Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Martes 23.09.2014  | Actualizado 01.09

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Maré

Filóloga

Ana Bringas López: “A teoría poscolonial é totalmente aplicábel no contexto galego. Non hai dúbida”

“No mundo capitalista temos unha falsa sensación de liberdade que non é tal: vivimos encadeados”

Ana Bringas López centra a súa investigación na literatura poscolonial anglófona, concretamente na de África FOTO:
Ana Bringas López centra a súa investigación na literatura poscolonial anglófona, concretamente na de África FOTO:

13.06.2011 
A- A+

"Nacín en Asturias e vivín alí case 30 anos. Son doutora en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Uviéu. No ano 1995 establecinme en Galiza. Traballei primeiro na Universidade de Santiago de Compostela e no 1997 cheguei a Vigo, onde son profesora titular de literatura en lingua inglesa na Facultade de Filoloxía e Tradución. Gústame moitísimo a docencia. Creo que hai poucas cousas máis gratificantes que lograr transmitirlle ao alumnado a paixón pola literatura e conseguir que a través dela descubran o pracer de reflexionar criticamente sobre a realidade e sobre si mesmas/os. Nas miñas aulas intento cuestionar a visión canónica da literatura e ofrecer perspectivas alternativas, novas formas de ler o canon pero tamén outras manifestacións literarias non canónicas ou marxinais. Interésame especialmente visibilizar as achehas das mulleres á historia cultural, descubrir a tradición literaria feminina e feminista que o patriarcado tratou sempre de ocultar. Tamén me interesan as contribucións literarias e culturais doutras minorías, como os pobos colonizados e os colectivos racializados.

A miña investigación céntrase na literatura poscolonial anglófona, concretamente na de África e a súa diáspora. Fixen a miña tese de doutoramento sobre a narrativa breve de autoras xamaicanas (si, en Xamaica tamén hai literatura). Na actualidade, estou investigando sobre as reescrituras contemporáneas da escravitude, un período histórico longo e doloroso que as autoras e autores da diáspora africana senten a necesidade de revisar cun dobre obxectivo: primeiro, para recuperar as historias individuais e colectivas que foron silenciadas e borradas da Historia oficial, historias que falan non só de sufrimento senón tamén de resistencia, supervivencia e dignidade; segundo, para reflexionar sobre as consecuencias da escravitude nas sociedades contemporáneas e intentar comprender e superar o seu legado de racismo.

Canto ás miñas publicacións, son autora do volume Muller e literatura na sociedade caribeña anglófona (Universidade de Vigo, 2000), e co-editora de diversos volumes de estudos poscoloniais (Global Neo-imperialism and National Resistance: Approaches from Postcolonial Studies, 2004; Nacionalismo e globalización: lingua, cultura e identidade, 2003; Challenging Cultural Practices in Contemporary Postcolonial Societies, 2001, Reading Multiculturalism: Contemporary Postcolonial Literatures, 2000 e un número especial da revista The Atlantic Literary Review: National Literatures in English and the Global Market, 2001), ademais de numerosos artigos en publicacións especializadas. Dende o grupo de investigación que co-coordino con Belén Martín Lucas, organizamos diversas actividades académicas e de extensión universitaria (ciclos de conferencias, cursos, xornadas, congresos, etc.) encamiñadas a promover e difundir os estudos poscoloniais e feministas entre a comunidade universitaria e na sociedade en xeral.

 

Historia, Lingua, Política e Nacionalismo son catro disciplinas que a min me interesa contrastar contigo (ollo, non enfrontar nin confrontar). Trinta anos en Asturias e doutorarse en Filoloxía inglesa na Universidade de Uviéu como ti me recordas, son máis que suficientes para conformar e establecer unha opinión respecto de todas as Asturias posíbeis, nos que saliento ao principio desta conversa. A historiografía "oficial" e mesmo canónica, españoliza o Principado de tal maneira, que a reconquista e/ou catolización de España, iníciase con Paio (don Pelayo) e a batalla de Covadonga.

Eu teño o bable, como unha variante dialectal do galego, mutatis mutandis, á que mesmo poderiamos engadir co antigo leonés e mesmo sayagués que mesmo cita Cervantes no ‘Quixote’. Política e Nacionalismo, aínda sendo dúas disciplinas, pódense englobar nun soa. No descubrimento do bable como alicerce identitario senón de toda Asturias, si dunha boa parte dela, que sen dúbida medrará ao tempo que decrecerá pola presión do castelán, moito maior e máis doada que nos lindeiros actuais da nación galega. Un antecedente da actual Academia do Bable, afondando un pouco, podería ser aquel IDEA (Instituto de Estudios Asturianos) de publicacións maioritariamente artístico-arqueolóxicas e ausentes os estudos lingüísticos, a filoloxía… Dito isto, Ana, en Galicia, como ti ben sabes, a situación do galego é dabondo alarmante. Unha colonización brutal e ignorante, propiciou unha diglosia estarrecedora que dificilmente poderías contrastar en Asturias. Para o bilingüismo hai que levar de conta varias cousas, e non se fai así. A diglosia é patética. Só a inmersión lingüística, sen máis pode salvarnos desta desfeita que procuran os ignorantes, galegófobos e lingüicidas....

Se me permites unha precisión, o asturianu (non me gusta o termo "bable" polas súas connotacións despectivas) é unha lingua derivada directamente do latín e, polo tanto, irmá do galego e non unha variante dialectal deste. Outra cousa ben distinta sería dicir que na franxa occidental de Asturias se fala galego. Dito isto, estou de acordo en que a inmersión lingüística sería a única forma de acadar unha normalidade lingüística que hoxe non existe en Galicia. Só mediante a inmersión lingüística será posíbel que o galego se converta na lingua pública común e sirva de elemento de cohesión social e de sinal dunha identidade galega forte e orgullosa.

 

Como especialista en literaura inglesa poscolonial, observas casos semellantes en Galicia, aínda que aquí o fondo e a forma enténdoas ben distintas, non é, Ana?

Sen dúbida. A teoría poscolonial é totalmente aplicábel no contexto galego e, de feito, moitas veces nas miñas clases trato de establecer paralelismos entre sociedades tan afastadas como a galega e as africanas para que o alumnado comprenda mellor certos conceptos. Os conflitos identitarios, a minorización lingüística, o autoodio, a deturpación da cultura e da historia propias... todas esas son cuestións que atopamos por igual en Galicia e en Nixeria, por poñer un caso. E tamén, por sorte, os discursos de resistencia, claro está.

A lei da paridade, non é un subterfuxio cínico que no fondo máis que na forma –repito- mantén vivo o patriarcalismo, o machismo, etc.?

En absoluto. É imprescindíbel que dende os poderes públicos se interveña para equilibrar as desigualdades. O poder tende sempre a perpetuarse e de momento continúa a ser masculino; polo tanto, aínda son precisas medidas legais encamiñadas a conseguir que as mulleres, que somos a metade da poboación, esteamos representadas como nos corresponde. Quero pensar que, co traballo que se está a levar a cabo dende o feminismo en todos os eidos, vai chegar un día en que a sociedade sexa o suficientemente madura como para que non sexan necesarias as cotas, un sistema que, por outra banda, se emprega constantemente nos partidos políticos e ninguén cuestiona cando non teñen que ver co xénero (como as cotas de idade, territorialidade, etc.). En calquera caso, a lei de paridade non pretende beneficiar as mulleres en detrimento dos homes: o único que procura é unha representación igualitaria entre ambos os sexos, e isto xa o deixou claro no seu día unha sentenza do Tribunal Constitucional, que non é un órgano sospeitoso de feminismo precisamente.

 

Un nacionalismo non socialista e internacionalista ten
sentido?

Habitamos un mundo internacionalista e non pode ser doutro xeito. Vivimos en rede, en permanente conexión, e isto é certo non só da economía senón tamén do mundo das ideas e dos movementos sociais. Canto ao socialismo, non concibo outro xeito de garantir a xustiza social.

 

Ninguén dubida da sincrética literatura xamaicana. O poeta e Nobel deLiteratura Derek Walcott, ten moito desa xeografías que ti estudaches. De sempre a "historia oficial" pretendeu inutilmente silenciar todo o aquilo que se opuxese aos seus escuros intereses. Toda se dá, aínda entre o sufrimento e a resistencia, xa o capitalismo poderiamos dicir que non oculta nada, ou case nada, a loita e desigual, ou non existe.Nalgúns lugares deste planeta, aínda que non de maneira uniforme, a escravitude perdeu a conciencia da súa condición, pois a moitos deles e delas, e o capitalismo espoliador fíxoos xefes/xefas de andar dos grandes e distintos pero non diferentes matadoiros do imperio… Cal é, xa que logo, Ana, a túa opinión?

Estou moi de acordo co que dis. No mundo capitalista, temos unha falsa sensación de liberdade que non é tal: vivimos encadeados ás necesidades que o propio sistema nos crea para se perpetuar. Este é o seu gran logro: facernos cómplices da nosa propia opresión e así neutralizar calquera posibilidade de revolución. Xa o dixo Gramsci hai un século e así seguimos! Por outra banda, no mundo contemporáneo hai tamén unha escravitude nada metafórica que moitas veces preferimos esquecer porque percibila suporía cuestionarmos o noso confortábel modelo de vida.

 

O idioma oficial, por así dicilo, da Universidade de Vigo, é o galego; porén hai docentes que o "conculcan", ben por ignorancia, ou por intención. Tes noticias disto, tanto nesta universidade como nas outras de Galicia?

O galego é de certo a lingua da Universidade de Vigo e así o recollen os seus Estatutos. Porén, os Estatutos non establecen a obriga de utilizalo e, polo tanto, aquelas/es docentes que empregan o castelán nas súas aulas non conculcan en ningún modo eses Estatutos. Evidentemente, o desexábel sería que os Estatutos recollesen o dereito do alumnado a recibir as súas aulas en galego. Está claro que se vivísemos nunha sociedade normalizada, a lingua propia había de ser a lingua común en todos os ámbitos da vida: na educación, na cultura, no comercio, na administración... Infelizmente, semella que as cousas andan por vieiros ben distintos nestes tempos.

 

O Estado das autonomías é máis aparente que real?

Abofé, e cada vez máis. Miro con envexa os movementos polo independentismo en Catalunya e gustaríame que nós o tivésemos igual de claro.

 

No ensino inicial é posíbel o trilingüismo na Galicia actual?

Ese "trilingüismo cordial" que preconiza a Xunta entre galego, castelán e inglés, e que quere importar agora a Generalitat valenciana, pon ben de manifesto o que diciamos ao comezo desta conversa sobre a situación (pos)colonial de Galicia. Situar o inglés ao mesmo nivel ca a lingua propia é unha manifestación máis do autoodio e o que agocha é un interese manipulador por desviar recursos imprescindíbeis para a supervivencia do galego a medio prazo. Se xa agora a escola é un axente desgaleguizador, con esta política o galego vai desaparecer do ensino e da vida cotiá dos cativos en moi breve prazo.

 

Monarquía e República… Tes algunha dúbida?

Ningunha: a monarquía é un sistema anacrónico e antidemocrático. E por se quedaba algunha dúbida sobre isto, hai uns días o príncipe herdeiro español xa se encargou de disipala, cando lle pretendeu calar a boca a unha cidadá que lle preguntou se favorecería a convocatoria dun referendo sobre monarquía ou república en España. Como obviamente non ten máis argumentos que o seu propio beneficio persoal (el cre no sistema, como non vai crer?) quixo despachala cunha resposta groseira pero moi elocuente: "xa tes o teu minuto de gloria, porque isto non chega a ningures". Velaí o respecto da monarquía española pola sociedade civil.

 

Eres asidua da literatura galega, e da literatura en xeral?

Por suposto. Son profesora de literatura pero, aínda que non o fose, non concibo a vida sen ler. É un dos maiores praceres que hai e dende ben pequena así o sentín. Agora, por motivos profesionais, adoito ler sobre todo literatura en inglés, de calquera procedencia xeográfica e cultural (quero dicir, non só literatura inglesa), pero procuro alternar lecturas nas diferentes linguas nas que teño a sorte de poder ler. E por suposto gústame estar ao día do que se escribe en galego, para min é unha maneira de comprender mellor esta cultura que me acolleu hai xa máis de quince anos.

O último que lin foi A Veiga é como un sitio distinto, de Eva Moreda, unha historia ambientada na comunidade galega no Londres dos anos sesenta. Tamén leo bastante literatura infantil co meu fillo. Iso si que foi un descubrimento: hai cousas interesantísimas neste campo, moito mellores ca as cursiladas que me tocou ler a min. Ultimamente andamos enganchados a O meu gato é un poeta de Fran Alonso, un libro magnífico que transmite o gusto pola poesía e o pracer de xogar coa linguaxe.

Con respecto aos credos, cal é a túa actitude, a miña é absutamente de rexeitamento, sexa cal sexa el…

Aínda que respecto a xente que ten inquedanzas espirituais, non podo coa intolerancia e os abusos das relixións, sobre todo das grandes relixións monoteístas, tradicionalmente aliñadas co poder e opresoras dos grupos máis febles e, en especial, das mulleres. E amólame moitísimo que se lle permita á Igrexa católica ter espazos na educación pública e que se financien colexios relixiosos con cartos públicos. Tamén me preocupa moito esta nova cruzada contra o islam, que se disfraza de protección dos dereitos das mulleres, cando o que agocha non son máis ca intereses xeopolíticos e económicos: os peores fundamentalistas están na conferencia episcopal e no Vaticano!

 

Distingues ben entre o portugués e o galego?

Unhas das moitas cousas que me aportou aprender galego foi a posibilidade de acceder ao portugués. Descubrir que co galego me podía entender con persoas de fala portuguesa de tantos lugares do planeta fíxome aínda máis difícil comprender por que tanta xente en Galicia renuncia voluntariamente á súa lingua e, o que é peor, priva dela ás súas fillas e fillos pechándolles as portas dun mundo moito máis amplo.

 

O tempo, pódelo retratar con palabras…?

O tempo é unha necesidade vital que, como case todo, só aprecias de verdade cando notas que che falta. Na vida contemporánea, coa súa velocidade vertixinosa e constante conexión, mudou a nosa concepción do tempo e, paradoxalmente, o tempo parece que estira e encolle asemade. As xornadas laborais fanse interminábeis porque sempre estamos en liña e cada vez custa máis manter barreiras que conteñan esa invasión da nosa vida privada e do noso tempo propio, o que non está ao servizo do sistema que nos devora. Ser quen de atopar eses espazos é o gran reto da nosa sociedade. Creo que todas e todos precisamos facer un downshifting que nos reconcilie con valores máis sans e positivos.

 

Mesmo o amor ten unha data non adiada de caducidade?

Hai moitos tipos de amor e moitas circunstancias. O amor ás veces non caduca senón que se transforma noutro tipo de amor. E ás veces caduca irremediabelmente, abofé.

 

Words, words, words, pon Shakespeare en boca da desesperanza de Hamlet; é todo unha verdade relativa?

Sen ceder á tentación de entronizar verdades absolutas, o que nos levaría a ditaduras intelectuais e doutro tipo, coido que é preciso evitar un relativismo excesivo, tan característico da nosa posmodernidade, e que pode facilmente conducirnos á inacción, que é un estado perigoso e, sobre todo, improdutivo.

Que libro ou libros non se che van da cabeza?

No seu momento impactáronme libros moi diversos, como La Regenta, Cien años de soledad, La casa de los espíritus, Matar a un ruiseñor... Cando cheguei a Galicia e comecei a ler en galego, un dos primeiros libros que lin foi Memorias dun neno labrego de Neira Vilas, que este ano celebra os cincuenta anos da súa publicación. Quedei impresionadísima coa tristura e a tenrura da historia. Pouco despois descubrín a súa tradución ao asturianu e regaleilla a xente da miña familia que se podía identificar perfectamente coa historia de Balbino. Por certo, hai unhas semanas fun ao fantástico espectáculo de Cándido Pazó baseado na novela de Neira Vilas e déronme moitas ganas de volver de novo ao texto orixinal. Máis recentemente engaioloume Sol de inverno de Rosa Aneiros, unha das miñas autoras favoritas. Tamén me gustou moito Carne de Eider Rodríguez; lino na tradución do éuscaro ao castelán e proporcionoume unha visión da situación en Euskal Herría moi diferente da que adoitan retratar os medios.

 

A poesía é en ti unha materia pendente?

Se te refires á creación, non considero que o sexa, nin a poesía nin tampouco outro xénero literario. Hai quen pensa que as críticas literarias e mesmo as profesoras de literatura son escritoras frustradas pero eu non o vexo así. A poesía paréceme un xénero imprescindíbel, como ben saben as miñas estudantes, e, como lectora, hai moitas/os poetas ás/aos que volvo con frecuencia.

 

Cal é o medo e mesmo o prezo da liberdade que constantemente arelamos?

Supoño que o maior medo á liberdade é o risco de equivocarse. A liberdade sempre implica responsabilidade sobre as nosas decisións e ás veces é difícil asumirmos as consecuencias dos nosos actos. O prezo? Cadaquén debe decidir o que está disposta a pagar a cambio da liberdade. Cada un/ha de nós temos renuncias diferentes.

 

Sen referentes poderemos seguir vivindo así…?

Mellor vivir sen referentes que vivir cuns referentes opresivos, ideados por elites manipuladoras, como as relixións. Os referentes hoxe en día deberiamos buscalos mellor en valores éticos e morais igualitarios centrados no ser humano. l

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS