Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

Contra os arquetipos musicais

Ophiusa presenta mañá ‘Sen Planeta’ no Salón Teatro de Santiago

MARÉ . SANTIAGO   | 26.04.2010 
A- A+

Ophiusa naceu en Compostela en 1986 e tivo novas incorporacións en 2005

O grupo compostelán Ophiusa -Ramón Feáns Chiri, Paulo Gacio, Paco Nogueiras, Antonio Presedo, Antón Bello e Dani Riveiro- presentará mañá no Salón Teatro de Santiago, ás 20.30 horas, o seu segundo disco de estudio, Sen Planeta.

A música da banda experimenta neste segundo traballo unha evolución cara á parte máis "eléctrica e ecléctica dentro do seu son".

Autoproducido e gravado nos seus propios estudios -Pink-, o disco foi facturado de maneira que a banda puido traballar sen presións e con liberdade, e iso traduciuse na posibilidade de experimentar sen présa, de probar, de xogar coa música e coas posibilidades que ofrecen aparatos como os sintetizadores analóxicos ou os secuenciadores.

Os nove temas incluídos no disco están compostos por eles na súa totalidade, salvo a inclusión dun fragmento do poema de Paul Eluard, Liberté, recitado por Gérard Philipe, na canción que abre o CD, Siga a ese coche.

Sen Planeta é o resultado desa "liberdade creativa absoluta", fillo da imaxinación e da creatividade sen atrancos e enfrontado directamente aos convencionalismos. "Unha metáfora do compromiso coa singularidade fronte a unha realidade cada vez máis estruturada e arquetípica", sinalan.

 

Neste CD dan "un xiro á contemporaneidade"

Se no seu debut discográfico -Paos, finalista nos Premios de la Música 2008 na categoría de mellor canción cantada en galego- a banda traballaba con ritmos existentes na música popular global (como reggae e bluegrass) ademais dos ritmos que son propios de Galicia tales como a muiñeira, en Sen Planeta a música de Ophiusa "dá un xiro cara á contemporaneidade".

Ophiusa conta neste disco con colaboradores de primeira liña da escena folk coma Bieito Romero (Luar na Lubre), Óscar Fernández (bOnOvO), Benxamín Otero (Linho do Cuco) ou o guitarrista Valentín Caamaño, entre outros. O grupo ten tocado nos máis salientables escenarios do eido do folk, tales como o Escenario Runas do Festival de Ortigueira, o Festival Irmandiño de Moeche, o Festival Folk Cuartu de Los Valles en Asturias, a Festa do Lugnasad en Bretoña ou as Festas do Apóstolo en Compostela. O grupo tamén ten realizado xiras polas illas británicas, chegando a representar a Galicia en festivais como o Eisteddfod de Llangollen (Gales).

Ademais de actuar en Compostela, o vindeiro 6 de maio presentarán o seu CD na Sala Clavicémbalo de Lugo, e o 8 de maio, no Bar Liceum do Porriño.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS