Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

solidariedade

A arte da cooperación

O Festival Implícate dedicará este ano a súa recadación para loitar contra o infanticidio feminino no sur da India

MARÉ . SANTIAGO   | 04.01.2011 
A- A+

Xoán Rey (Efe)
Yolanda Castaño (dereita) con María Reimóndez e Luís Tosar na presentación do Festival Implícate, que se celebra o día 9 en Compostela
FOTO: Xoán Rey (Efe)

A poeta Yolanda Castaño e o actor Luis Tosar volverán ser os presentadores do Implícacte, o festival solidario que desde hai seis anos se celebra en Compostela. Segundo destacou Castaño na presentaciónm do festival, previsto para o próximo domingo no Teatro Principal, "vincula a cultura e a arte galegos coa cooperación".

Os ingresos do despacho de billetes irán á Organización Non Gobernamental para o Desenvolvemento (ONGD) Implicadas non Desenvolvemento, que realiza proxectos para a cooperación ó desenvolvemento, en especial das mulleres, tanto en Galicia como no estranxeiro.

En concreto, o recadado este ano destinarase a loitar contra o infanticidio feminino no Sur da India, mediante accións de apoio ás mulleres embarazadas e sensibilización da poboación local. Segundo datos da organización, na zona en que traballa a ONG "morren ou deixan de nacer" 200 nenas ó ano.

No espectáculo intercalaranse representacións musicais, teatrais, de danza e literarias, con información acerca das accións que está realizando a ONG. O conxunto de actividades durará aproximadamente dúas horas.

Segundo Yolanda Castaño, encargada de contactar cos artistas que participan no festival, buscouse tanto a presenza feminina como a "diversidade" nos estilos dos participantes á hora de elixilos. A escritora galega afirmou que este ano se espera que se enchan as 400 prazas de que dispón o Teatro Principal, no que será o último espectáculo do teatro antes do seu peche por obras.

Implícate será introducido polo colectivo de cirqueros Pista Catro e contará coa presenza do conxunto de folk feminino Leilía, o grupo de rock ordense Som do Galpom e a cantante de hip hop viguesa Wyza. Ademais, o Centro Coreográfico Galego realizará un espectáculo de danza.

No apartado de teatro e humor, representarase a peza Life is a paripé, coa colaboración dos actores Iolanda Muñoz e César Goldi. Así mesmo, Quico Cadaval realizará unha intervención en forma de monólogo. Ademais, os escritores galegos Anxela Gracián, Lino Braxe, Marica Campo e Séchu Sende levarán a cabo un recital lendo extractos das súas obras.

Luis Tosar, presente na roda de prensa, explicou que colabora con Implicadas non Desenvolvemento, tanto neste espectáculo como na campaña "200 en 1", que pretende conseguir 200 novos socios para a organización. O actor dixo tamén que, aínda que 2010 foi "un ano terrible" e os habitantes do Norte están en circunstancias "moito máis difíciles", non se pode esquecer que "no Sur estase pasando moito peor" ca en Occidente. Tosar engadiu que "hai que facer moito para que o mundo sexa máis equilibrado do que é".

O PERFIL

Maior visibilidade

Ademais de Yolanda Castaño e Luís Tosar, asistiron á presentación do festival a presidenta de Implicadas no Desenvolvemento, María Reimóndez, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez,

María Reimóndez lembrou que Implicadas no Desenvolvemento é unha ONG con trece anos de existencia, caracterizada por ser galega e ter "o xénero como base de todo o traballo".

Desde hai seis anos desenvolve este festival que serve "para dar visibilidade ao traballo de Implicadas e voz ás mulleres do sur".

As entradas para o festival están á venda na billeteira electrónica de Caixa Galicia (https://taquilla.caixagalicia.es), onde se habilitou tamén unha fila cero para aquelas persoas que non poidan asistir ao espectáculo, pero desexen facer unha achega económica. O propio día do festival tamén poderán ser adquiridas as entradas no despacho de billetes do Teatro Principal.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS