Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Xoves 17.05.2012  | Actualizado 02.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Maré

CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS

Antonio García Teijeiro: “Non hai vontade política de que o galego ocupe o lugar que lle corresponde”

05.04.2010  “Para un docente que ame a nosa lingua, o decreto provócalle unha sensación de ataque aos seus principios”

5.0/5 [9 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MANUEL VIDAL VILLAVERDE

Antonio García Teijeiro ten pubicado obras como ‘Arredor do teu corpo’ ou ‘Estelas de versos’ FOTO: AXENCIAS
Antonio García Teijeiro ten pubicado obras como ‘Arredor do teu corpo’ ou ‘Estelas de versos’
FOTO: AXENCIAS

Antonio García Teijeiro naceu en Vigo no ano 1952. Exerce como mestre de Ensino Primario e Primeiro Ciclo da ESO nun Colexio desta cidade. Colaborou nas páxinas literarias e pedagóxicas dos xornais e revistas máis prestixiosos de Galicia así como en diversos proxectos literarios con carácter reivindicativo.

Crítico e especialista en literatura infantil e xuvenil, imparte cursos de animación á lectura, creación literaria, obradoiros de poesía, conferencias, e ten participado en xornadas didácticas e literarias promovidas por distintas institucións. Durante oito anos dirixiu unha prestixiosa colección literaria para mozos, é autor de libros de texto e foi membro do xurado en importantes Premios literarios para rapaces. Varios dos seus libros foron incluídos nas Listas de Honra da CCEI e da revista CLIJ.

Gañou o Premio Merlín en 1996 con Na fogueira dos versos, libro co que entrou na Lista de Honra do IBBY (1998) e foi finalista do premio Nacional (1997). En 1998, un xurado internacional concedeulle o Premio Europeo Pier Paolo Vergerio, promovido pola Universidade de Padua, considerado un dos máis prestixiosos galardóns literarios de Europa. No VI Simposio de Literatura Infantil e Lectura da FGSR o seu libro Versos de agua (en galego Cacarabín, Cacarabón) foi elixido entre Los 100 del Siglo XX. O seu libro de relatos Trala liña do horizonte foi elixido como libro asociado do Fórum Barcelona 2004.

Gañou no ano 2006 o I Premio Illas Sisargas de Poesía erótica co seu libro Arredor do teu corpo. En 2007 gañou o Premio de poesía infantil Luna de aire convocado polo CEPLI / Universidade de Castela-A Mancha, co libro Estelas de versos, escrito en colaboración co escritor Rafael Cruz-Contarini. Así mesmo, os seus poemas figuran en múltiples antoloxías tanto en galego coma en castelán ou catalán en España e Latinoamérica. Algúns deles foron musicados por distintos grupos de Galicia e por músicos da categoría de Antón Seoane ou Paco Ibáñez. Como tradutor ao galego leva realizado diversos traballos dentro do eido literario infantil e xuvenil. Dirixiu o programa radiofónico de música e poesía Os sons do silencio.

 

Antonio, se mal non recordo no novo Decreto de Normalización Lingüística, hai unha proposta que a min me parece aberrante, é que infantil e primaria se impartan en castelán, deixando o galego fóra, pois son idades onde se fornece a cerna do galego; aquí xa se ve mala intención e se apuras eu diría que é un xeito perverso de manter a diglosia, o autoodio, etc. Cal é a reflexión que podes e queres ti facer, tanto do que che digo coma do estado da lingua galega en xeral?

En todo este Decreto hai unha falta evidente de respecto ao galego. Non hai vontade política de que o galego ocupe o lugar que lle corresponde na sociedade. É un ataque ao sentido común. Pódoche asegurar que nunca houbo conflito lingüístico nas aulas. Todo isto procede de grupos que queren facerse notar, que teñen intereses ideolóxicos ruíns e crean conflitos que non existen. Non se pode falar de nada ao cincuenta por cento cando hai unha lingua, o castelán, que ten unha supremacía evidente. Habería que facer unha inmersión lingüística real para que, co tempo, se chegue a ese bilingüismo do que falan. Hoxe en día, como tal, non se pode falar de procentaxes equitativas. Con este Decreto, o galego vai continuar en descenso. A súa presenza na escola faise imprescindible. Hai que reforzala; nunca, debilitala. Sinto unha impotencia enorme diante de todo isto. E as consultas aos pais… unha cousa de tolos! Para un docente que ame a nosa lingua este decreto, ademais de inxusto, provócalle unha sensación de ataque aos seus principios. Intolerable.

Como te sentes máis cómodo, como narrador ou poeta?

Teño moitos libros de narracións (relato curto e novela) infanto-xuvenís que é o meu eido. Pero están agochados tras a miña faceta de poeta. Non me importa. Hai tempo que asumín que a poesía era a miña mellor maneira de expresar o que sinto. E así o fago. Escribindo libros para nenos e nenas de todas as idades. Escribindo libros didácticos para que os ensinantes se animen a entrar na poesía. Facendo talleres, dando conferencias, tendo encontros cos lectores. E escribindo para os adultos. Dáme o mesmo en Colombia, Cuenca, Valencia, Miami ou calquera vila ou escola de Galicia.Quero estar presente alí onde poida haber un docente, home ou muller, que estea disposto a contaxiar o amor polos versos. Toda a miña vida zumega poesía, incluídos os meus traballos en prosa. A poesía é para min un verdadeiro xeito de vida.

Que tal te levas co ensaio en liñas xerais?

Acostumo ler ensaio literario e tamén ensaio pedagóxico, sen esquecer o político cando está relacionado co exilio ou cos distintos enfoques que a nosa cultura galeguista leva enriba. Interésame moito este xénero porque fortalece os meus coñecementos para emprender os proxectos persoais con fundamentos específicos e base real. Eu fago, no literario e no didáctico, certas incursións, normalmente no eido da poesía coa intención de compartir a miña experiencia cos demais.
Unha experiencia que lle poida servir a alguén para, por exemplo, conseguir que os rapaces non vivan de costas á literatura, como nos pasou a tantos de nós. E aínda segue a pasar.

Cal é a túa opinión sobre a falla de autoestima do pobo galego sobre a súa cultura e polo tanto a súa lingua?

A falta de autoestima vén provocada dende hai moitísimo tempo por escuros intereses políticos, por certo, nada democráticos. As persoas descoñecen a realidade histórica, social e cultural de Galicia. Non interesou achegar a brillante traxectoria cultural ao pobo. Déronnos doses de folclorismo mal entendido. Esa era a cultura. Limitaron a nosa grandeza neste e noutros campos. Encheron de complexos a xente. Agochouse de onde procedemos. Sementouse a inferioridade con relación á cultura española. O pobo non coñece; xa que logo, non ama, non sente, estima e vive na dependencia do que pasa máis alá do Padornelo. Non se pode amar o que se descoñece. Eu vivino en primeira persoa e descubrilo provocou en min rabia e impotencia. As dúbidas asaltábanme. Estaba confundido. Loitei, moitas veces ás cegas, comprometéndome e niso sigo. A sensación de que che roubaron moito nunca a perdín. De aí que nunca debamos baixar os brazos. Éche unha loita continua.

Con palabras Antonio, serías quen de facer un retrato do tempo?

Un tempo de moitísimos cambios. Un tempo tinguido de materialismo atroz, de beneficios económicos brutais, de incomunicación, de insensibilidade social. Un tempo necesitado de utopías, de esforzos afectivos e solidarios no cotián para recuperar a fe no ser humano. Un tempo necesitado de música e poesía. Un tempo no que as referencias cheguen a ser a xusticia social, a paz e o respecto. Un aperturismo xeneroso ás novas realidades para que as persoas se sintan integradas e ilusionadas por vivir. Non debemos caer no desánimo malia os referentes tan baleiros que nos amosan.

As consignas aznarianas ou aznaristas, non che parece a ti que a súa pretensión é facer desaparecer o galego ou cando menos mantelo nun estado inferior para perpetuar o autoodio e polo tanto ferir de morte o noso idioma?

