Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 30.04.2017 Actualizado 18:10
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

DESEño

Arte portátil para vestir

Maya Kapouski -pseudónimo de Lucía García- expón no Centro Torrente Ballester de Ferrol as súas camisetas cun reno bordado, unha instalación que o visitante pode levar posta ao marchar

VANESA OLIVEIRA . COMPOSTELA   | 05.11.2010 
A- A+

AXENCIAS
Debuxo da camiseta de Maya Kapouski, pseudónimo de Lucía García, a creadora coruñesa que expón en Ferrol
FOTO: AXENCIAS

"Arte portátil lista para levar". É a sinxela e revolucionaria formulación que propón Lucía García (A Coruña, 1987) -baixo o pseudónimo de Maya Kapouski- na mostra Unha camiseta, un museo, aberta dende o pasado 30 de outubro no Centro Torrente Ballester de Ferrol. "A arte deixa de ser arte cando se converte en moeda de cambio", asegura a moza, formada en Belas Artes e Deseño Téxtil, que sorprende os visitantes do centro ferrolán coa imaxe do seu reno "humanizado" estampado en camisetas -unha edición limitada de 250 que se poden mercar ao prezo de dez euros- e no teito da propia sala.

Con esta instalación, Maya quere expresar que "non fan falta tantos medios e coñecementos para poder ofrecer arte". Deste xeito, a creadora amósase crítica coa mercantilización actual do mundo da arte, unha actitude que reflicte colgando na rede a maioría dos seus traballos artísticos, centrados na fotografía, as instalacións, a escultura e a performance. "En internet podes chegar a moita xente dunha forma moi simple e facelo, ademais, sen prexuízos. Facilítame o feito de mostrar a miña forma de traballar e permíteme tamén ver moitos puntos de vista e traballos doutra xente", afirma Lucía-Maya.

O cotián, a alimentación, a indumentaria, o fogar ou a cidade son os vectores da súa obra. "As accións máis sinxelas e habituais poden chegar a ser arte". Noutra palabras, Maya converte en "extraordinario o ordinario". "Gústame redirixir a mirada cara ás cousas cotiás que parecen invisibles e por iso deixamos de valorar cando estamos rodeados de cousas incribles. Feitos tan normais como cociñar ou pasear pola rúa poden ser moi interesantes", reflexiona.

Foi precisamente cando comezou a colgar os seus traballos no seu blog cando decidiu desdobrarse como Maya Kapouski. "É a bipolaridade entre a persoa do día a día e a que se converte en creadora. Así separo as dúas vidas: unha na realidade, Lucía, e outra, Maya, en internet, un microcosmos con personalidade propia", comenta.

Lucía -que está a cursar un Máster en Arte Contemporáneo, Creación e Investigación na Facultade de Belas Artes de Vigo- participará o vindeiro 18 de novembro no Proxecto 6x6 do Verbum coa intervención A palabra signo, creada xunto a Elefante Elegante (María Torres e Gonçalo Guerreiro). E tamén colabora con dous arquitectos nun traballo artístico sobre a N-550 que atravesa Galicia.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS