Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 18.06.2019 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS

Antía Otero: “Chaman harmónico ou restitutivo a un feito creado para relegar o galego”

“Entendo a poesía como un soporte no que podo comunicarme libremente comigo mesma”

Antía Otero está a traballar nun novo libro, pero sen marcarse data para rematalo  - FOTO: AXENCIAS
Antía Otero está a traballar nun novo libro, pero sen marcarse data para rematalo - FOTO: AXENCIAS

MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 11.04.2011 
A- A+

Antía Otero ( A Estrada, 1982) é escritora e actriz. Licenciada en Historia da Arte e formada artisticamente na Escola de Teatro Espazo Aberto, conxuga unha formación e produción artística interdisciplinar,  onde conflúen a escrita, a arte e a interpretación.  Na súa experiencia na creación escénica destaca como traballo máis recente Operatorio, performance teatral creada ao lado de Carlos Neira, e no terreo audiovisual: Tabernario (Toño Chouza), 24 ( Seném Outeiro), As Reliquias do Santo. (Toño López),  Dous Fragmentos (Eva) ( Angel Santos), OS ATLÁNTICOS (Beatriz de Monte, Gustavo Balza). Como poeta é autora dos libros  O Son da Xordeira e (Retro)visor, e no 2010 acaba de dirixir AMAZONA, a súa primeira curtametraxe de ficción como directora e guionista. Na actualidade dirixe varios obradoiros de escrita e creación artística baixo o nome de O ollo da arte, e imparte a materia de Novos Comportamentos Artísticos na escola de teatro Espazo Aberto. Vicepresidenta da Asociación de Escritores en Lingua Galega e colaboradora con diferentes centros e plataformas culturais do país, mantén a súa páxina web www.antiaotero.com

Poesía, se che parece Antía. Teño diante de min Retro(visor), onde hai, ao meu ver, máis conxuga que mestura. Explico o significando máis que o  significado dos dous vocábulos. Mestura é unha palabra produto da alienación dos individuos, do escravo ignorante da liberdade, “un ser feliz”. A conxuga representa a harmonía, a liberdade, a ironía, que non  por tal deixa de ser amargue. Observo nese case todo que enuncias mora e gravita o aceno, a xestualidade, a estética da non fetichización da mentira nin da verdade, a dor de pronunciar as cousas tal cal son, dentro da estética do seu nome, e tomo como exemplo estes versos do teu poemario: “a cuestión é programarse/ata a cegueira”. O que  antecede non me importa. Agabeo polas páxinas e atópome  con que “contigo é máis fácil/e non preciso can para saír da casa/sigo as pega-das sen escusas”. Entendo a vitalidade do ritmo para máis alá do son que delimita o norte imaxinario das palabras. Reflexiono sobre a túa poesía… Pódesme axudar, Antía…?
Como ben insinúas creo moito máis na conxugación ou hibridación que na mestura. A conxugación chama polo diálogo e pola necesidade de entenderse. Así entendo a poesía, como un soporte no que podo comunicarme libremente comigo mesma e con tod@s @s que queren achegarse a escoitar...Como Retro(visor), que é un libro no que o texto (o que se di) como o subtexto ( o que se desoculta) busca ser escoitado como un monólogo íntimo na penumbra dun cuarto. Por outra parte a hibridación é un concepto que a nivel artístico me interesa moitísimo. Buscar pontes entre diferentes linguaxes artísticas, investigar os espazos pouco transitados que quedan entre elas... Cando estou centrada niso sen chamar a máis mínima atención e sen outra procupación que a de sentir o proceso, sei que camiño. E iso é o que máis me importa na poesía, na arte e polo tanto na vida: camiñar sen unha hora de chegada.

O intimismo é como o simbolismo ou sinonimia das cousas que sabemos e non queremos denunciar, nomear?
No meu caso o íntimo ( que non o intimismo) si é unha ferramenta coa que denunciar e polo tanto desocultar. Gústame camiñar pola estreita liña que divide o real da ficción, porque é un espazo que coñezo e dende o que sinto a comodidade óptima para falar. E se seguimos a falar do íntimo..., contarei que cando estaba na escola e mandaban facer algún traballo de creación literaria con títulos tipo: “meu pai astronauta” ou “unha viaxe pola lúa” facíaos fatal... XDXDXD...e polo tanto o mestre chegaba á conclusión de que carecía de imaxinación. Supoño que falar do mundo dende a miña periferia xa tiña o seu peso daquela.

As vangardas son un froito que nace, consómese e desaparece definitivo?
As vangardas son impulsos necesarios e valiosos que nunca desaparecen de todo, porque teñen o gran don da reinvención.

Idioma, cuestións lingüísticas. O noso idioma, Antia, para non botar a perdelo, entre políticos profisionais e lingüistas “acelerados”, alcumaron pseudoadxectivos que van dende o harmónico, natural, restitutivo, e outros que agora non me veñen á cabeza. O trilingüismo proposto polo goberno do PP, téñoo por un aténtico disparate, un despropósito, sempre “dentro do contexto” que se propón. O bilingüismo galego-español; español-galego, dadas as circunstancias históricas que deberían de saber ben os diletantes ou aprendices de sociolingüistica é hoxe en día imposíbel. Só a inmersión lingüística e a discriminación positiva a favor do galego ata acadar unha máis que hipotética correlación de forzas ou equilibrio, sería –polo menos para min, o normal-. Ollo que non falo de opcións persoais! O que ti e máis eu falemos outros idiomas ademais do galego, portugués e castelán, non significa absolutamente nada verbo desta miña exposición. O sorprente “bilingüismo restitutivo” que propón o compañeiro Henrique  Monteagudo, é algo que eu respectosamente non acredito, en cuxo texto atopo graves contradicións nos termos que un dende logo non asume, e por suposto non acepta. Cal é, xa que logo, Antía, a túa reflexión a propósito desta miña non curta introdución?
Para comezar, colocar os adxetivos: harmónico, restitutivo ou (o que é resulta aínda máis insultante ) natural...a un feito que realmente está creado, milimetrado e consensuado para relegar o galego baixo o termo bilingüismo ao terreo etnolóxico, é querer facernos pasar por parvos. É obvio que unha lingua non se falará se non se coñece e se non se ensina a amala como algo natural (e agora eu si emprego o de natural ) e iso dada a situación, non é posible sen ter en conta unha discriminación positiva a favor do galego. Eu nacín no 82 e sei que a miña xeración puido desenvolverse con máis (ou menos!) naturalidade en galego, pois foi no 83 cando se acordou a Lei de normalización que se actualizou e aprobou por unanimidade no 2004 co Plan xeral de normalización...  Pero igual que vivín esa realidade tamén coñezo que no 83, antes de se acordar dita lei, na Estrada (a vila onde medrei) houbo mobilizacións en apoio a un mestre e unha mestra aos que querían sancionar por impartir as aulas en galego. E pregunto: Estamos lonxe de que iso volva ocorrer?... Ás veces penso que se os que nos gobernan (azuzados polos que os gobernan a eles), seguen a pensar que, polo simple feito de ocupar un cargo, poden esnaquizar o camiño que con esforzo e compromiso outros e outras foron abrindo, o dano será.... (tan grande que me custa pensalo)

O cine en Galicia aínda non atopou o seu lugar?
Como observadora comezo a ver en Galiza xente que camiña no compromiso de querer facer “cinema galego” e son algúns nomes os que se me veñen á cabeza, pero tamén noto que baixo este “veo” segue a existir moito “cinema feito en Galiza”. De todos os xeitos, sigo a pensar que neste país o cinema leva dito moi pouco en relación co que pode chegar a dicir... e para iso, entre outras cousas, fai falla confianza e tempo. Ás veces semella que nalgúns campos temos tanta necesidade de referentes que nos apresuramos a pórlles nomes e etiquetas ás cousas antes de que exista algo “real” a que poñerllas, e iso mátanos. Aínda así, nos últimos anos e grazas a entidades como a Axencia do Audiovisual, moitas novas miradas tiveron acceso a facer os seus traballos, partindo unicamente das súas ideas e sen mediación de empresas. Foi unha aposta valente que xa se está vendo recompensada.   

E o teatro?
Ao teatro galego e a escena en xeral, e máis neste momento, o que lle faltan son medios e soportes que o deixen vivir e seguir desenvolvéndose.

Eu sempre procuraría “obras abertas”, e o teatro, creo que é a única  disciplina que as admite. Refírome en que por exemplo o público forme parte e arte da obra, non é?
As obras abertas adoitan facer preguntas máis que respondelas...por iso o público inevitablemente forma parte delas.