Existen persoas que prefiro borrar do meu dicionario vital. Quen é esa persoa para dar consignas sobre o noso idioma? Como di Paco Ibáñez, temos o inimigo dentro e hai que botalo fóra. Somos os galegos os que temos de decidir que modelo de sociedade queremos, que lingua queremos falar e por iso debemos loitar desde o convencemento de que o facemos porque o sentimos, porque é o xusto e non podemos deixar morrer os nosos sentimentos de amor a unha terra que moitos desexarían enferma.

Non che parececería máis xusto, dada a situación certamente desesperanzadora, quero dicir de dominio do castelán sobre o galego, unha discriminación positiva a favor do noso idioma ata lograr a harmonía perseguida?

Evidentemente. Cando escoito falar de que o castelán está ameazado polo galego non sei se rir ou chorar. Terías que ver o esforzo que teño que facer para que os meus alumnos falen galego na aula. Custa unha barbaridade. E eu empregando o elemento afectivo para que se animen. Ás veces, parece imposible acadar os obxectivos marcados. Menos mal que, co paso do tempo, notas que van avanzando. Que conseguen certa autonomía en galego oral e escrito. Pero que falen con normalidade, difícil, moi difícil. Dóeme moito ver cando chega á escola un rapaz ou rapaza galegofalante e pouco a pouco vai perdendo o hábito de falar en galego. Para seguir escoitando que o castelán está ameazado. Vergoñoso.

A literatura galega vive un momento de esplendor ou hai luces e sombras?

A literatura galega está á altura de calquera literatura estatal coas súas luces e as súas sombras. E non digo nada da literatura infanto-xuvenil que, por certo, tamén é literatura, non o esquezamos. Penso que vivimos unha boa época literaria, con diversidade de xéneros, temas, estilos, editoriais e a aparición de novos autores e autoras. Sen autocompracencia, debemos sentirnos satisfeitos e seguir avanzando por esta senda de orgullo co que se fai aquí.

As traducións de autores galegos son máis necesarias, escasas?

Xa se está a dar o caso contrario. Traducir ao galego autores de diversas literaturas. É un detalle de normalización. Sería moi bo que se traducisen máis obras de autores galegos dos que se traducen, pero xa sabes ti as regras do mercado. Un bo exemplo está, unha vez máis, na LIX. Tradúcense bastantes autores infantís ás diferentes linguas do Estado. É moi gratificante. As traducións permiten un intercambio que enriquece o criterio literario e fai lectores máis formados, abertos e esixentes.

O bilingüismo de moitos xornais de Galicia, non resulta estarrecedor?

A min encantaríame que houbese diarios en galego unicamente. Pero a nosa realidade é a que é, e xa sabes como funciona isto. Gustaríame, por exemplo, que a edición de Galicia de certo xornal importante fose en galego… pero ¡que lle imos facer! Mira, A Nosa Terra, coa nova liña, é un exemplo a seguir. E eu penso: valóranse de verdade proxectos xornalísticos coma este? Que responda quen queira.

Monarquía parlamentaria e democracia… Non é esperpéntico, e polo tanto un antagonismo insoportábel?

Vaia pregunta! Prefiro non afondar no tema. É complexo. Eu creo que a monarquía foi, para os que deseñaron o futuro político deste país, a única canle posible para iniciar unha transición política da ditadura á democracia. E así estamos. Eu coido que aínda vivimos esa transición. Cústalles a moitos renegar do franquismo a estas alturas. Levanta bochas falar das vítimas da guerra, da memoria histórica…Todos son atrancos. Incrible, pero certo.

Nun Estado federal co recoñecemento das distintas culturas e nacións as cousas non pintarían mellor?

Eu coido que si. Para min o Estado das Autonomías debería ser un primeiro paso para chegar, co tempo, a un Estado federal. Mais son consciente da dificultade que entraña. Hoxe por hoxe resulta case imposible, pero o enfoque debería ser ese.España é un conxunto de realidades e sensibilidades que non se deben afogar.

É realmente o Estado español laico, aconfesional?

A Constitución así o di, pero eu penso que hai quen se resiste a que isto sexa real. A Igrexa, representada pola Conferencia Episcopal, segue a querer marcar a súa moral a unha sociedade que está a abrirse á modernidade. Isto supón un lastre. Temos que crear resortes para evitar que non nos confundan co seu discurso interesado. Eu respecto as crenzas relixosas de cada quen, sempre que non entorpezan o desenvolvemento dunha sociedade laica e aconfesional. O relixioso é un acto íntimo e privado, e debe ser respectado como unha opción persoal. Odio as imposicións veñan de onde veñan.

En que órbita se sitúa García Teijeiro diante dos credos?

Tiven que loitar moito para desfacerme de certas influencias político-relixiosas que me estaban a facer moito dano. Son consciente de que sempre deixan pegada. Eu creo na liberdade do ser humano para elixir o mellor e o que lle corresponde sen asoballar os demais, na súa preparación para facelo, na loita para ser mellor, non para ter máis, na solidariedade, na paz, na xustiza… en fin, en todas esas actitudes da vida que temos aquí, que nos permiten ocupar un espazo positivo na nosa sociedade para desenvolver con honestidade os nosos labores cotiáns, que son, en definitiva, por onde poden producirse os cambios.

Unha República Socialista Galega, solidaria e internacional… Que che parece?

Non me gustan os grandes títulos de nada. Eu quero unha Galicia dona de si mesma, aberta, solidaria, xusta, onde os galegos e galegas sexamos conscientes da riqueza agraria, industrial, cultural, idiomática, artística que posuímos e nos sintamos orgullosos diso. Unha Galicia que non perda a súa identidade, sen complexos, orgullosa do seu papel nun mundo que, quizais, está a globalizarse demasiado.

Pode ser a vida un ‘desiderato’?

Ten que selo. Vivir ten que ser un sentimento intenso e constante de que te moves. Tes que ser consciente de que hai evolucións e un debe estar atento a elas. Debes poñer os teus valores diante e crer neles porque son auténticos. Deben ser o reflexo da túa actitude nunha vida que nos esixe respostas e hai que dalas desde a honradez e o coñecemento do papel que xogas nunha sociedade complexa que, en demasiadas ocasións, te pon ao límite.

É máis que merecente Méndez Ferrín do Nobel?

Ferrín é para min un referente literario imprescindible. A súa literatura axudoume a abrir canles necesarias para ter un criterio serio, tanto como lector e como autor. A súa obra sempre está á miña beira. Sería moi bo para a literatura galega que lle desen o Nobel, máis que nada para que transcenda a certos niveis a boa literatura que se fai en Galicia. Sería unha chamada de atención para que a xente reparase na grandeza das chamadas linguas minorizadas.

E Manolo Rivas, con tanta e boa obra?

Gústame o Manolo Rivas xornalista, poeta e narrador de relatos curtos. Penso que abriu camiños moi necesarios para a dignificación da nosa literatura sen renunciar a unha ideoloxía de esquerdas e nacionalista. E non é doado nos espazos polos que se move. É un bo exemplo de coherencia literaria e humana. El, coma Suso de Toro e moitos outros, prestixian as nosas letras.

Politicamente onde abeiras?

Non son home de partidos específicos, de siglas que, ás veces, din pouco da realidade. Non me vexo acatando decisións tomadas por disciplinas de partido. Síntome de esquerdas, creo nunha clase de socialismo e nacionalismo galegos, que garanta os nosos dereitos coma persoas e como galegos. Loito por unha sociedade máis humana, menos egoísta. Vivo aberto a todo aquilo que me poida producir emoción e sentirme útil nun mundo tan confuso coma este. Procuro apoiar as causas que me parecen xustas e reivindicar o dereito a tomar decisión propias como pobo. Tampouco non podo agochar a sedución que me produce o espírito republicano, tan avanzado social, cultural e pedagoxicamente.

Agardas unha Galicia libre e soberana de si?

Quero unha Galicia dona das súas decisións, aberta a outras realidades e que non perda as súas raíces nin a capacidade de medrar nun mundo que pretende uniformizar comportamentos e características singulares. Unha Galicia libre de complexos, feliz de ter unha lingua de seu e unha cultura en continua evolución que nos faga máis modernos e emprendedores.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS