Ana de Matos (Lugo, 1963) realizou a imaxe oficial da próxima edición de Estampa, a Feira Internacional do Gravado e as Edicións de Arte Contemporánea, que se celebrará en Madrid o próximo outono e que está considerada como unha das máis importantes do mundo. A artista, encadrada no movemento post-feminista, creou unha imaxe impactante, que utiliza o retrato dixitalizado da princesa Marie-Josée de Bélxica, saturado de cor e borrado polo efecto dunha man que oculta o seu rostro, para reflexionar sobre a historia de Occidente e a identidade das raíñas, agachada tras a carga dos símbolos.
Ana de Matos, que titulou a súa obra Hand Made II, xoga coa irrealidade que rodea as raíñas e as princesas, segundo son concibidas polo imaxinario social. Neste sentido, fai unha relectura do conto da Cincenta, "se cadra o máis importante da cultura popular pola promesa de ter poder e riqueza, presente na mente de moitas mulleres a través de frases como "esperar polo príncipe azul" ou tratarte como unha raíña", asegura a artista.