O esplendor innegábel da literatura galega en todas a súas  manifestacións pode e debe ser motivo dunha fonda reflexión?
A literatura galega é unha das grandes xoias coas que contamos como pobo e que máis nos identifica como tal, por iso é merecente dunha e mil reflexións.
Noto, de xa hai ben de anos, unha estupendísima incorporación das  mulleres en todas as expresións literarias, pero preferentemente na poesía, que a min me resulta de grandísima altura, extraordinaria, non che parece tamén a ti, Antía?
A poesía galega ten unha grandísima altura estea feita por mulleres ou non.  Afortunadamente, como ben dis, nos últimos anos son moitas as voces de muller as que se foron sumando ao sistema literario, pero que teñamos máis visibilidade non quere dicir que cando non a tiñamos a calidade fose menor. Altura literaria e muller, por sorte xa é un binomio incuestionable nos nosos días, pero para que iso ocorrese foron moitas as que foron silenciadas e diso si que non debemos esquecernos.   

Coa narrativa e co ensaio que tal te levas?
Como lectora estupendamente...como escritora... danme moitísimo respecto.
Galicia (ou Galiza) é realmente unha nación colonizada?
É unha nación que convive e soporta demasidos factores externos que a agreden lingüística, cultural e territorialmente...e tanto é así que aquelas características que lle son propias e que deberían brillar por elas mesmas quedan desdebuxadas e mesmo borradas. Sen ir máis lon-xe...estes días na televisión pública galega como espectadores vémonos bombardeados por unha campaña publicitaria dun gran centro comercial onde se nos di que : Galicia tiene complejo.  Así e todo... moito soporta!!!!, porque... non só a menosprezan!!!, senón que ademais o fan en castelán na televisión pública que ela mesma mantén.

Monarquía e democracia no Estado español ten agora mesmo algún  sentido?
A monarquía non.

As relixións, calquera que sexan elas, son a negación do individuo e as súas liberdades?
A relixión e o poder, polo tanto a dominación sobre o individuo, sempre foron da man... Dende que teño siso eu sigo as palabras da miña bisavoa MamáCarmen. Ela nunca ía á misa e na casa que non fora á igrexa era algo normal, ata que un día cando xa tiña oitenta anos foi o seu fillo quen lle dixo: Hoxe que é domingo veña á misa con nós, oh!... – ao que ela contestou: Non vou, non vou-.
Meu avó sen pensalo respondeulle cómplice:Atea, que é vostede unha atea!. E que é iso? –preguntou a miña bisavoa. Que non cre en Deus, contestou meu avó... MamáCarmen mirou para el, mirou para a familia, gardou un pequeno silencio e dixo: Boh!, se non é mais ca iso...!!!

Tes algún libro de cabeceira nestes días da túa vida?
Agora mesmo estou con dous libros á vez. Por un lado unhas pezas de teatro de Koltés e polo outro a biografía que Mercedes Queixas acaba de publicar sobre María do Carme Krukenberg. Tenme completamente hipnotizada.

Tempo e amor… Cal sería a reflexión posíbel de Antía Otero?
Supoño que son dous termos inseparables. Dunha maneira máxica o tempo é sempre un amigo e un inimigo, un compañeiro imprescindible pero ao mesmo tempo o noso maior rival. Pero despois de todo.., e parafraseando o título dunha novela do grande Agustín Fernández Paz, direi que por sorte: “O único que queda é o amor”.

A felicidade pode constituír o estado de graza dos bobos?
Sempre penso que a felicidade como estado non é algo que se poida medir, pero si describir. Sei que cousas son as que me fan feliz... e na súa maioría nunca coinciden con aquelas que a sociedade di que son as mellores, ou as máis desexadas polos máis rápidos ou os máis listos.

O capitalismo é unha podremia que hai que desbotar da historia do seres humanos?
Digamos que por desgraza, o capitalismo (ese grande invento que nos venderon), leva moito tempo desbotando os seres humanos da súa propia historia.  

Trocarme nunha humilde flor dos camiños é unha ilusión dos meus  imposíbeis, aínda que sei que tamén murcharía; podería haber alguén que me recoñecese e se acordase entón de min?
Para iso deberás tocar ás portas da  arte, pois ela como ninguén ten ese poder... Interésame a arte que sanda, a arte que devolve a identidade e a conciencia. O recoñecemento e o recordo son parte fundamental deste xardín.

Cal é a memoria das mans?
A memoria das mans é o cuspe que miña avoa bota nelas antes de coller a gadaña... No rural tamén coñecemos o hardcore, aínda que vaiamos ao Sónar.

Podes anunciarme o teu próximo poemario, Antía?
Pois nel ando traballando, aínda que como dixen ao comezo desta entrevista... sentindo ben o proceso e sen data de chegada.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS