Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.07.2018 Actualizado 11:15
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

A sintaxe da violencia

Antón Lopo e Prado contra a violencia

A exposición , que se exhibe na Casa das Parra de Compostela, foi prorrogada até o día vinte de agosto

MARÉ . SANTIAGO   | 05.08.2006 
A- A+

GH
Iván Prado (de pé) e Lopo (no chan) durante a súa performance na rúa do Vilar
FOTO: GH

Os paseantes que onte percorreron Compostela atopáronse nalgunhas das súas rúas -entre a Praza do Toural e a Quintana- sete misteriosas siluetas de corpos xacentes. Estas sete siluetas foron o resultado de Campo de minas, a performance que desenvolveron ao longo da mañá Antón Lopo e Iván Prado como complemento da exposición Dentro, que se exhibe na Casa da Parra. A performance, que non estaba no programa previsto, xurdiu despois de que a Consellería de Cultura prorrogase até o vinte de agosto a exhibición da exposición, un proxecto desenvolvido por Antón Lopo ao longo dos últimos tres anos nun lameiro da Ulloa con dezaseis persoas.

Campo de minas é, en palabras de Lopo, un traballo sobre a violencia, cuestión que lle preocupa especialmente nun momento "en que o mundo parece perturbado por unha salvaxe necesidade de autodestrución", cun horizonte tan dramático como a guerra do líbano, as agresións constantes de xénero, as homófobas ou os enfrontamentos de relixións fanatizadas.

Por vez primeira, este poeta e performer utilizou recursos pictóricos nun dos seus traballos e, de feito, dúas das siluetas que integran Campo de minas quedaron gravadas no chan da Casa da Parra. Na próxima semana, intervirá sobre elas como extensión da propostade Dentro, onde a sombra é o elemento central.

Para Prado e Lopo este é o seu cuarto traballo xuntos, a maioría deles no ámbito da performance. A súa colaboración anterior foi, precisamente, en Dentro coa performance Co ceo a costas, unha intervención de marcado caríz político que levantou unha aceda polémica durante varios días na rede

Dentro, que superou xa os tres mil visitantes desde a súa inauguración o 19 de maio, é unha exposición que se distribúe en tres espazos. No primeiro, a xeito de introdución, preséntase o material documental, que dá paso a un segundo espazo onde se exhiben boa parte dos resultados fotográficos e verbais do proxecto. Nun terceiro espazo, construíuse unha peza específica para a Casa da Parra á que só se pode acceder descalzo.

Ademais de Campo de minas e Co ceo a costas, articulouse tamén a performance Debaixo das pálpebras, con cinco vacas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS