Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

alén das fronteiras

Are you Caldas?

Aparece en inglés "A praia dos afogados" de Domingo Villar, que se confirma como o primeiro best-seller mundial que escribe en galego

A.R. LÓPEZ . SANTIAGO   | 13.04.2011 
A- A+

AXENCIAS
Domingo Villar, que ambienta as súas novelas na costa de Vigo, é o autor que escribe galego con maior repercusión editorial no mundo
FOTO: AXENCIAS

Death on a Galician Shore é o título en inglés de A praia dos afogados, a novela de Domingo Villar que acaba de ser traducida por Sonia Soto para a editorial Abacus dentro da colección bestsellers internacionais. Esta é a segunda novela de Domingo Villar que aparece en inglés, despois da publicación por Arcadia, no 2007 de Water-Blue Eyes (Ollos de auga), traducida por Martin Schifino, e confirma a repercusión internacional do escritor galego, presente nestes momentos en varios países do mundo, entre eles Italia ou Xapón.

Con esta nova novela de Villar, a Literatura galega comeza a arrabuñar espazo nos andeis británicos, onde o ano pasado se publicou -con notable éxito de crítica- Os libros arden mal, de Manuel Rivas, con tradución de Jonathan Dunne.Sen dúbida, Rivas é o grande embaixador galego na lingua inglesa -como recolle a páxina do propio Dunne-, xa que boa parte da súa obra recente pode atoparse nas librerías británicas: no 2001, traduciuse O lapis do carpinteiro (tamén a cargo de Dunne), no 2002 ¿Que me queres amor? -co título Vermeer"s Milkmaid and Other Stories-, e no 2003 En salvaxe compaña. Todas estas traducións correron a cargo de Dunne, responsable tamén da antoloxía que, recentemente, lle dedicou a revista Poetry Review á poesía galega contemporánea.

Álvaro Cunqueiro e Alfredo Conde contán cada un con dous libros dirixidos ao lector inglés: de Cunqueiro poden ler Xente de aquí e de acolá (1989) e Merlín e familia (1996), mentres que de Conde están dispoñibles Xa vai o grifón no vento (2000) e Romasanta (2006).

Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas (2004), e Arredor de si de Ramón Otero Pedrayo (2007) completan unha lista de narradores na que figuran tamén A semellanza de María Xosé Queizán (1999), Cousas de Castelao (2001) e Vento ferido de Carlos Casares (2004).

De entre os poetas históricos da Literatura galega, os afeccionados británicos teñen acceso ao De catro a catro, de Manuel Antonio, traducido para Puckerbrush Review no 2001 por John Burns.

DATOS

Presenza tamén de poetas

Tres son os poetas galegos actuais con nome propio na edición inglesa: Chus Pato, María do Cebreiro e Miguel Anxo Murado,. deles, Chus Pato é a de maior representación, xa que foron traducidos o seu emblemático m-Talá (2009) e Charenton (2007), ambos a cargo da candesa Erin Moure. María do Cebreiro ten Non son de aquí (2010) e Murado Bestiario dos descontentos (1993).

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS