Mércores 08.09.2010  | Actualizado 18.03      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

galardón

As emocións capitás

09.12.2009 Marcos S. Calveiro: "Gústame o feito de gañar o Premio Lazarillo cun libro en galego, nesta lingua que algúns consideran inútil"

0.0/5 [0 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

V. OLIVEIRA . SANTIAGO

Marcos Sánchez Calveiro acadou este ano o Premio Nacional de Crítica pola súa novela ‘Festina lente’ FOTO: Ramón Escuredo
Marcos Sánchez Calveiro acadou este ano o Premio Nacional de Crítica pola súa novela ‘Festina lente’
FOTO: Ramón Escuredo

A idea atraeulle dende que a apuntou no seu caderno hai dous anos: Van Gogh pintou nos 69 días do verán de 1890 un total de 79 cadros na vila francesa de Auvers-sur-Oise, antes de se pegar un tiro. Trasfondo no que Marcos S. Calveiro enmarcou O pintor do sombreiro de malvas, a novela en galego que acaba de facerse co Premio Lazarillo de creación literaria, o máis antigo na literatura infantil e xuvenil española. "Gústame o feito de gañalo, sobre todo, nesta lingua, o galego, que algúns consideran inútil. Porque competiu con obras escritas noutras linguas como castelán, éuscaro ou catalán", asegura o autor.

O libro, que chegará ás librerías na primavera de 2010, en galego en Xerais, en castelán en Edelvives, en éuscaro en Ibaizabal -e tamén é probable que saia en catalán- supón un chanzo máis para o autor, nado en Vilagarcía de Arousa en 1968, que este ano se fixo co Premio Nacional de Crítica por Festina lente, a súa obra de maior éxito. Distincións que se unen ás conseguidas nos últimos anos como o Premio Ala Delta en 2007 con O carteiro de Bagdad ou o Barco de Vapor en 2008 por O canto dos peixes. "Sábense os que gaño, pero non os que perdo!", exclama o autor que lle resta importancia ás súas distincións.

O pintor do sombreiro de malvas baséase nas máis de 700 Cartas a Theo, que o pintor holandés se intercambiou co seu irmán e tamén nos lenzos dos seus últimos días de vida. "Van Gogh pintou moito, dende obras mestras até cadros horrorosos, ou mal acabados. No libro trato de dar unha explicación a por que se suicidou", comenta Calveiro.

E faino a través dos ollos dun cativo -que aparece retratado nun cadro do artista, cunha flor nos beizos- que é enviado dende París a Auvers coa súa tía para mellorar o seu comportamento adolescente. "Un día ve chegar a Van Gogh na estación de tren e comeza con el unha relación de amizade, na que atopa unha vía de escape do pequeno mundo provinciano no que se aburre", explica.

Unha relación na que reflexionan sobre o amor, a vida, a morte, Deus ou a arte. Pensamentos como "as pequenas emocións son os grandes capitáns das nosas vidas" inflúen na aprendizaxe do protagonista, que vive o seu primeiro amor, o seu primeiro desengano, o seu primeiro bico... A novela tamén recolle personaxes como o doutor Paul Gachet que invitou ao artista holandés a Auvers, ou lugares como a pensión Ravoux, onde vivía, e que inclúen as biografías do pintor.

 

"Existen prexuízos coa literatura infantil e xuvenil"

Dende que debutara na literatura galega con Rinocerontes e quimeras en 2006, Sánchez Calveiro considera que a día de hoxe aínda existen "prexuízos coa literatura infantil e xuvenil". Na súa opinión, "parece que se non escribes para adultos, non es ninguén. Eu simplemente son escritor. Son os meus lectores os que dirimen se un libro se publica nunha colección para adultos ou para nenos aínda que dende un punto de vista egoísta, é máis fácil traducir obras da literatura infantil e xuvenil que outras como Festina lente que, tendo moito éxito, custou moito pasar do Padornelo".

Na actualidade, Calveiro, que traballa como avogado en Vigo, está a corrixir as últimas probas da que será a súa segunda novela para adultos, Settecento, que tamén será publicada por Xerais. "É a miña novela veneciana. Ambientada no século XVIII, relata os últimos anos de vida de Vivaldi. Nela aparecen personaxes como Casanova sendo un rapaz e desenvólvese en cidades como París, Viena, Venecia e Compostela. A obra fala de música, de ópera e está inspirada nos últimos anos de decadencia da cidade de Venecia e tamén de Vivaldi", explica. Malia coincidir nas súas últimas novelas en abordar os últimos días de vida dun pintor e dun músico, Calveiro desbota publicar unha terceira sobre o mesmo tema. "Xa a teño escrita e non trata ningún tema semellante", apunta.

ANN DUMAS, EXPERTA EN ARTE

"Van Gogh non era un xenio tolo senón un artista concienzudo"

Contrariamente á súa imaxe de lenda, proxectada polo cine, Vincent van Gogh non era un "xenio tolo", un "maníaco" que creaba a golpe de inspiración visionaria, senón un artista tremendamente "traballador e concienzudo".

"Crese que sufría algún tipo de epilepsia, pero non traballaba cando se atopaba nese estado", sinala a experta británica Ann Dumas nunha entrevista con Efe, que prepara a exposición O auténtico Van Gogh: o artista e as súas cartas para a Royal Academy of Arts londiniense que se celebrará do 23 de xaneiro ó 18 de abril do 2010.

"É certo que era unha personalidade apaixonada, pero ao mesmo tempo tiña unha gran cultura, froito da súa voracidade lectora", afirma Dumas. "Van Gogh era ademais un excelente escritor", engade a experta.

A Royal Academy reunirá, xunto a 65 pinturas e trinta debuxos, preto de corenta cartas, escollidas, segundo Dumas, de entre o centenar que conteñen debuxos mediante os cales o pintor informaba visualmente ó seu irmán, Theo, do cadro no que estaba ocupado ou que acababa de pintar. Van Gogh foi un artista tremendamente prolífico xa que nos dez anos de actividade artística da súa curta vida (1853-1850), produciu máis de 800 cadros e 1.200 debuxos. Pero foi tamén un asiduo escritor de cartas: consérvanse 902, delas 800 no museo Van Gogh, de Amsterdam, que constitúen un testemuño excepcional sobre a evolución da súa arte e as súas opinións ao redor doutros creadores como Delacroix, Degas, Émile Zola ou Dickens.

A maioría están dirixidas ó seu irmán, que apoiou a Vincent economicamente toda a súa vida, pero Van Gogh escribiu tamén a outros familiares, como a súa irmá, Wilhelmina, ou a outros artistas, entre eles Anton Van Rappard, Emile Bernard, Paul Gauguin ou o australiano George Russell. En 1914, a viúva de Theo, Jo Van Gogh-Bonger publicou en forma de libro unha primeira edición das cartas, pero ata este ano non aparecera unha edición completa e anotada. Antes de dedicarse á pintura, Van Gogh traballou como o seu irmán varios anos -tres deles en Londres- como marchante para a firma Goupil Cie, na que traballaban tamén os seus tíos.

Sábese que visitou a Royal Academy of Arts e tamén a Dulwich Gallery, sinala Dumas, segundo a cal durante a súa etapa de marchante puido ver non só cadros da escola holandesa e a francesa de Barbizon senón tamén moitas reproducións de obras de arte coas que traballaba tamén aquela firma de marchantes.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS