Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
"Os artistas saen á rúa á procura de público para as súas obras. Sen mediacións de institucións, galerías, críticos, comisarios"... Así se presenta a iniciativa Os espontáneos, que convida hoxe, de 12.00 a 14.00 horas, á praza do Toural, en Santiago, a todos os artistas -pintores, gravadores, performers, poetas, fotógrafos...- que queiran achegarse.
A idea inicial, -proposta polo colectivo ArTeu e Miguel Melero-, era facer unha convocatoria por internet, segundo a filosofía do "pásao", para quitar a arte á rúa por sorpresa, nun lugar e nun momento inesperados. Pero dada a preocupación pola seguridade do Ano Xacobeo, "decidimos facelo con permisos... Pero nas seguintes ocasións será unha quedada por sorpresa", explicou Xacobe Meléndrez, un dos impulsores de Os espontáneos.
O obxectivo é contribuír á "reconciliación da arte coa sociedade" xa que, -opina Meléndrez-, as artes plásticas "volvéronse cada vez máis elitistas", e o público foise afastando dos museos, galerías... "Sempre houbo artistas ligados aos movementos sociais, e artistas de palacio. Agora segue a haber artistas que están cos movementos sociais, pero a segunda tendencia reforzouse", cre. En oposición con isto, "hai artistas que quedan en pisos e levan as súas obras... E pubs que teñen unha programación cultural de primeira liña. Mesmo os museos fan esforzos por saír á rúa...", explicou.
Neste contexto, ArTeu leva arte a espazos nos que "sorprende", nun mundo da imaxe, para así provocar unha reflexión: "un taller, unha peixería...", lembrou.
