtica biblia dunha cuestión que segue a levantar basoutos nas frozas da dereita e nas relixións radicais.
Foi o 16 de abril do ano 1061 cando se rexistrou, na parroquia de Santa María de Ordes, en Rairiz de Veiga, a unión de Pedro Díaz e Muño Vandilaz. O documento conservábase no Tombo de Celanova, editado por José Miguel Andrade Cernadas.
"Un dos argumentos para deslexitimar a institucionalización do matrimonio entre persoas de ambos sexos", asegura Callón, "é que un invento recente. Un erro: sen ir máis lonxe, en Galicia conservamos documentos explícitos, documentos de matrimonio entre homes". Pero ¿podiamos falar verdadeiramente de matrimonio? Callón é tallante: "Falar de matrimonio entre homes entón podería parecer estraño, é certo, pero é estraño falar de que entón houbese matrimonios como hoxe os entendemos mesmo entre homes e mullere".
E é que actualmente -explica o investigador e presidente da Mesa- falamos de matrimonio cun tinxidura romántica, co amor polo medio "e iso non foi sempre así: ese é un concepto que vén de antonte. Ao longo da historia occidental, o matrimonio non foi máis que un acordo de propiedade e o amor, se fose o caso, xurdía no futuro".
No documento do Tombo de Celanova reflíctese a vontade de dous homes que se comprometen, entre outras obrigas, a coidarse mutuamemente, herdarse o un ao outro en caso de morte ou compartir a mesma casa. "Un negocio: o que expresan é un motivo afectivo. Non hai dúbida de que é un matrimonio e ninguén o dubidaría se, en vez de se chamaren Pedro e Muño, se chamasen Pedro e Sara. Para moitos, a homosexualidade é un imposible conceptual e o único que queren é poñer peros".
Contra a falsificación da historia
O documento do Tombo de Celanova é o máis antigo que se conserva en Galiza, pero Carlos Callón está convencido de que non é único, "aínda que non nos queden pegadas". A homosexualidade, engade, "é unha tendencia xeral da humanidade desde os seus albores e a súa institucionalización matrimonial tamén".O acto de mañá en Compostela, nese sentido, xorde para avivecer a memoria nun proceso contra a "falsificación da historia". Esa negación dun feito real "trata de demostrar que a homosexualidade non existiu nunca, nin se recoñeceu nunca e, polo tanto, tampouco pode recoñecerse no presente".
Como exemplo pon o líder do Partido Popular (PP), Mariano Rajoy, "que agora dubida se manter o matrimonio homosexual baseándose no criterio de que non ten tradición, nin os mesmos dereitos... Eu recomendaríalle que lese este docuemtno de Celanova e descubra o equivocado que está".